Xente nova movendo os marcos: a Galicia emerxente toma a palabra en Compostela

Algúns dos participantes en 'Mover os Marcos' coa alcaldesa de Compostela © Culturactiva

Xente nova falando das cousas que importan e preocupan á xente nova. A xornada Mover os Marcos busca ser un espazo de encontro e debate sobre as relacións sociais, a saúde mental, o medioambiente, o deporte, o rural, a literatura ou a tecnoloxía

Xente nova falando das cousas que importan e preocupan á xente nova. A xornada Mover os Marcos busca ser un espazo de encontro e debate sobre as relacións sociais, a saúde mental, o medioambiente, o deporte, o rural, a literatura ou a tecnoloxía. Conversas nas que participarán Mondra, Nuria Vil, Alba Mancebo, TodoMal.gal, Leti da taberna, Pradorua ou Olaxonmario, entre moitos outros e outras. Voces compartidas da Galicia emerxente.

A cita é o sábado 5 de outubro no Centro Xove de Creación Cultural de Compostela, na Almáciga, que acolle a xornada organizada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e xestionada por Culturactiva S. Coop. Dous días antes, o xoves 3 de outubro, haberá un preludio musical na Sala Capitol con concertos de Alana e Momboi. As entradas para ambos eventos están dispoñibles de balde na plataforma Eventbrite.com.

Cartel do encontro 'Mover os Marcos' ©

"Hai unha nova xeración que xa está a protagonizar un cambio de fondo, profundo, no xeito de vivir e de sentir Galicia, que quere pensar, ademais, noutras formas de vida máis humanas e sostibles", dixo a deputada de cultura, Natividade González

O evento propiciará espazos de conversa, con aforos reducidos que faciliten a participación do público. “Normalmente, a xente nova é a que escoita pero, nesta ocasión, temos o micro e a voz para trasladar as nosas ideas”, destacou Sara Fraga, unha das integrantes do programa, na presentación do evento. “Buscamos un diálogo no que somos protagonistas para lograr mover os marcos mentais e comprender realidades alleas e así alcanzar unha sociedade máis empática”. Non se trata de charlas unilaterais; as asistentes son fundamentais no funcionamento do evento, xa que non se pretende espallar coñecemento senón crealo.

No acto de presentación participaron tamén a deputada de cultura, Natividade González, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o representante de Culturactiva Nacho Fungueiriño. 

“Normalmente, a xente nova é a que escoita pero, nesta ocasión, temos o micro e a voz para trasladar as nosas ideas”, destacou Sara Fraga, unha das integrantes do programa

Natividade González destacou que “esta xornada é un encontro ao redor dunha idea que temos clara na Deputación da Coruña: hai unha nova xeración que xa está a protagonizar un cambio de fondo, profundo, no xeito de vivir e de sentir Galicia, que quere pensar, ademais, noutras formas de vida máis humanas e sostibles". "E para iso hai que mover moitos marcos. Sobre todo os marcos mentais que ás veces nos condicionan ou impiden avanzar", engadiu.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín destacou a “importancia” de “escoitar á xente nova, que se fai preguntas esenciais, e que está facendo magníficas propostas en todos os ámbitos, cun gran impacto, para transformar a sociedade e avanzar”. E, recalcou que “somos unha gran potencia de creatividade e ás veces fáltanos coñecernos. Iniciativas como esta que xuntan distintas disciplinas nun mesmo espazo son fantásticas”.

Programa do encontro Mover os Marcos ©

A xente moza anda a mover os marcos. Os marcos das relacións, da saúde, da maneira de entender o traballo, a cultura, a tecnoloxía, os modelos habitacionais e os coidados das unhas ás outras

A xente moza anda a mover os marcos. Os marcos das relacións, da saúde, da maneira de entender o traballo, a cultura, a tecnoloxía, os modelos habitacionais e os coidados das unhas ás outras. Os marcos non se moven sós. Non é unha cuestión do paso do tempo. Detrás destes cambios hai un fervedoiro de ideas, debates e coñecementos compartidos que xorden da comunidade

Porén, este foro xeracional non pretende servir só á xente moza. A esencia de Mover os marcos vai máis alá: reside na importancia de que todas estas novas maneiras de ver o mundo se espallen alén das fronteiras xeracionais porque, ao fin e ao cabo, mover os marcos do establecido é unha maneira de liberarse, de aprender e empatizar.

Participantes

Este foro xeracional non pretende servir só á xente moza. A esencia de Mover os marcos vai máis alá: reside na importancia de que todas estas novas maneiras de ver o mundo se espallen alén das fronteiras xeracionais

Nos espazos de debate participarán nomes como Laura Veiga, Paula Vilaboy, todomal.gal, Aranxa Vicens, Leti da taberna, Pradorua, Agareso, Priscila Retamozo, Iván Iglesias, Nuria Vil, Marisol Arias, Tania Sánchez, Bruno Arias, Galiza no Pixel, Olaxonmario, Afra Torrado, Lixo Atelier, A Casa das formigas, A Talangreira do Beque, Exército Mekemeke e 'Xeración Alfa' ou Sergio Marey.

A xornadas desenvolverase ao longo de todo o día, dende ás 10.30 da mañá ata o serán, cunha última sesión programada para as 19 horas.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.