Un veciño de Moaña acha os primeiros exemplares en Galicia de 'aedes albopictus' a través da aplicación 'Mosquito Alert'
O proxecto de ciencia cidadá Mosquito Alert do Consello Superior de Investigacións Científicas xunto a outras institucións e o Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores, posto en marcha polo Ministerio de Sanidade o pasado abril, propician a colaboración individual na alerta a través dunha aplicación móbil sobre a presenza de diversos tipos de mosquitos potencialmente transmisores de enfermidades. Un deles é o mosquito tigre, o aedes albopictus.
No marco destes programas e da colaboración neles da Dirección Xeral de Saúde Pública do Goberno galego, a Xunta vén de confirmar que foron detectados por primeira vez en Galicia exemplares deste mosquito. Foi concretamente en Moaña a través da alerta dun veciño.
Segundo informa Sanidade, "tras o estudo por parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores" quedou confirmado que os exemplares eran mosquitos tigre e que se trata, polo tanto, da "primeira vez que se detectan" en Galicia. Dado que esta especie é unha "potencial transmisora de enfermidades coma os do virus do dengue, chikungunya ou Zika", a Xunta tivo que activar as medidas preventivas previstas no devandito plan estatal, con independencia de que "aínda non se puidese confirmar a existencia de ningún destes virus nos exemplares existentes en Moaña".
É así como, indica Sanidade, foi constituído un comité técnico con representantes das consellerías do Sergas a través da área sanitaria de Vigo, das consellerías Medio Ambiente e Medio Rural, do departamento de Emerxencias e Interior -dependente da Vicepresidencia Primeira- e mais do Concello moañés. A este órgano correspóndelle "planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito" para "controlala para evitar a súa dispersión" e "reforzar a vixilancia epidemiolóxica ante posibles casos de picaduras".
Consellos á poboación
Alén das posibles medidas futuras, Sanidade indica que as recomendacións xerais para evitar posibles picaduras do mosquito tigre pasan por unha "boa hixiene persoal" e uso de repelentes. "O mosquito tigre cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana" e por iso entre as recomendación está "revisar cada 4 ou 5 días lugares como bebedeiros de mascotas, floreiros ou pratos" por baixo das macetas.
Este mosquito é potencial transmisor de virus como dengue, chikungunya ou Zika, subliña Sanidade, e por iso require vixilancia. Recomenda "boa hixiene persoal", uso de repelentes e evitar recipientes con auga estancada "durante máis dunha semana"
No marco desta alerta, Sanidade explica que este mosquito se caracteriza "pola súa coloración negra intensa cunha liña branca lonxitudinal central en tórax e cabeza e as súas patas a bandas negras e brancas". Adoita medir entre 5 e 10 milímetros.
A Consellería agrega, ao tempo, que as picaduras do aedes albopictus poden "producir reaccións alérxicas de certa gravidade". Os exemplares detectados no pasado noutros puntos o Estado "non produciu circulación de virus" agás, especifica, "casos illados de dengue detectados en 2018 e 2019".