O calendario achega 365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico (nacemento de persoeiros, conmemoracións de descubertas ou achegas destacables)
Dende esta semana xa se pode descargar en lingua galega o Calendario Científico Escolar que todos os anos realiza o co Consello Superior de Investigacións Científicas. A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña levou a cabo a tradución duns materiais que van moito máis aló dun simple almanaque, incorporando contidos didácticos para o seu uso nas aulas.
O calendario está dirixido principalmente para o alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria e achega 365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico (nacemento de persoeiros, conmemoracións de descubertas ou achegas destacables etc.). Ademais, inclúe unha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas que incide entre outros aspectos na igualdade de xénero no acceso ás carreiras científico-técnicas.
Inclúe unha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas que incide entre outros aspectos na igualdade de xénero no acceso ás carreiras científico-técnicas
As actividades incluídas na guía didáctica procuran familiarizar o alumnado con figuras salientables da historia da ciencia, presentar a xeración de coñecemento desde unha perspectiva temporal e de evolución constante, e favorecer un enfoque crítico sobre a evolución dos avances científicos. A iniciativa enmárcase nun proxecto da Fundación Española para la Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) para contribuír a fomentar a cultura científica entre a xuventude e crear referentes próximos, promovendo as vocacións científicas-técnicas, usando unha linguaxe non sexista e aumentando a visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas.
A UDC imprimiu o calendario e, en colaboración cos centros de formación do profesorado da Coruña e Ferrol, distribuirao por centros educativos galegos
Neste enlace poden descargarse de balde os distintos materiais en galego, dende o propio calendario en pdf e formato A4 ata a guía didáctica. A Universidade da Coruña leva anos colaborando na tradución dos materiais e nesta ocasión tamén levou a cabo impresión dun gran número de exemplares que, en colaboración cos centros de formación do profesorado da Coruña e Ferrol, se distribuirán por distintos centros educativos galegos.