Técnicos forestais da Xunta, en folga para denunciar o "incumprimento" da lei para a redución da temporalidade no emprego público

Folga de enxeñeiros de montes e enxeñeiros técnicos forestais da Consellería do Medio Rural ©

Este persoal reclama o cumprimento da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

Dende o pasado 6 de maio un amplo grupo de técnicos forestais temporais da Consellaría de Medio Rural están a levar a cabo unha folga indefinida. Este persoal reclama o cumprimento da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Trátase dun grupo de enxeñeiros de montes e enxeñeiros técnicos forestais da Consellería do Medio Rural, temporais de longa duración, "que vemos perigar os nosos postos de traballo por un incumprimento da lei por parte Xunta", explican.

Sinalan que a Lei 20/2021 regula un concurso de méritos para as prazas ocupadas temporalmente dende antes do 1 de xaneiro de 2016 e para as prazas de interinos que teñen unha relación temporal coa administración dende antes desa data. "Xa estamos fartos de tanto abuso continuado durante anos e agora queren que moitas prazas de interinos de longa duración vaian a unha oposición, sen respectar o disposto na Lei 20/2021, que regula quen debe ir a un concurso de méritos”, din.

Bombeiros forestais da BRIF de Laza, na extinción do incendio de Montes (Cualedro), na noite do 13 ao 14 de setembro de 2020 CC-BY-SA Brif Laza

Denuncian que "acabaron ocupando os postos peores da súa categoría profesional: os peor remunerados, os de destinos máis recónditos ou os de maoir carga de traballo"

Este persoal denuncia que ao longo dos últimos anos estes traballadores temporais, cunha media de idade que supera os 50 anos, "acabaron ocupando os postos peores da súa categoría profesional: os peor remunerados, os de destinos máis recónditos ou os de maoir carga de traballo". Durante este tempo, engaden, "sacaron o traballo adiante con ilusión, especializándose no desempeño destes traballos concretos, acumulando experiencia neles, e tamén foron sumando anos e cargas familiares". 

"Xa estamos fartos de tanto abuso continuado durante anos e agora queren que moitas prazas de interinos de longa duración vaian a unha oposición, sen respectar o disposto na Lei 20/2021, que regula quen debe ir a un concurso de méritos”, din

O pasado ano o Goberno central aprobou o Real Decreto Lei 14/2021, co que se comprometía a sacar unha lei para poñer freo á temporalidade e a pagar unha indemnización por despedimento aos traballadores temporais da administración de longa duración que perderan o seu posto de traballo no proceso de consolidación, igual que se vén facendo na empresa privada. A lei recolle a obriga das administracións públicas de convocar un concurso de méritos extraordinario con aquelas prazas ocupadas de xeito temporal dende o 1 de xaneiro de 2016, para valorar a experiencia dos temporais máis veteranos, sinala este grupo de traballadores.

Monte galego © Asociación A Monte

"O Goberno galego decidiu saltar a obriga legal de sacar a concurso a maioría das prazas de enxeñeiros de montes e enxeñeiros forestais, ocupadas por temporais de longa duración, e prefire acabar coa temporalidade cunha oposición", denuncian

Porén, indican, "ante a sorpresa de moitos, o Goberno galego decidiu saltar esta obriga legal de sacar a concurso a maioría das prazas de enxeñeiros de montes e enxeñeiros forestais, ocupadas por temporais de longa duración, e prefire acabar coa temporalidade desas prazas doutro modo, cunha oposición", engadindo que "a data de hoxe seguen sen ter as prazas claras que van a concurso ou a oposición". 

Mentres, a Consellería de Facenda e Administración Pública lembra que "as únicas prazas que se poden incluír na oferta de estabilización son as que se axustan aos requisitos que establece a lei 20/2021" e explica que a lei 20/21 non se publicou ata o 29 de decembro "e nela establécese que non se incluirán como prazas a estabilizar as que foran convocadas con anterioridade á entrada en vigor da lei", engadindo que "non se establecen excepcións".

"As convocatorias de decembro realizáronse para seguir avanzando na execución das ofertas pendentes, moi numerosas nos últimos anos, coa idea de seguir reducindo a temporalidade. Deste xeito, ademais, evitábase o perigo de que as prazas caducasen, de non publicarse en 2021", defende a Xunta

O Goberno galego defende que "as convocatorias de decembro realizáronse para seguir avanzando na execución das ofertas pendentes, moi numerosas nos últimos anos, coa idea de seguir reducindo a temporalidade. Deste xeito, ademais, evitábase o perigo de que as prazas caducasen, de non publicarse en 2021". En todo caso, a lei establece que se poderán incluír as prazas convocadas que queden desertas nos procesos xa convocados. "Por iso se incluíron a totalidade destas prazas, pendentes de, no seu caso, axustar o número exacto nas correspondentes convocatorias", explica a Xunta.

Nun comunicado, este grupo de profesionais sinalan que "as oposicións convocadas terían sido ben recibidas fai uns anos. Pero agora, en maio de 2022 e coa Lei 20/2021 vixente, non é legal asignar a estas convocatorias as prazas que xa por lei teñen que ir a un concurso de méritos".

Árbore CC-BY-SA AlexCuevasG

"Son laboral con 24 anos de antigüedade, en situación de fraude dende fai dúas décadas e súmome á folga porque estou cansa de que nos pisen", di MFCC

MFCC incorporouse ao Servizo de Montes de Pontevedra en febreiro de 1998, para máis tarde traballar na central Provincial de Incendios e nun distrito forestal. Dende maio do 2009 está no servizo de Montes de Pontevedra facendo o mesmo traballo co que comezou na administración, xestión de fondos europeos. "Son laboral con 24 anos de antigüedade, en situación de fraude dende fai dúas décadas e súmome á folga porque estou cansa de que nos pisen. Para os enxeñeiros de montes, agrónomos, agrícolas e forestais da Consellería do Medio Rural deberían ofertar, cando menos, 135 prazas en concurso de méritos pero a realidade é que nos eliminan 96. Non pode quedar ningunha praza atrás, a Xunta ten que cumprir a Lei", explica.

Mentres, MGF, funcionaria interina dende hai 20 anos na Xunta ocupando posto de enxeñeira de montes, explica que “nas últimas oposicións convocadas, resoltas fai un ano, aprobei sen praza dúas oposicións, unha no grupo A1 Enxeñeiro de Montes e outra no grupo A2 Enxeñeiro técnico forestal; para a miña sorpresa, ofreceron aos aprobados moitas máis prazas que as convocadas, quedando prazas vacantes; agora a Xunta volve incumprir, ofertando só unha plaza de enxeñeiro de Montes pura a concurso, sabendo que somos moitos compañeiros os que cumprimos os criterios de temporalidade da lei. Non hai empresa que non valore a antigüedade e a formación”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.