Unha campaña da USC chama a mocidade a cumprir as normas de prevención da Covid e reivindica que os bares son "seguros"

Fragmento dun dos vídeos da campaña #nonalies © USC

A USC a Asociación Hostelería Compostela lanzan a campaña #NonaLíes

Nas últimas semanas vén sinalándose á mocidade como o grupo que menos está a respectar as normas de prevención de contaxios de coronavirus. Tamén se puxo o foco sobre os locais de hostalaría como un dos espazos nos que esta transmisión da Covid-19 é máis probable.

Agora a Universidade de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela veñen de lanzar unha campaña que anima ao cumprimento exemplar das recomendacións sanitarias entre as persoas máis novas -especialmente as universitarias-, especialmente nos bares, cafetarías e restaurantes, buscando desmentir ademais algunhas ideas preconcibidas que veñen gañando peso dende hai meses.

A campaña reivindica que "os bares son lugares seguros", sempre que se cumpran de forma correcta as medidas de prevención, sacando a máscara só no intre exacto de consumir e mantendo a boca cuberta o resto do tempo

A campaña #NONalies inclúe a difusión a través das redes sociais de varios vídeos e outros materiais divulgativos que queren concienciar de que "o cumprimento exemplar das recomendacións sanitarias debe manifestarse tamén fóra dos espazos universitarios", en especial nos locais de hostalaría, que a campaña reivindica como "seguros"  en tanto están sometidos á observación do cumprimento das normas por parte das autoridades

Neste senso, o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira afirma que “o risco no espazo universitario é mínimo” e, de igual xeito, destaca nun dos vídeos que "os bares son lugares seguros", sempre que se cumpran de forma correcta as medidas de prevención, sobre todo sacando a máscara só no intre exacto de consumir e mantendo a boca cuberta o resto do tempo.

"Nestes tempos de Covid os bares son uns dos sitios máis seguros. Así que sae da casa, disfruta, pensa nos demais e non a líes", dise noutro dos vídeos que xa se están a difundir.

"Nestes tempos de Covid os bares son uns dos sitios máis seguros. Así que sae da casa, disfruta, pensa nos demais e non a líes", dise noutro dos vídeos que xa se están a difundir

Tamén se incide na importancia de que o estudantado universitario mude os seus "usos horarios”, en relación aos horarios de peche das instalacións hostaleiras como consecuencia das restricións sanitarias. Este "ocio responsable" supón, para a USC, “a reconquista, a recuperación de espazos e hábitos que a COVID nos foi roubando”. 

Ademais, a Universidade compostelá salienta que a USC conta xa con preto de 250 alumnos e alumnas voluntarias que ao longo do curso desenvolverán labores de concienciación entre os seus compañeiros e compañeiras para potenciar hábitos e condutas saudables, así como a responsabilidade individual de cada quen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.