Calendario científico escolar: ciencia en galego para cada día do ano

Páxina do calendario escolar dedicada aos primeiros días do mes de xaneiro © CSIC

O calendario recolle para cada día do ano un aniversario científico ou tecnolóxico: nacementos de persoas, avances realizados en distintos ámbitos ou curiosidades

O 14 de xaneiro de 2005 a sonda Huygens aterrou en Titán, o principal satélite de Saturno. O 20 de xaneiro de 1758 naceu Marie Anne Pierrete Paulze, cuxos logros científicos a converteron na nai da química moderna. O 9 de febreiro naceu Aletta Henriette Jacobs, a médica pioneira en planificación familiar que realizou o primeiro estudo sistemático de anticoncepción. Tres efemérides para tres días que podemos ler no Calendario científico escolar que realizou o CSIC e que conta cunha versión en galego realizada polos Museos Científicos Coruñeses e a Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o SNL da Universidade da Coruña (UDC).

O Calendario recolle para cada día do ano un aniversario científico ou tecnolóxico: nacementos de persoas destacadas no mundo da ciencia, avances realizados en distintos ámbitos ou curiosidades, como que o 15 de decembro de 1972 Brian May, guitarrista de Queen  e astrofísico, publicou en Nature  o primeiro artigo da súa tese de doutoramento. 

Páxina de outubro do calendario escolar © CSIC

O almanaque inclúe algunhas referencias galegas, como Ángela Ruiz Robles, María Ángeles Alvariño González, Isabel Zendal ou Antonio Casares Rodríguez

O almanaque inclúe algunhas referencias galegas, como por exemplo o nacemento de Ángela Ruiz Robles, a mestra inventora da enciclopedia mecánica, precursora do libro electrónico (28 de marzo de 1895). Ou o nacemento de María Ángeles Alvariño González, a primeira muller científica en traballar a bordo dun buque británico de investigación (3 de outubro de 1916). Elas dúas aparecían tamén na ducia de mulleres científicas galegas que publicamos en Praza.gal hai un tempo. 

No calendario aparece tamén o nacemento de Isabel Zendal Gómez (26 de febreiro de 1773), a enfermeira que coidou dos nenos que levaron a vacina da varíola polo mundo na primeira expedición sanitaria da historia (Real Expedición Filantrópica da Vacina). Ou o nacemento de Antonio Casares Rodríguez, o pioneiro en métodos analíticos que realizou as primeiras análises de augas medicinais en mananciais galegos (28 de abril de 1812). E mesmo unha previsión para este ano: o 21 de novembro entregaranse na Coruña os Premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación, o certame español máis antigo e recoñecido no ámbito da divulgación científica.

O proxecto puxo "especial atención no uso dunha linguaxe non sexista e en asegurar a visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas"

Dirixido fundamentalmente ao alumnado de Primaria e ESO, o calendario está acompañado dunha guía didáctica con actividades que poden ser adaptadas a distintos rangos de idade e materias. Aínda que todas as actividades son susceptibles de ser utilizadas en materias diferentes en función da súa orientación final, cobran maior sentido como traballo interdisciplinar entre materias STEM (do inglés 'science, technology, engineering and mathematics') e outras máis propias das humanidades. Trátase con isto de fomentar unha cultura científica integral e un pensamento crítico que sexa aplicable a todos os campos do saber.

Así mesmo, o proxecto puxo "especial atención no uso dunha linguaxe non sexista e en asegurar a visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas, para pór a disposición do alumnado referentes que promovan as vocacións científico-técnicas entre as nenas e adolescentes", destaca o CSIC.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.