Para acabar coa precariedade entre os bombeiros forestais

Bombeiros forestais a traballar na extinción do incendio de Dodro e Rianxo o 26 de marzo de 2019 CC-BY-SA Brif Laza

Nos primeiros meses da pandemia popularizouse a fórmula traballos esenciais, os imprescindíbeis para a continuidade da vida social. Inxenuamente púidose pensar que ese recoñecemento traería consigo unha mellora das condicións de traballo e o aumento dos salarios máis baixos

Nos primeiros meses da pandemia popularizouse a fórmula traballos esenciais, os imprescindíbeis para a continuidade da vida social. Inxenuamente púidose pensar que ese recoñecemento traería consigo unha mellora das condicións de traballo e o aumento dos salarios máis baixos. Porén, a consideración capitalista das traballadores e traballadores como unha mercadoría, a forza de traballo, só pode ser atenuada pola mobilización teimuda, intelixente e decidida. 

O colectivo de bombeiras e bombeiros forestais exemplifica esta realidade. Realizan un traballo esencial no que se anoan a protección da sociedade, casas, explotacións agrarias, infraestruturas de enerxía, coa protección do monte, da natureza. Mais, o colectivo padece unha grande precariedade. Dos 5.700 efectivos, a maioría contratados pola Consellería de Medio Rural, mediante convenios cos concellos, máis da metade, 3 mil, formalizaron contratos temporais: 1.400 de 12 meses, 600 de nove meses e case mil por 6 meses. En total unha taxa de temporalidade superior ao 52%, que dobra a estatal, 26%, e a galega, 25%, as máis altas entre os 27 Estados da Unión Europea. Unha situación que só se pode cualificar de intolerábel.

Bombeiros forestais, loitando contra o lume en Lobios Dominio Público @BrifLaza

O colectivo padece unha grande precariedade. Dos 5.700 efectivos, a maioría contratados pola Consellería de Medio Rural mediante convenios cos concellos, máis da metade, 3 mil, formalizaron contratos temporais: 1.400 de 12 meses, 600 de nove meses e case mil por 6 meses

En 2019 a Xunta convocou un proceso de selección aberto para cubrir postos de traballo no sector durante 3 anos na modalidade de fixos-descontinuos. Esta modalidade produce unha secuencia de vida precaria. O primeiro ano traballan medio ano e non cobran o paro pois non acumularon a cotización mínima de 12 meses; o segundo ano, traballan outros 6 meses, cobran o paro 4 meses e outros 2 carecen de ingresos. O terceiro ano, comeza outro ciclo. En cada ciclo completo de 24 meses perciben un salario 12 meses, o paro 4, e 8 meses viven dos escasos aforros que poidan xuntar. No entanto, bombeiras e bombeiros, a as súas familias, non hibernan e necesitan pagar alimentos, enerxía, vivenda, roupa, bens culturais en modo continuo e non fixo-descontinuo.

En 2019 a Xunta convocou un proceso de selección aberto para cubrir postos de traballo no sector durante 3 anos na modalidade de fixos-descontinuos. Esta modalidade produce unha secuencia de vida precaria. En cada ciclo completo de 24 meses perciben un salario 12 meses, o paro 4, e 8 meses viven dos escasos aforros que poidan xuntar

Desde finais de 2020, o colectivo desenvolve unha teimuda, intelixente e decidida loita co obxectivo de acadar estabilidade para o que propoñen a creación dun corpo de “traballador@s forestais”, denominación que demandaron e que portan con orgullo. O xermolo inicial partiu do distrito Vigo-Baixo Miño para espallarse por todo o país, combinando a organización sindical e a autónoma. 

Recolleron sinaturas nun manifesto que acadou importante repercusión e apoio de intelectuais e técnic@s, manifestáronse, convocaron concentracións e realizaron un esclarecedor labor de información mediante entrevistas e publicacións de artigos en distintos medios escritos analóxicos e dixitais. Insiren as súas reivindicacións laborais lexítimas, o dereito a vivir dignamente do traballo, nun marco máis largo, o da prestación de servizos social e ecoloxicamente útiles desde o sector público, que debe ser un eixo central dunha outra política económica que necesitamos. Unha política dos coidados, coidados aos seres humanos e coidados a un medio natural en risco. Alíñanse así coas reivindicacións do persoal sanitario, educativo, de axuda á autonomía e á dependencia e de movementos cidadáns como Eólicos, así non.

Os bombeiros , aplaudidos nunha manifestación a prol dunha nova política forestal e de loita contra o lume CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Desde finais de 2020, o colectivo desenvolve unha teimuda, intelixente e decidida loita co obxectivo de acadar estabilidade para o que propoñen a creación dun corpo de “traballador@s forestais”, denominación que demandaron e que portan con orgullo

Por iso o colectivo advirte de que inevitabelmente deberemos facer fronte a lumes de sexta xeración, de extraordinaria virulencia, para os que non existe dispositivo que poida apagalos. E propoñen, como especialistas que son, participar nunha política forestal dirixida a ordenar o monte, eliminar as especies pirófitas nas beiras dos núcleos urbanos, crear descontinuidades forestais e pastos nas zonas gandeiras e, en definitiva, unha paisaxe máis resiliente adaptada ao aumento das temperaturas e ao descenso das precipitacións como consecuencia da mudanza climática. Unha política de prevención na que é necesario actuar durante todo o ano e non só nuns poucos meses.

Nas reivindicacións das bombeiras e bombeiros forestais xúntanse a loita contra a precariedade laboral, contra a pobreza no traballo, situación que padece o 13% das persoas asalariadas, e por unha outra economía que tome a serio a crise ecolóxica e a adaptación á mudanza climática. Para conseguilas, amais da súa vontade de loita, necesitarán apoio político e social. É de xustiza. É de interese común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.