CienciaNosa desafía o veto das grandes plataformas aos cursos online en galego

Portada do MOOC © funil.gal

'Química - unha ciencia experimental', unha iniciativa do grupo da USC CienciaNosa converteuse este pasado mes de decembro no primeiro MOOC dispoñible en lingua galega. Un MOOC é un curso en liña masivo e aberto (o nome é o acrónimo inglés de Massive Open Online Course). Este curso de química, cun enfoque experimental baseado principalmente en prácticas de laboratorio, obtivo o apoio da USC na I Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en MOOC da Universidade de Santiago e conta con 24 pezas audiovisual de consulta libre, realizadas co apoio do Campus Terra de Lugo.

Durante tres anos a imposibilidade de ofertar o curso en galego nas plataformas nas que se imparten paralizou o seu inicio

En realidade, os materiais do curso xa estaban elaborados e listos para poder utilizalos no cuarto trimestre do ano 2018. Porén, durante tres anos diferentes impedimentos administrativos non permitiron que o curso se implantase nas plataformas dende as que se imparten estes cursos a nivel mundial, "en particular pola imposibilidade de ofertalo en lingua galega segundo os criterios que rexen nestas plataformas", explicábase o pasado mes de outubro no Boletín das Ciencias de ENCIGA, Ensinantes de Ciencias de Galicia.

Estas grandes plataformas son maioritariamente de carácter privado e pertencen en moitos casos a grandes grupos económicos

Estas grandes plataformas son maioritariamente de carácter privado e pertencen en moitos casos a grandes grupos económicos. Por exemplo, unha das máis importantes na nosa contorna é Miríadax, un proxecto do Banco Santander e Telefónica. O artigo publicado no boletín de ENCIGA convidaba a facer unha reflexión sobre o feito de que "as plataformas sobre as que se están desenvolvendo as revolucións tecnolóxicas na contorna da aprendizaxe pertencen ao ámbito privado, isto é así tanto para as que permiten realizar videoconferencias, aloxar vídeos, interactuar por redes sociais, etc., como para as plataformas MOOC de educación en liña".

"Este feito implica ter que cumprir os criterios que elas establezan para o uso destas ferramentas, o que pode derivar nunha concepción uniforme e imposta do ensino-aprendizaxe en liña"

"Este feito implica ter que cumprir os criterios que elas establezan para o uso destas ferramentas, o que pode derivar nunha concepción uniforme e imposta do ensino-aprendizaxe en liña", denunciaban. Tamén engadían que "aínda que a definición de MOOC implica que o curso sexa aberto e gratuíto, finalmente para conseguir unha acreditación de telo realizado na grande maioría dos casos ten un custe económico" e que "tampouco se cumpre a condición de aberto cando os cursos en realidade están aloxados en plataformas creadas por empresas que non teñen interese en compartir os seus cursos de forma aberta, de maneira que como mínimo hai que rexistrarse na plataforma para acceder aos contidos".

Este pasado mes de outubro o grupo de CienciaNosa, que coordina o profesor na Facultade de Ciencias Marcelino Maneiro Maneiro, anunciaba que "despois de máis de tres anos ás voltas coas negociacións con estas plataformas" desistía de levar a cabo un MOOC en galego co obxectivo de "reorientalo de forma que por fin se poida facer accesíbel". 

O curso fíxose realidade a través de funil.gal, un proxecto que busca "dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico"

Finalmente, a finais de decembro o curso puido finalmente ver a luz o curso. Fíxoo a través de funil.gal, un proxecto que busca "dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico". 

O curso consta de seis temas, para cada un dos cales se lle ofrece ao alumnado un resumo cos principais conceptos de cada módulo, unha serie de audiovisuais que inclúen experimentos de laboratorio e un cuestionario para que alumnado comprobe o seu progreso en cada un dos temas. Os vídeos dos que se acompaña o curso, que suman coxuntamente máis de 320.000 visualizacións, amosan dun xeito ameno os procedementos, as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química xeral.

Os vídeos dos que se acompaña o curso amosan dun xeito ameno os procedementos, as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química xeral

Dende o grupo destácase que o curso achega un material didáctico valioso tanto para alumnado de bacharelato como de primeiro curso de carreira nos graos experimentais. Ademais o enfoque experimental do curso, no que os diferentes conceptos químicos de estequiometría, equilibrio, ácido/base, redox, etc., introdúcense visualmente co cambio químico que provocan (a cor, o fume, a formación dun precipitado ou a súa desaparición, etc.) faino especialmente atractivo para os potenciais destinatarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.