"Hai que acabar coa precariedade entre os traballadores forestais e fixar un modelo público e único"

Sebastián Hernández, secretario de Apropiga © Praza Pública

A Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galicia (Apropiga) traballa dende hai anos demandando melloras nas condicións laborais dos traballadores do dispositivo de loita contra o lume e apostando por un modelo único, público e coordinado, do que actualmente carece Galicia. Vellas reivindicacións e eivas que se fixeron evidentes nos últimos días, toda vez que o Goberno galego tivo que incorporar de forma urxente os 500 traballadores de Seaga e os 436 de Medio Rural que foran despedidos o 30 de setembro. Falamos con Sebastián Hernández, secretario de Apropiga, que advirte que moitas destas contratacións se fixeron de forma "irregular" e que demanda da Xunta que abra un espazo para que todos os sectores implicados analicen o actual funcionamento do dispositivo e poidan deseñar "un modelo que sexa público e único, redimensionado, polivalente e eficaz". Alerta ademais de que "non hai fórmulas máxicas" e de que "isto non se amaña a curto prazo". "O que non podemos é ter un rural abandonado e despois esperar que non arda", resume.

"Nunca houbo interese en tratar a cuestión con todos os sectores implicados: comunidades de montes, ecoloxistas, gandeiros, sindicatos, entidades profesionais..."

O dispositivo de loita contra o lume é suficiente? Como se mellora? 

Non hai fórmulas máxicas, quen diga iso minte. Isto non se amaña a curto prazo. O problema é que aquí a Xunta nunca negociou nada, nunca houbo interese en tratar a cuestión con todos os sectores implicados: comunidades de montes, ecoloxistas, gandeiros, sindicatos, entidades profesionais... Todos teñen algo que dicir e a partir do que todos acheguen, pódense comezar a buscar solucións a medio e longo prazo. Hai que analizar todas estas cuestións para, despois, deseñar un modelo de dispositivo.

Pero en todo caso, tendo en conta os traballadores que só teñen contrato no verán e que remataron o 30 de setembro, o número de efectivos era o adecuado?

Hai 2.000 traballadores que dependen da Consellería, no SPDPIF e máis da metade son interinos, é dicir, atópanse nunha situación contractual precaria. Unha parte están 12 meses, outros 9 meses e outros 3 meses, os famosos 436 dos que fala todo o mundo estes días. Estes 436 foron cesados o 30 de setembro porque no seu contrato figura que non poden traballar máis de tres meses, son fixos-descontinuos. Son vixilantes, condutores de autobomba e emisoristas, fundamentalmente. E ao final a Xunta tivo que chamalos e fíxoo de forma irregular, porque a propia Xunta recoñece que non poden traballar máis de tres meses ao ano.

"Ao final a Xunta tivo que chamalos e fíxoo de forma irregular, porque a propia Xunta recoñece que non poden traballar máis de tres meses ao ano"

No verán contrátase un reforzo de 500 traballadores a través da empresa pública Seaga. Todos estes traballan tamén tres meses, unicamente, e cesaron ao comezar outubro, e tamén tiveron que chamalos de novo. Tarde, iso si, porque aínda que pareza mentira dende a Xunta non se preveu esta situación. Hai outros 275 brigadistas contratados por tres meses a través dos concellos, mediante convenios coa Xunta. Porén, a Xunta non exerce coordinación e cada Concello decide cando os contrata: en xullo, en agosto... E estes si que non poden ser re-contratados. Despois están as brigadas helitransportadas; agás tres bases que son públicas, o resto están todas en mans privadas, de Natutecnia. Eses medios tamén foron chamados estes días, aínda que non o sabemos con seguridade, porque a forma en que traballan esas brigadas é moi escura, hai moi pouca información. Todo este dispositivo en condicións normais sería suficiente, pero o domingo as circunstancias eran extremas.

"Non hai unha coordinación real entre todos os equipos de emerxencias para atender adecuadamente o novo modelo de incendios"

Fallou a coordinación?

Hai que mellorar a coordinación dos medios, hai que traballar nisto, pero a Consellería nunca fixo nada ao respecto. Por exemplo, non existe coordinación entre o 112 e o 085. E estes días os bombeiros de Vigo denunciaron que non houbo unha coordinación axeitada para loitar contra os lumes que rodearon a cidade. A realidade é que non hai unha coordinación real entre todos os equipos de emerxencias para atender adecuadamente o novo modelo de incendios. Primeiro, desestacionalizados: hai incendios importantes antes do verán e tamén despois do verán; xa este ano houbo en marzo unha declaración de alto risco. Segundo, cada vez son máis virulentos por mor do abandono do rural. E, terceiro, achéganse cada vez máis aos núcleos habitados, sobre todo naqueles lugares nos que hai unha continuidade monte-casas. Entre outras cousas porque a lexislación non se está aplicando como debería; as faixas de protección de incendios, que o PP rebaixou de 50 a 30 metros, non se están cumprindo.

"Hai que acabar coa precariedade no sector e hai que establecer un modelo que sexa público e único, e que sexa ademais polivalente: que atenda á prevención, á extinción e tamén ás emerxencias"

Hai que incidir máis na prevención e menos na extinción?

Dise moito iso de que hai que gastar menos en extinción e máis en prevención. Ben, pero que fas entón? Deixas de gastar en extinción? Deixas de apagar os lumes? Se ninguén che acude cando hai un incendio, a xente acusaría a administración de non gastar suficiente en medios profesionalizados de extinción. Hai que entrar no debate sobre que modelo de emerxencias necesitamos. Agora mesmo o que hai é un modelo fragmentado e privatizado e iso hai que mudalo. Eu non che vou dar un modelo concreto, porque hai moitos puntos de vista, moitas posibilidades e isto debe ser debatido entre todos. O que si teño claro é que hai que acabar coa precariedade no sector e hai que establecer un modelo que sexa público e único, e que sexa ademais polivalente: que atenda á prevención, á extinción e tamén ás emerxencias.

