Uso de máscara e sen relacións sexuais en 21 días: recomendacións do Sergas para os casos de varíola e os seus contactos

O virus da varíola do mono, nunha imaxe ao microscopio © CDC.gov

Dende comezos do mes de maio as autoridades sanitarias están a realizar unha vixilancia estreita dos posibles casos da varíola do mono, unha doenza endémica dalgunhas zonas de África e semellante á erradicada varíola humana que comezou a estenderse por varios países do resto do planeta. En total, a OMS confirmou xa 780 casos en 27 países distintos e o Estado español é un dos que máis infeccións rexistra, 198 segundo o Ministerio de Sanidade, 183 deles concentrados en Madrid. O pasado 27 de maio confirmouse a detección do primeiro caso en Galicia, un varón da área sanitaria de A Coruña-Cee, ao que se engadiu outro na mesma área e outro máis, na de Vigo.

A OMS confirmou xa 780 casos en 27 países distintos e o Estado español é un dos que máis infeccións rexistra, 198 segundo o Ministerio de Sanidade, 183 deles concentrados en Madrid

Os expertos, como a investigadora galega residente do Estados Unidos Sonia Villapol, subliñan que estamos antes unha doenza moi diferente á COVID, tanto polos seus efectos como pola súa forma de transmisión, pero ante hai que estar alerta e non confiarse. Con todo, dende as administracións sanitarias divulgáronse dende hai semanas unha serie de recomendacións dirixidas aos profesionais e á cidadanía en xeral, para reducir o risco de infección e contaxio.

O virus da varíola do mono, obtidas por un microscopio electrónico do Instituto de Salud Carlos III © Unidade de Microscopía Electrónica do ISCIII

 As persoas que sexan casos confirmados da varíola do mono, pero tamén os "sospeitosos e probables" ata a súa confirmación deben illarse nun cuarto. Deben, así mesmo, usar a máscara cirúrxica cando saian do cuarto no que están illados

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta publicou neste senso un documento de recomendacións para doentes e para os seus posibles contactos estreitos, que xa fixo chegar ao persoal sanitario. As persoas que sexan casos confirmados da varíola do mono, pero tamén os "sospeitosos e probables" ata a súa confirmación deben illarse nun cuarto ou zona separada dos demais membros do fogar ata que todas as súas lesións cutáneas desaparezan (pois a principal vía de transmisión son estas lesións), especialmente se as persoas presentan lesións extensas ou con secrecións ou síntomas respiratorios. Deben, así mesmo evitar todo contacto físico e as relaciones sexuais ata que estas lesións desaparezan.

Deben, así mesmo, usar a máscara cirúrxica cando saian do cuarto no que están illados, especialmente nos casos que presentan síntomas respiratorios. Recoméndase ademais que o resto da familia use tamén máscara de ser necesario aproximarse para prestar coidados. As persoas infectadas non deben saír do seu domicilio, agás cando necesiten atención médica de seguimento. Neste caso, levarán máscara en todo momento e non utilizarán o transporte público.

Os casos confirmados deben evitar o contacto con mamíferos domésticos e as súas mascotas deberán permanecer en illamento durante 21 días

Deben extremar o coidado, sobre todo, co tratamento das superficies coas que teñan contacto. Isto é, non compartir pratos e outros utensilios para comer e a roupa non se debe lavar co resto da roupa do fogar. Neste senso, a súa roupa sucie debe lavarse con auga quente (60 graos) e deterxente e, igualmente, as superficies e obxectos contaminados deben limparse cun desinfectante de uso hospitalario ou con lixivia de uso doméstico.

Así mesmo, o Sergas realiza unha serie de recomendacións para as mascotas destas persoas, no caso de que as tivese, pois poden converterse en transmisoras da doenza. Débese evitar o contacto con mamíferos domésticos e, no caso de infeccións confirmadas, as súas mascotas deberán permanecer en illamento durante o período máximo de incubación da enfermidade (un mínimo de 21 días), a contar desde o seu último contacto. No caso dos cans poderían sacarse en caso necesario por unha persoa diferente, en períodos de tempo o máis curtos posibles e cempre con correa, boceira e evitando o contacto con outros animais. 

