O Sergas mudou os protocolos do 061 e do hospital de Vigo tras demoras en atender dun mariñeiro afogado que finalmente morreu

O pesqueiro no que ocorreu o accidente, nunha imaxe recollida na investigación oficial © CIAIM

O servizo telefónico de emerxencias tardou sete minutos en atender unha chamada con información sobre o traslado da vítima en helicóptero e o persoal sanitario non estaba agardando no heliporto cando aterrou

A Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) do Ministerio de Transportes vén de facer pública a súa análise [aquí o PDF] sobre o accidente mortal que sufriu un mariñeiro do pesqueiro Novo Cristo da Laxe, de Bueu, o 22 de outubro de 2019 ao sur da illa de Ons. O home foi arrastrado pola arte de pesca e tras estar cinco minutos na auga foi rescatado inconsciente. Trasladado en helicóptero ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde se certificou a súa morte, durante a emerxencia rexistráronse demoras agora reflectidas na investigación técnica que levaron ao Sergas a mudar os protocolos de actuación do servizo 061 e do centro hospitalario vigués. 

A investigación oficial agora feita pública conclúe con recomendacións para insistir no uso de chalecos salvavidas por parte da tripulación dos pesqueiros e que se estuden melloras nas manobras de largada da arte do cerco para evitar riscos. Pero na análise do sucedido reflíctense tamén as eivas detectadas no dispositivo de emerxencias. 

Descrición do ocorrido recollida na investigación técnica oficial do accidente do 'Novo Cristo da Laxe' CC-BY-SA Praza Pública

A primeira alerta do accidente aparece rexistrada ás 21.40 horas, e tras cinco minutos no mar atrapado pola rede o home foi subido a bordo inconsciente e os seus compañeiros realizáronlle manobras de reanimación. Ás 22.24 horas o helicóptero de salvamento informou de que o tripulante xa estaba a bordo. Pero a partir dese momento o informe dos investigadores reflicte varios problemas. “Ás 22.30 horas, o Centro de Coordinación e Salvamento Finisterre, tras unha espera de 7 minutos conseguiu informar a Urxencias Sanitarias de Galicia 061, da hora prevista de chegada ao hospital” do helicóptero. 

Ás 22.33 horas o helicóptero aterrou no heliporto do hospital “pero non había persoal sanitario para efectuar o traslado do tripulante”, polo que o centro de coordinación chamou novamente ao 061. “Aproximadamente 2 minutos tras a aterraxe [do helicóptero] o persoal sanitario chegou ao heliporto e tras 20 minutos de manobras de reanimación avanzada no dito centro hospitalario, certificouse o falecemento do tripulante”, conclúe a descrición dos feitos do informe.

Investigación do accidente do 'Novo Cristo da Laxe' en outubro de 2019 © CIAIM

"Con posterioridade ao accidente establecéronse na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias diferentes circuítos de redistribución das chamadas para evitar as colas" e "revisouse o procedemento de recollida de pacientes" no heliporto do Álvaro Cunqueiro

A análise do ocorrido que fan os investigadores incide, no apartado dedicado a analizar o rescate, nas esperas rexistradas tanto para informar ao 061 da hora estimada de chegada do helicóptero como para que o persoal sanitario chegase ao heliporto do hospital.

A investigación sinala que “de acordo cun informe emitido pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, con posterioridade ao accidente establecéronse na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias diferentes circuítos de redistribución das chamadas para evitar as colas na entrada e na asignación de chamadas ao persoal sanitario”. Segundo o informe, na actualidade “o 90% das chamadas ao 061 aténdense en menos de tres segundos”. Igualmente, “tamén con posterioridade ao accidente revisouse o procedemento de recollida de pacientes da helisuperficie do hospital Álvaro Cunqueiro, e difundiuse entre o persoal intervinte”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.