Un escenario do Son do Camiño derrúbase durante a montaxe e fere seis operarios

Estrutura derrubada do escenario do Son do Camiño que estaba en construción, en imaxes tomadas pola TVG © TVG

Media ducia de operarios que traballaban na montaxe do escenario principal do Son do Camiño, o festival previsto do 16 ao 18 de xuño no compostelán Monte do Gozo, resultaron feridos na mañá deste venres ao derrubarse parte da estrutura que estaban a construír. Un deles mesmo tivo que ser excarcerado.

Un numeroso continxente de servizos de emerxencias sanitarias trasladouse á zona pouco despois do mediodía para atender as persoas feridas. O 112 apuntou inicialmente a un total de catro traballadores feridos, se a Xunta, a través do vicepresidente Diego Calvo, concretou que foron seis os operarios feridos, dous deles en estado grave e os restantes, leves, que recibiron a alta hospitalaria na tarde deste venres. aTmén Emerxencias e a propia organización do festival confirmaron esta cifra.

Detalle do escenario caído, en imaxes tomadas pola TVG © TVG

O sindicato CC.OO. elevara a "polo menos unha vintena" as persoas "implicadas" no incidente, xa que esa era a cifra das que estaban traballando no lugar nese momento. Citando fontes dos Bombeiros de Santiago, avanzara que un traballador quedara atrapado inicialmente na estrutura caída, o cal foi confirmado tamén por Emerxencias.

Descoñécense, polo momento, as causas dun suceso que mobilizou numerosas dotacións do 061, tanto ambulancias como un helicóptero medicalizado. Trasladaron ao hospital Clínico da capital galega a todos os feridos agás un que, segundo o 112, só tivo que ser atendido no propio lugar dos feitos. Tamén acudiron á zona os Bombeiros de Santiago e Ordes, servizos de emerxencias de Brión e da Estrada e mais Protección Civil.

Pouco despois da unha da tarde, axentes da Policía examinaban xa a estrutura derrubada e tomaban declaración a operarios que traballaban na montaxe e non resultaron feridos, moitos dos cales puideron saír polo seu propio pé. Segundo puido confirmar Praza.gal, as persoas feridas son parte do cadro da empresa contratada para a montaxe do escenario e non da promotora do festival.

Contra a unha e media da tarde desprazouse ao lugar dos feitos o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Tamén acudiron á zona o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, entre outras autoridades. 

A Xunta e a produtora do evento remiten a unha investigación para coñecer as causas do sucedido e Rueda di confiar en que o festival se poida celebrar coa "maior normalidade posible"

En resposta aos xornalistas, Calvo remitiu á "investigación" sobre o acontecido para posteriores decisións, entre elas un eventual adiamento ou suspensión do festival, que ten á propia Xunta como promotora. Polo momento, agregou, non é unha cuestión que estea "enriba da mesa". Pouco despois, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou a súa confianza en que o evento se poida celebrar coa "maior normalidade posible".

A organización do festival, a través dun comunicado, ratificou que as causas do derrubamento están "á espera da súa investigación". Avanza tamén que prevé "informar puntualmente da evolución" dos operarios feridos "a medida que recibamos os partes médicos".

A  resposta de Rueda sobre o mantemento do festival chegou durante unha comparecencia conxunta ante a prensa coa ministra de Economía, Nadia Calviño. Ambos transmitiron, asemade, unha  mensaxe de apoio aos operarios feridos. Na mesma liña pronunciáronse tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coma o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.