Erupcións cutáneas provocadas pola varíola do mono © OMS

Recomendacións para os contactos estreitos

Os posibles contactos estreitos deben seguir unha serie de precaucións nos 21 días seguintes ao último contacto. Non é necesario que realicen unha corentena, pero si é aconsellable que "extremen as precaucións" e reduzan "todo o posible as interaccións sociais

Pola súa banda, os posibles contactos estreitos deben seguir unha serie de precaucións nos 21 días seguintes ao último contacto que tiveron cun posible caso da varíola do mono, comenzado por tomar a súa temperatura unha vez ao día. Non é necesario que realicen unha corentena, pero si é aconsellable que "extremen as precaucións" e reduzan "todo o posible as interaccións sociais". Isto inclúe a indicación de abstención de manter contactos sexuais durante o período de seguimento, é dicir, durante 21 días. 

Así mesmo, recoméndase que empreguen en todo momento a máscara de protección e evitar actividades que impliquen quitala sen manter a distancia de seguridade con outras persoas (por exemplo, comer ou beber en presenza doutras persoas). No caso de presentar febre o calquera outro síntoma compatible coa enfermidade (dor de cabeza intenso, dores musculares, cansazo e, finalmente, entre 1 e 5 días despois, lesións na pel), deberán illarse no domiciliario de inmediato e contactar de forma urxente co responsable do seguimento que lle indicará as medidas a seguir.

No caso de que o contacto estreito desenvolva algún síntoma compatible, se lle recomendará iniciar o illamento domiciliario inmediato

Finalmente, os contactos estreitos deben evitar todo contacto con animais durante 21 días e, no caso de non poder evitar este contacto, recoméndase levar máscara cirúrxica durante o mesmo e lavar as mans antes e despois de interactuar con eles. No caso dos cans recoméndase sacalos ao exterior evitando o contacto con outros animais durante estas tres semanas.

No caso de que o contacto estreito desenvolva algún síntoma compatible, se lle recomendará iniciar o illamento domiciliario inmediato. Pola contra, se despois de cinco días dende a aparición de síntomas a persoa non desenvolveu exantemas (erupcións cutáneas), o illamento domiciliario poderá ser suspendido, aínda que este posible caso seguirá en vixilancia durante 21 días. No caso de que estas erupcións si aparezan, pasará a ter a consideración de caso probable, actuándose en consecuencia.

O único caso confirmado en Galicia foi detectado na área sanitaria da Coruña-Cee © CIG-Saúde

Quen é un contacto estreito?

Son consideradas contactos estreitos as persoas que convivan cunha persoa infectada e tamén as que mantiveran relacións sexuais con ela

O Sergas tamén difundiu un documento que debulla a definición de contacto estreito, limitada a aquelas persoas que tiveron contacto cunha persoa infectada (ou algún caso posible ou probable ata a súa confirmacións) dende a aparición dos primeiros síntomas da doenza. A capacidade de contaxio da varíola do mono é moi inferior á que presentaba a COVID-19 e é principalmente por contacto físico, aínda que tamén se pode contaxiar polo aire, no caso dun contacto moi estreito (cara a cara, moi próximo) e prolongado (varios minutos).

Tamén son contactos estreitos aquelas persoas que tiveron un contacto próximo e prolongado (menos dun metro e de cando menos 1 hora de duración na mesma habitación) sen equipo de protección individual 

Son consideradas contactos estreitos as persoas que convivan cunha persoa infectada e tamén as que mantiveran relacións sexuais con ela. Tamén aquelas persoas que tiveron un contacto próximo e prolongado (menos dun metro e de cando menos 1 hora de duración na mesma habitación) sen equipo de protección individual (EPI).  Igualmente, as persoas que tiveron un contacto directo con roupa (de vestir, de cama ou toallas) dunha persoa infectada sempre que non levasen un EPI. Tamén se inclúe o persoal sanitario que prestou asistencia ao caso sen equipo de protección individual.

Ante un caso en investigación (aínda non confirmado) de varíola do mono, as autoridades sanitarias deben iniciar de inmediato a detección e identificación dos seus contactos estreitos (persoal sanitario, conviventes, contactos laborais e sociais, con especial fincapé nas parellas sexuais).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.