A investigación oficial pide á Armada unha auditoría do seu buque Intermares tras non poder entrevistar ao oficial de garda no momento do choque co pesqueiro Romo Dos, cuxos dous tripulantes foron rescatados ilesos
O 25 de novembro de 2019 o barco escola e de cooperación pesqueira da Armada Española Intermares chocou ás 8.25 horas da mañá na ría de Vigo, á altura da illa de Toralla, co pesqueiro Romo Dos, de Cangas, que traballaba na zona. O pesqueiro afundiu e os dous mariñeiros foron rescatados ilesos.
Agora a investigación oficial elaborada pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) do Ministerio de Transportes vén de emitir o seu informe sobre o sinistro no que revela que o barco da Armada incumpriu varias normas de navegación e non contestou a varias chamadas dos controladores do tráfico marítimo da ría de Vigo. Os investigadores tamén piden á Armada unha auditoría dos seus procedementos de navegación empregados no seu buque despois de non poder entrevistar o oficial de garda e obter a súa versión da documentación que remitiu a propia Armada.
Segundo a investigación agora feita pública [aquí o PDF], avanzada este xoves por Faro de Vigo, o barco da Armada agardaba á hora fixada para recoller un práctico do porto de Vigo nun punto determinado. Mentres esperaba realizou diversas manobras fóra da canle de entrada na ría e acabou batendo contra o pesqueiro que pescaba nunha zona de navegación costeira e mantiña unha traxectoria recta. A investigación conclúe que o patrón do pesqueiro, que estaba buscando boias de aparellos que deixara previamente na zona, debeu vixiar mellor a súa navegación. Pero pon fundamentalmente o foco no comportamento do barco da Armada.
Segundo a investigación, o Intermares navegou durante 17 minutos en dirección contraria á establecida no dispositivo de tráfico do porto de Vigo, saíu da canle de entrada na ría “sen que estivese nunha situación de emerxencia para evitar un perigo inmediato que o obrigara a iso”, “sen gobernar de acordo coas posibilidades que ten este buque” e co oficial de garda “ignorando a recomendación do mariñeiro servente do radar” de que fixese outro movemento distinto. “Como resultado desta manobra indebida, o buque Intermares invadiu unha zona de navegación costeira na que non debía estar orixinando unha situación de risco que tivo grande influencia en que se producira o accidente”, conclúe a investigación.
O documento di que o barco da Armada realizou unha "manobra indebida" e "invadiu unha zona de navegación costeira na que non debía estar", como así foi advertido polo control de tráfico despois de non contestar a varias chamadas
O documento engade que “na ponte do Intermares non se exerceu unha vixilancia eficaz” e que o barco “non participou no dispositivo [de entrada e separación de buques na ría] na forma establecida”. E recolle o intercambio de chamadas entre o centro de control do tráfico da ría e o Intermares, no que se reflicte que o barco da Armada non contestou a varias chamadas que se lle realizaron repetidas veces por varias canles de radio.
Cando finalmente o Intermares contesta ao dispositivo de control do tráfico, ás 8.16 horas, nove minutos antes do choque, o controlador amósase molesto e fai ver que o barco da Armada non atendeu as súas chamadas e saíu da zona de precaución. “Pódenos informar de cales son as súas intencións? Que é o que vai facer?” O Intermares contesta que vai inverter o rumbo novamente para recoller o práctico no punto e hora previstos e o controlador insístelle en que se manteña á escoita. “Se vostede invade a vía de circulación, cambia de rumbo, pon proa ao sur ou proa ao norte tennos que avisar antes, previamente para ter nós coñecemento do seu movemento”, reclamou o controlador.

Tras rematar a conversa, e tras detectar o barco da Armada a presenza do pesqueiro, as manobras que realizou foron segundo os investigadores contrarias ás que debía realizar para evitar o choque, supostamente por unha mala interpretación por parte do oficial de garda do Intermares da situación e manobras previsibles por parte dos dous barcos. Porén, os investigadores non puideron coñecer de primeira man a versión dese oficial de garda e reflicten no seu informe que súa foi a “versión recollida na documentación remitida polo contacto establecido pola Armada Española para este asunto” xa que a comisión de investigación “non puido entrevistalo”.
A investigación tamén recomenda ao control do tráfico da ría de Vigo que considere a posibilidade estender as obrigas de información e control tamén aos barcos de menos de 20 metros
Ante estes feitos, os investigadores recomendan á Armada Española “que realice unha auditoría dos procedementos de navegación empregados a bordo do Intermares” polos seus “diversos incumprimentos” da normativa e “a súa falta de participación no dispositivo de control de tráfico”. E “especificamente, que analice as causas polas que o Intermares navegou durante 17 minutos en dirección contraria á establecida no dispositivo de tráfico da ría de Vigo, e polas que finalmente saíu do mesmo”.
O documento tamén recomenda ao dispositivo de control do tráfico da ría de Vigo “que considere estender as obrigas de información e control aos buques de menos de 20 metros de eslora, que son tamén participantes no esquema de ordenación e interactúan co resto de buques da ría”, porque “non avisou a ambos buques da súa presenza mutua, e do risco de abordaxe, como corresponde”.