Xa se poden votar as 5 propostas para o futuro dos terreos litorais da Coruña

Vista áerea do Porto da Coruña © Porto da Coruña

Este martes botou a andar o proceso de exposición e votación dos cinco proxectos gañadores do concurso de ideas sobre o bordo litoral da Coruña. Durante un mes todos os cidadáns e cidadás poderán votar a través da web aportaaberta. Toda a documentación estará exposta nestas semanas na sala de mostras do Pazo de María Pita e tamén na páxina. E, ademais, os equipos redactores dos proxectos farán unha defensa pública dos mesmos este mércores ás 19.30 horas no espazo Tribuna Pública, na contorna da Fábrica de Tabacos.

A veciñanza deberá elixir o proxecto que na súa opinión informada achega unha mellor solución a cinco cuestións que veñen marcadas polas conclusións do foro Tecendo Litoral: á integración entre o porto e a cidade; á mobilidade e á accesibilidade; á creación de emprego; ao medio ambiente e á participación cidadá.

Imaxe dun dos proxectos a concurso © Concello da Coruña

Os cinco proxectos seleccionados o pasado mes de decembro polo xurado do Concurso de Ideas do Bordo Litoral foron Porsuporto (con 67 puntos), Nosfíos (50), Growing Together (42), Porto Metrolitano (27) e Ciudad Puerto (20).

Porsuporto: Destaca por ser unha proposta en distintas fases: con actuacións no bordo litoral pensadas para 2020 (centrada nas transformacións inmediatas, de baixo custo e provisionais, como a apertura á cidadanía de varias zonas portuarias hoxe pechadas), 2030 (centrada na apertura aos usos públicos e ás novas formas de mobilidade) e 2050 (centrada na hipótese dun futuro público e con actividade portuaria). Ademais, aposta por unha ampla presenza de zonas verdes.

Nós Fíos: Aposta polos valores patrimoniais do porto e a recuperación da contorna da Solana e do castelo de San Antón e tamén recuperando o último treito do Río Monelos. Propón igualmente importantes actuacións viarias, derrubando o viaduto de Linares Rivas ou soterrando o tráfico entre a Solana e o Oceanográfico e entre as prazas de Ourense e Pontevedra.

Growing Together: É a única que non propón construción de vivenda nestes espazos. Aposta pola comunicación peonil e ciclable, prevendo a construción de varias pasarelas e pontes entre os antigos peiraos, entre elas unha ponte levadiza entre o Centenario e o Parrote que deixaría pasar os trasatlánticos. Tamén incide na creación de novas zonas verdes (360.000 metros cadrados), dous novos areais e mesmo un Parque Botánico.

Porto Metropolitano: Fai unha aposta maior pola iniciativa privada, prevendo a construción de 5.000 vivendas, pero tamén facendo fincapé na mobilidade, coa construción dun tren tranvía que sirva de columna vertebral ao novo porto, á cidade e ao conxunto da área metropolitana da Coruña. E, igualmente, un transbordador marítimo para conectar distintos puntos da contorna.

Ciudad Puerto:  Esta proposta suxire a construción de 65 edificios de vivenda, así como erguer edificios de oficinas, comerciais de hoteleiros na Batería. Tamén propón construír un gran parque público de 18 hectáreas en San Diego, onde tamén se instalarían centros universitarios.

Os proxectos inclúen varias opcións de mobilidade, dende o tren de proximidade ao ferry, pasando pola bicicleta © Concello da Coruña

Elementos comúns:

Case todas as propostas conciden en varios puntos: a aposta pola mobilidade sostible e o transporte público, aproveitando a actual estación de San Diego para levar o tren de proximidade ata o centro da cidade. Tamén se propón recuperar a comunicación marítima, en ferry, para unir por exemplo A Coruña e Santa Cruz (Oleiros). De igual xeito, fomentaríase a mobilidade ciclista, coa construción de varios quilómetros de carrís-bici que unirían os distintos espazos portuarios, dende San Diego ata o Parrote.

Outro dos puntos común é a aposta polas zonas verdes, con novos parques ou a ampliación dos xa existentes (coma o de San Diego). E, igualmente, a apertura da cidade ao mar, eliminando (ou abrindo) o actual muro e as áreas restrinxidas, coa creación de prazas e de paseos a carón das augas. Suxírese tamén o aproveitamento dalgunhas instalacións xa existentes, coma a Medusa. E a creación de museos, novas instalacións deportivas, edificios para o uso da Universidade ou instalacións para investigación e desenvolvemento ou o fomento de novas empresas.

Algunhas diferenzas:

Ademais das distintas solucións concretas achegadas para o transporte por tren ou para as vías de circulación de automóbiles, as maiores diferenzas chegan na aposta pola construción de máis ou novos edificios de nova planta, sexa para uso residencial ou para oficinas, comercios e hoteis. Só unha das propostas rexeita por completo a construción de novas vivendas, aínda que polo xeral no resto de proxectos o número de vivendas propostas é moi inferior ao recollido no convenio de 2004. Ademais, unha gran parte das vivendas proxectadas serían públicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.