Só dúas cidades Patrimonio da Humanidade están vixiadas por cámaras e Santiago é a que máis ten

A Catedral de Santiago e a súa contorna, na praza da Quintana © Concello de Santiago

A aparición, o pasado 12 de marzo, de cinco pintadas na Catedral de Santiago e a súa contorna apenas medio ano despois da que aparecera nunha das columnas da fachada das Praterías deu lugar a un rexeitamento xeneralizado deste tipo de agresións ao patrimonio cultural. Os feitos foran feitos públicos dende o Concello que, a través do alcalde, Martiño Noriega, subliñara a necesidade de "lanzar unha mensaxe unánime" para "apelar á responsabilidade, porque cando se atenta contra bens como a Catedral, aténtase contra o conxunto da cidadanía".

Compostela conta con 32 cámaras en toda a cidade e Salamanca ten 16; as outras trece integrantes do grupo de cidades Patrimonio da Humanidade non contan con este tipo de vixilancia

Poucas horas despois de que o consistorio revelase o acontecido unha comitiva da Xunta encabezada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na que tamén foi inserido o voceiro do PP local, o ex-conselleiro Agustín Hernández, visitou a zona sen previo aviso ao goberno local. O Goberno galego divulgou con rapidez a visita, anunciando que ía "promover" de "xeito inmediato a instalación de cámaras de vixilancia na Catedral de Santiago" para "que este tipo de atentados contra o patrimonio non se repitan".

Tras días de declaracións de diversos responsables do PP esixindo a instalación inmediata de cámaras, a cuestión acabou chegando á mesa da asemblea do grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, celebrada a pasada fin de semana na capital galega. Alí o alcalde compostelán compartiu o acontecido co seus homólogos das outras catorce urbes que ostentan este título no Estado. E estes confirmáronlle que só dúas das quince cidades Patrimonio están controladas por cámaras. Ou, dito doutro xeito, só as teñen Santiago, que conta con 32 en toda a cidade -a maioría no casco vello-, segundo confirman fontes municipais, e outra máis, Salamanca, onde hai 16.

Alcaldes e alcaldesas das cidades Patrimonio, en Santiago durante os días da asemblea © Concello de Santiago

"Este problema resólvese con educación"

O presidente do grupo das Cidades Patrimonio, Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca polo PP, ratificaba ao expoñer as conclusións da asemblea que "das quince cidades só Santiago e Salamanca teñen cámaras" para afrontar "o vandalismo, que tamén sufrimos na miña cidade", onde apostan por combatelo, alén da "vixilancia" con programas educativos, especialmente dirixidos á mocidade, para "concienciar da importancia do patrimonio".

O alcalde de Cuenca (PP) e o rexedor de Mérida (PSOE) resaltan que as súas cidades tamén sofren "vandalismo" e advirten, ao fío das pintadas na Catedral compostelá, de que "con medidas coercitivas non se soluciona de raíz un problema que é de educación"

Nun sentido semellante pronunciábase o alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez (PSOE), presidente da comisión de cultura do grupo de cidades Patrimonio. "Nós tamén temos vandalismo, como todas as cidades" e, ao seu xuízo, "este é un problema que se resolve con educación". "Con medidas coercitivas non se soluciona de raíz un problema de educación e civismo", afirma o rexedor estremeño, dende cuxo punto de vista hai "discusións" máis urxentes nestas cidades monumentais, como "o impacto económico que xera manter este patrimonio".

O propio Noriega admite a súa "sorpresa" ao comprobar que, fronte "á polémica da videovixilancia" suscitada en Santiago, o certo sexa que a capital galega sexa a cidade con máis cámaras. "Tamén é representativo de determinadas dinámicas", coida o rexedor compostelán, que ante os seus homólogos advertiu de que a intención do Concello de Santiago é "mellorar a rede" de cámaras que xa existe -o goberno local prevé que volvan gravar as imaxes este mes- e non abrir novos debates para converter a cidade nun Gran Irmán". Mentres, os traballos de limpeza da pintada máis visible, a da escalinata do Obradoiro, xa remataron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.