"As condicións son moi distintas para cada traballador: Medio Rural, Seaga, Tragsa, Concellos, Natutecnia... En cada lugar hai condicións de acceso e selección diferentes, diferentes salarios e modalidades de contrato"

Como son as condicións de traballo, contractuais e salariais dos traballadores forestais? Inflúe isto na eficacia do dispositivo?

Non che podo dar unha resposta xeral, porque as condicións son moi distintas para cada traballador: Medio Rural, Seaga, Tragsa, Concellos, Natutecnia... En cada lugar hai condicións de acceso e selección diferentes, diferentes salarios e modalidades de contrato. Nos Concellos a realidade aínda varía máis de unha localidade a outra: diferentes soldos e diferente equipamento, algúns contratados por concurso obxectivo e outros seleccionados de calquera xeito. En calquera caso, e con estas variacións, unha parte moi importante si está nunha situación precaria: a pesar da súa elevada cualificación están en interinidade e non saben se van traballar ao ano seguinte. E os salarios son en xeral baixos; e estamos a falar de xente que xoga a vida, non estamos a falar de parvadas.

"Os salarios son en xeral baixos; e estamos a falar de xente que xoga a vida, non estamos a falar de parvadas"

Nós pedimos que, a igual traballo, haxa iguales condicións e salarios. E para conseguir iso hai que apostar por un servizo público e único, redimensionado e polivalente. Para acadar este modelo eficaz, viable e útil, hai que convocar mesas de traballo entre a consellería e as organizacións profesionais e sindicais. Eu non teño o modelo ideal, pero o que si sei é que hai que traballar e falar para chegar a el.

Hai que mellorar outros elementos: formación, equipamento...?

Hai que mellorar o equipamento: cada administración e cada empresa equipa as súas brigadas como lle parece, sobre todo os concellos, que nalgúns casos facilitan equipos de protección que se poden cualificar de cuestionables, como pouco. Hai que mellorar tamén a formación. Os bombeiros forestais seguimos excluídos de facto da Academia Galega de Seguridade, onde se forman todos os corpos de emerxencia de Galicia. A nosa formación limítase a un curso duns poucos días e veña, a apagar incendios.

"Nunca se analiza que se fixo ben ou mal o ano anterior. O Pladiga debe ser un plan que aprenda dos erros do pasado para mellorar e debe ser debatido e redactado por todos oso sectores implicados"

Pódese mellorar a redacción do Pladiga?

O Pladiga é o documento que debe rexer o traballo durante todo o ano e non se aproba en xaneiro nin en febreiro, chegou a aprobarse uns días antes do comezo da tempada de alto risco do verán [este ano, o 30 de xuño]. Pero o máis importante é como se aproba: elabórao a consellería, lévao ao Consello Forestal -no que están representados produtores, comunidades de montes, ecoloxistas..., pero no que os profesionais estamos excluídos-, poñen o documento enriba da mesa e non se aceptan correccións nin emendas e inmediatamente lévano ao Consello da Xunta, que o aproba. Nunca se analiza que se fixo ben ou mal o ano anterior. O Pladiga debe ser un plan que aprenda dos erros do pasado para mellorar e debe ser debatido e redactado por todos os sectores implicados.

"O que non podemos é ter un rural abandonado e sen futuro económico porque non compensa vivir alí. Temos un rural abandonado e despois queremos que non arda"

En todo caso, máis aló de mellorar a eficacia do dispositivo de prevención e extinción, onde está a clave para evitar os incendios?

O problema dos incendios forestais ten que enfocarse do xeral ao particular. O xeral é o mundo rural, como se organiza. O que non podemos é ter un rural abandonado e sen futuro económico porque non compensa vivir alí. Temos un rural abandonado e despois queremos que non arda. O eucalipto ou o piñeiro non son a causa dos incendios, pero a súa presenza masiva si explica o comportamento do lume.

"A maior parte dos incendios comezan por un interese persoal de alguén, pero a xente que inicia os incendios son veciños, non hai tramas organizadas"

Quen lle planta lume ao monte? Os traballadores credes que hai tramas organizadas?

Por que arde o monte? Porque hai incendiarios, porque en moitas parroquias hai xente que lle mete lume ao monte. A maior parte dos incendios comezan por un interese persoal de alguén, pero a xente que inicia os incendios son veciños, non hai tramas organizadas. A xente que lle mete lume ao monte é porque non quere que a vexetación lle chegue ás casas, ou porque quere afastar o xabarín ou o lobo, ou porque quere atopar os marcos, ou porque quere caza, ou porque quere ter pastos para o gando. Non hai que descualificar ningún colectivo en concreto, os colectivos non son culpables, os culpables son persoas. E hai algúns casos de piromanía, de xente que está enferma.

"En Galicia o lume sempre se usou, aínda hoxe concédense todos os anos milleiros de permisos para queimas. Esa mentalidade hai que ir cambiándoa pouco a pouco"

En Galicia o lume sempre se usou, aínda hoxe concédense todos os anos milleiros de permisos para queimas. A xente está acostumada tradicionalmente a manexar o lume para queimar os restos agrícolas e forestais. Esa mentalidade hai que ir cambiándoa pouco a pouco. Ten que haber un proceso de concienciación, de cambio de usos e de costumes. A poboación ten que concienciarse, ten que denunciar os incendiarios.

 

Sebastián Hernández, secretario de Apropiga © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.