Unha reparación mal comprobada estivo tras o incidente que hai dous anos puxo en risco un Alvia en Seabra

Estación de Pobra de Seabra e investigación do incidente © Adif e Ciaf

O maquinista freou de emerxencia cando circulaba a 90 por hora ao decatarse, malia que a sinalización lle indicaba o contrario, de que as vías da estación estaban desviadas, situación na que non podía superar os 30 por hora

O 12 de agosto de 2017 o maquinista dun tren Alvia Madrid-Galicia tivo que realizar unha freada de emerxencia na estación de Pobra de Seabra ao decatarse de que un desvío das vías estaba mal configurado malia que a sinalización non llo advertía. O tren non tiña parada prevista nesa estación, polo que circulaba a 90 quilómetros por hora, pero as vías estaban dispostas para desviar o convoi como se si tivese que deterse, configuración na que a velocidade máxima está limitada a 30 por hora. O tren non chegou a descarrilar e non houbo danos nin persoais nin materiais, pero abriuse unha investigación do sucedido que vén de facerse pública e na que se conclúe que o incidente orixinouse por unha avaría eléctrica previa tras cuxa reparación o persoal de mantemento non comprobou que todo funcionase correctamente.

Preto dese lugar, na veciña localidade de Pedralba de la Pradería, tivo lugar outro incidente un ano máis tarde, en setembro de 2018, tamén relacionado co subministro eléctrico, nese caso por unha sobretensión debida supostamente ás tormentas eléctricas rexistradas naqueles días. Ese segundo incidente, que volveu poñer o foco no mal estado da liña ferroviaria convencional entre Galicia e a Meseta, aínda está baixo investigación. Pero tanto Adif no seu momento ao referirse ao ocorrido en 2018 como agora a investigación rematada sobre o de 2017 sinalan que os posibles problemas na zona están a quedar resoltos a medida que avanza a construción da liña de AVE, que nos próximos meses entrará xa en servizo entre Zamora e Seabra e que está a implicar tamén a mellora dos sistemas de seguridade da liña convencional.

Esquema do itinerario recto que debía levar o Alvia a 90 quilómetros por hora para atravesar a estación de Pobra de Seabra e desvío que fixo realmente malia non estar sinalizado Dominio Público Ciaf

Segundo a análise do incidente de agosto de 2017 realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, rematada o pasado xuño pero feita pública nos últimos días, a estación de Pobra de Seabra sufrira unha avaría eléctrica nas horas previas. Tras reparala, ao volver a conectar os sistemas de seguridade avariouse neles un dispositivo electrónico sen que o persoal comprobase que todo volvía funcionar correctamente. Iso fixo que malia que as vías estaban configuradas para desviar os trens, a sinalización seguise indicando o contrario tanto ao persoal de circulación da estación como aos maquinistas.

A investigación sinala que os traballadores de mantemento que repararon a avaría “non accionaron” o sistema “varias veces para comprobar o seu funcionamento"

A investigación da CIAF conclúe que a causa directa do sinistro foi o fallo electrónico do sistema de seguridade “producido tras o arranque da instalación unha vez reparada unha avaría no subministro de enerxía eléctrica”, pero sinala como factores coadxuvantes que os traballadores de mantemento que repararon a avaría “non accionaron” o sistema “varias veces para comprobar o seu funcionamento nin se realizaron probas de concordancia” entre o que indicaba a sinalización e a disposición real das vías. Unhas comprobacións que tampouco estaban establecidas nos protocolos de actuación de Adif. 

Resumo do incidente sufrido por un Alvia en agosto de 2017 en Pobra de Seabra © Ciaf

Os investigadores recomendan a Adif que avalíe os riscos de calquera actuación que afecte á seguridade e estableza regras para verificar o funcionamento dos sistemas tras as reparacións

A investigación da CIAF remata recomendando a Adif diversas melloras da seguridade, como que avalíe os riscos de calquera actuación que afecte á seguridade ou que nos traballos de mantemento das instalacións de seguridade estableza “regras de actuación que contemplen que, concluída a reparación ou restitución da instalación, se debe proceder á verificación do seu correcto funcionamento eléctrico así como comprobar a concordancia” entre a posición real dos desvíos das vías e a súa apariencia no sistema de sinalización e seguridade “antes de dar de alta a instalación”.

A investigación tamén sinala que “as obras da liña de alta velocidade Madrid-Galicia entre Zamora e Ourense inclúen a substitución do encravamento [os sistemas de seguridade] de Pobra de Seabra. A posta en servizo desta instalación tivo lugar en maio de 2019”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.