A crise do coronavirus provocou a carencia dos necesarios equipos de protección para o persoal sanitario e para outros colectivos profesionais que se atopan en risco de contaxiarse da enfermidade. Ante as dificultades da administración para acceder a estes materiais polas vías convencionais, moitas empresas e entidades puxeron as súas máquinas a disposición das autoridades e a comunidade maker non dubidou en sumarse desenvolvendo equipos como máscaras ou pantallas protectoras para contribuír a paliar a falta de material.
Os makers son os argalleiros e argalleiras de toda a vida, é dicir: persoas inquedas que gostan de utilizar o seu talento pensando en solucións a problemas cotiáns e que disfrutan compartindo aquilo que saben facer, online ou en persoa, o que permite unha innovación moito máis áxil.
Entre estas iniciativas destaca a denominada Cooperavirus, unha plataforma online posta en marcha dende Galicia por un grupo de emprendedores de diversas entidades, como Acción Explorer, Designthinking.gal e Diariomotor Medios Dixitais. A través dunha web pon en contacto a persoas e entidades que necesitan materiais de protección e a persoas e entidades que os producen.
Ata o momento, Cooperavirus conseguiu a fabricación de 10.000 máscaras de protección, 17.000 batas protectoras, 1.078 pantallas protectoras, 7 canóns de ozono e 100 válvulas para respiradores
Ata o momento, Cooperavirus conseguiu a fabricación de 10.000 máscaras de protección, 17.000 batas protectoras, 1.078 pantallas protectoras, 7 canóns de ozono e 100 válvulas para respiradores, que distribuiu en todo o Estado. A entrega pode ser unha doazón ou unha venda. Entre as últimas solicitudes á que responderon está a do Concello de Ames, ao que doaron un total de 600 láminas de PVC e gomas de costura para a fabricación de pantallas de protección.
Marcos Saavedra explica o nacemento da iniciativa: "A idea xurdiu o venres 20, nunha conversa con José Rodríguez Gago, que me comentou que un grupo de xente que se coñecera en Sillicon Valley (Acción Explorer) estaba dándolle voltas a montar un sistema que recibise as demandas de material do persoal sanitario. Ao mesmo tempo nós tiñamos un grupo de 20 makers e enxeñeiros en Santiago que xusto tivéramos unha reunión para ver que solucións podiamos ofrecer ante esta problemática, que solución podiamos ofrecer dende as nosas casas ou que de forma sinxela se puidesen escalar a nivel industrial".
"Cada vez nos están contactando máis hospitais e entidades. Estamos 20 persoas traballando, a tempo completo ou non. O que facemos é recibir as demandas, verificalas, chamando aos hospitais ou administracións e despois conectalas cunha oferta local que poida solucionalas, a través dos produtores que hai en cada comunidade autónoma, facendo así o proceso o máis eficiente posible", explica Saavedra.
"O que facemos é recibir as demandas, verificalas, chamando aos hospitais ou administracións e despois conectalas cunha oferta local que poida solucionalas, a través dos produtores que hai en cada comunidade autónoma"
"Sempre consideramos que era importante que as demandas estivesen certificadas, é dicir, que os pedidos fosen realizadas polo hospital de forma oficial e non por unha persoa a título individual. E tamén que as ofertas estivesen certificadas, é dicir, que os materiais estivesen homologados, para non atopar situación como a que se viviu en Madrid, co rexeitamento dos produtos ofrecidos polos makers", engade.
Neste senso, amósase crítico coas dificultades establecidas por algunhas administracións e polas dúbidas á hora de fixar criterios para a aceptación destes materiais: "Os makers están axudando a xente que ten unha serie de necesidades e o que queren é que o persoal sanitario conte cos mellores medios posibles. Creo que estamos nun momento excepcional e non podemos andar con burocracias, do que se trata é de salvar a vida da xente. Eu entendo que un respirador ten que funcionar de forma perfecta, porque del depende a vida dunha persoa, pero unha pantalla de protección é diferente".
Cooperavirus está indo máis aló nos últimos días, e busca atopar solucións industriais sinxelas para producir máis materiais, de forma máis rápida e eficiente. "As solucións maker están moi ben, é un colectivo moi potente, pero ao final a nosa capacidade ten un límite", destaca Marcos Saavedra, que explica que "un grupo está traballando en escalar solucións tecnolóxicas, poñéndonos en contacto con determinadas industrias, levándolles modelos feitos por makers, para explorar a posibilidade de producilas de forma máis rápida".
