Neste mes de novembro celebrarase unha nova edición da Maker Faire Galicia, que será completamente online para poder desenvolverse con seguridade e sen risco de contaxios. A feira será posible grazas a unha potente plataforma online que permitirá aos participantes vivir unha experiencia única desde calquera punto do planeta. Desta forma convértese nunha das primeiras Maker Faire a nivel mundial que se celebra integramente a través de Internet. A Maker Faire Galicia 2020, pola que pasaron máis de 50.000 persoas nas súas últimas cinco edicións, celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD).
A edición 2020 da Maker Faire Galicia será 100% online, con dúas xornadas profesionais, unha dedicada á educación e dúas máis abertas ao público
Haberá dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional (os 18 e 19 de novembro, con contidos de aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde e economía circular), unha xornada dedicada exclusivamente á educación (o 20 de novembro) e dúas xornadas abertas a todo o público, o 21 e 22 de novembro, con contidos moi diversos relacionados coa robótica, a ciencia, o do it yourself, a arte, a música ou o gaming entre outros.
Nesta sexta edición terán un papel moi destacado os videoxogos, con mesas redondas, obradoiros e o hackatón de videoxogos Game Maker Jam
Nesta sexta edición terán un papel moi destacado os videoxogos. Ao longo das distintas xornadas, orientadas tanto ao ámbito educativo como ao público xeral, o público asistente poderá gozar de distintas mesas redondas. Destaca a de “Game Makers”, que analizará o ámbito dos videoxogos desde distintas perspectivas, grazas á participación de Manel Fernández (desenvolvedor de aventuras gráficas en Akkad Estudios), Carla Bolaños (UX Designer e Game Designer en Digital Monster Collective), Juan Gestal e Alfonso Iglesias (creadores de Pixfans). Esta mesa estará moderada por Luz Castro (socia fundadora de imaxin|software).
Ademais, haberá distintos obradoiros ao longo da feira. O taller “Coñecendo Makecode Arcade e o seu potencial educativo creando videoxogos” repasará a contorna de programación Makecode Arcade e como se pode aproveitar en educación para a creación de aplicacións temáticas. Este taller estará impartido por Dani Sanz, de juegosrobotica.es. Os máis pequenos tamén terán obradoiros para introducirse no mundo do desenvolvemento de videoxogos. VermisLAB levará a cabo un taller básico onde profundarán no concepto de programación, a definición de algoritmo ou as estruturas fundamentais de programación e dos videoxogos entre outros contidos.
Os máis pequenos tamén terán obradoiros para introducirse no mundo do desenvolvemento de videoxogos
Por último, unha das actividades centrais será o hackatón de videoxogos Game Maker Jam, un encontro para o desenvolvemento de videoxogos que terá formato 100% online e no que poderá participar calquera persoa ou grupo sen restricións de ningún tipo, a única limitación é que unha mesma persoa só poderá formar parte dun equipo e os equipos poderán ser como máximo de 3 persoas. Este encontro, que se celebrará do 20 ao 22 de novembro, persegue fomentar a creatividade e o desenvolvemento de videoxogos, así como servir de plataforma onde coñecer a xente e establecer relacións entre os distintos participantes.
Destaca tamén o espazo dedicado á educación, na que a inclusión terá un papel fundamental. O 20 de novembro a xornada comezará coa presenza de Maitane Alonso, "a maker que deixou sorprendidos ao MIT e á NASA" destaca a organización da xornada. Maitane Alonso falará de como chegou a ser unha maker e da evolución do seu proxecto desde o primeiro prototipo ata a actualidade.
Destaca tamén o espazo dedicado á educación, na que a inclusión terá un papel fundamental
Tamén se falará de diferentes realidades da innovación educativa, coa participación José Viñas (profesor de Bioloxía), Teo Manzano (Director de Marketing e Desenvolvemento de Produto en Steelcase), María do Camiño Pereiro (directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela). Na mesa sobre a educación inclusiva amosaranse distintos exemplos e perspectivas de inclusión grazas á participación de Pablo Vilariño (Instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille en ONCE), Margarita Sebastián Herranz (Psicóloga en Ceapat) e Javier Mur (docente de primaria).
A última mesa versará sobre a aplicación da tecnoloxía no sector da educación. Participará Carmen Fernandez Morante (decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC), Conchy Fernandez (asesora TIC do Centro de Autonómico de Formación e Innovación, CAFI), Carmela Salgueiro (docente en VermisLAB) e estará moderada por Luz Castro (Socia fundadora de imaxin|software).