"Atopamos unha demanda e pensamos como solucionala, se alguén necesita algo imos buscar á persoa que o poida fabricar ou pensamos de que xeito de podería facer"
Un dos elementos que nos últimos días están desenvolvendo son os canóns de ozono, que serven para desinfectar moito material e grandes zonas de maneira eficiente e barata. "Aplicamos o sistema de 'pensar fóra da caixa', onde podemos conseguir un determinado material para solucionar un problema", explica Saavedra, que destaca que por exemplo buscan as pezas para estes canóns en adegas ou concesionarios de coches.
"Dende o sistema sanitario estase afeito a traballar doutra maneira: a recibir unha serie de ofertas pechadas e escoller unha. O noso proceso é o contrario: atopamos unha demanda e pensamos como solucionala, se alguén necesita algo imos buscar á persoa que o poida fabricar ou pensamos de que xeito de podería facer", salienta, resumindo os beneficios que a práctica maker pode ter nestes momentos.
As 350.000 viseiras protectoras de Coronavirus Makers
Dende o inicio da crise e ata o pasado 29 de marzo, os milleiros de voluntarios e voluntarias de Coronavirus Makers entregaron xa 350.000 unidades, empregando máis de 9 toneladas de material
Cómpre destacar así mesmo a plataforma Coronavirus Makers, cunhas 10.000 persoas participantes a nivel de todo o Estado (máis de 1.300 galegas), unha comunidade aberta e sen ánimo de lucro centrada na impresión de viseiras de protección. Dende o inicio da crise e ata o pasado 29 de marzo, os voluntarios e voluntarias desta iniciativa entregaron xa 350.000 unidades, empregando máis de 9 toneladas de material. Aceptan doazóns de material ou en recursos humanos, pero non cartos.
"Somos miles de voluntarias en rede, traballando en equipo para suplir as necesidades de moitas mentres a nosa sociedade acelera as medidas de protección para todas. Ademais dos nosos traballos de cada día (que facemos desde casa) pasamos cada minuto libre coordinando, investigando, imprimindo, cacharreando, comunicando, estandanrizando, analizando, producindo...", explican na súa presentación. A iniciativa conta cun grupo nacional de coordinación que aglutina as referencias de investigación, mapea os grupos de acción e reparte as tarefas. "Colaboramos coas forzas de seguridade, hospitais, tecido industrial, e universidades para pór en marcha iniciativas e ofrecer solucións", engaden.
Estudantes do campus de Lugo sumáronse a Coronavirus Makers para crear material sanitario
Entre outros, estudantes do campus de Lugo sumáronse a Coronavirus Makers para crear material sanitario. O grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo vai facer unha entrega de material de impresión para a realización de 250 destas viseiras de protección. Os coordinadores de Coronavirus Markers soben a Google Drive os arquivos validados e eles imprimen.
Na páxina de Xuvenciencia pódese ler unha reportaxe sobre a actividade destes makers lucenses, na que estes destacan que “cada lote de cinco metémolo en bolsas de conxelados, con peche de zip, e enviámolos á farmacia máis próxima, que funciona como punto de recollida, coordinado polo 061“. Imprimen os deseños nun filamento que recibe o nome técnico de PLA, “que é o básico”. “Poderíase imprimir tamén con ABS, pero precisas unha impresora pechada, debido a que os cambios de temperatura afectan a peza“, destacan, comentando que "imprimimos as viseiras de tres en tres e tardan en estar listas arredor de hora e media, dependendo dos parámetros e das boquillas“.
Colaboración da Deputación de Pontevedra
Tamén a Deputación de Pontevedra está a apoiar este tipo de iniciativas a través da plataforma Covid Makers SmartPeme, consistente na difusión dos diferentes proxectos en marcha e na prestación de asesoramento para a realización de material sanitario e preventivo. A través dunha newsletter á que están subscritas máis de 5.000 persoas, SmartPeme amosa enlaces a diferentes iniciativas como empresas privadas que proporcionan material, modelos e recollida das pezas fabricadas, plataformas open source con modelos para impresión e comunidades makers galegas con iniciativas en marcha.
Así mesmo, o asesor do Centro Provincial de Economía Dixital, CPED, situado no Viveiro de Empresas do polígono de Barro, púxose á disposición de todas e todos os makers da provincia de Pontevedra para calquera consulta relacionada coa fabricación de equipos de protección sanitarios. Resólvense dúbidas, por exemplo, sobre as diferentes iniciativas postas en marcha, a descarga de arquivos, a laminación das pezas ou cos problemas de impresión que poidan xurdir.