A reforma de Wert colocaría o galego como lingua residual no ensino

Wert preside unha conferencia sectorial de Educación, fronte a Jesús Vázquez © Goberno de España

O borrador da reforma educativa dá a volta aos diferentes modelos lingüísticos educativos no conxunto do Estado. A nova normativa que impulsa o Goberno, e que será discutida coas autonomías este martes na conferencia sectorial, supón un ataque directo ao sistema catalán, pero leva por diante tamén os principios doutros modelos, malia a súa febleza na normalización das linguas cooficiais. O galego é un caso.

Así, o borrador da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) situará o galego nunha situación aínda máis residual. Segundo este texto, as materias en Primaria dividiranse en troncais, específicas e de especialidade. As primeiras ocuparían un mínimo do 50% do horario lectivo, mentres que as segundas conformarían, como máximo, o 50% do horario. No caso das de especialidade, non se asigna un tempo mínimo.

O galego converteríase en materia "de especialidade", polo que un centro podería optar por impartilo tan só unha hora á semana

É precisamente neste último bloque onde se situarían as linguas cooficiais e, xa que logo, as materias específicas de galego, por debaixo en importancia do castelán e da primeira lingua estranxeira (troncais) e tamén da segunda lingua estranxeira, que é considerada materia específica. E que suporía iso? Segundo advirte a Generalitat, que haxa centros que poidan determinar que ao ensino da lingua propia de cada autonomía tan só se lle dedique unha hora á semana. O galego, obviamente, estaría tamén nesta situación.

Os alumnos poderían obter o título de ESO sen examinarse de galego

Na ESO a situación sería semellante. As materias tamén se dividen en troncais, específicas e de especialidade, quedando o galego neste último bloque. Neste caso, os alumnos poderían obter o título de ESO sen demostrar o seu coñecemento da lingua galega, xa que na reválida imposta polo Goberno tan só se esixe examinarse dunha das materias do bloque de especialidades, polo que os rapaces poderán escoller entre o galego ou calquera outra materia.

Por outra banda, o borrador obriga as autonomías con lingua propia a garantir "en todas as etapas educativas obrigatorias que as linguas cooficiais sexan ofrecidas nas distintas materias en proporcións equilibradas no número de horas lectivas". No caso de non ser así, as comunidades deberán ofrecer aos pais a posibilidade de "escoller a lingua vehicular" e, no caso de que non haxa oferta na escola pública ou concertada, os gobernos autonómicos terán que "sufrgar os gastos de escolarización en centros privados".

O Estado permitiría un trato "diferenciado" ao galego pero "nunha proporción razoable"; se non é así, pagaralle a educación en castelán aos nenos en centros privados

O borrador admite que se dea "un trato diferenciado á lingua cooficial respecto do castelán nunha proporción razoable" e sempre que "poida supor a exclusión do castelán". Se o fixese, terá que ofrecer alternativas, que non son outras que pagarlle a educación privada aos nenos para que estuden no idioma vehicular que lles pete. A falta de concreción en canto ás "proporcións equilibradas e razoables" abre a porta a que as familias que esixan unha educación en castelán poidan optar á escolarización privada gratuíta sufragada polo Estado.

A norma está dirixida claramente a eliminar o modelo de inmersión lingüística catalán, pero provoca unha chea de dúbidas arredor doutros sistemas como o galego. Que proporción lingüística é considerada "equilibrada e razoable"? Pagaráselle a escola privada e en galego a unha familia que reclame unha maior presenza da lingua propia na escola? Cantos centros privados aseguran  unha proporcionada presenza do galego no seu currículo escolar?

 

Conferencia sectorial

Polo momento, a Generalitat xa vén de anunciar que é "inimaxinable" aplicar a pretendida de reforma do ministro Wert en Cataluña, mentres que os sindicatos e a oposición xa se puxeron do lado do Govern, que ameaza cun recurso ao Constitucional se se rompe co modelo instaurado na escola catalá desde hai décadas. Na conferencia sectorial, a consellera Irene Rigaou plantou o ministro e abandonou a xuntanza.

Logo, tras a reunión, o ministro de Educación, José Ignación Wert, asegurou que non hai "ningún elemento que minusvalore a lingua catalá". "Díxose que o que se propón neste anteproxecto vai contra a inmersión lingüística. É falso", asegurou, tras aclarar que o texto "di o mesmo que a xurisprudencia do Constitucional e o Supremo sobre a inmersión: o catalán pode ser utilizado en proporción superior á do castelán, pero non pode supor a exclusión do castelán ou a súa expresión nominal ou de aparencia. A partir de aí, o que é novidade é que se establece un mecanismo para o castelán vehicular para que ese dereito non quede como unha simple declaración".

Wert insistiu: "É falso que se ataque o catalán. Nin se diminúe o uso do catalán nin se inclúe calquera elemento de minusvaloración do catalán no ensino, senón que se establece a paridade coa lingua castelá. Utilízase como unha ferramenta política. Non me considero ofendido, pero unha boa parte das comunidades expresaron o seu malestar porque a representante de Catalunya non expresou os argumentos das demais comunidades".

Ademais, Wert asegurou que a lingua cooficial "ten o mesmo rrango de avaliación que o castelán, dámoslle a importancia da troncalidade", malia que no borrador as materias en galego, éuscaro ou catalán son consideradas "de especialidade".

O ministro recoñeceu que houbo comunidades que expresaron a súa desconformidade coa reforma, pero non quixo concretar cales. Wert convocará unha nova conferencia sectorial para o día 19 ante as duras críticas de varias autonomías.

 

 

Wert, con Aznar o pasado verán nun curso da FAES © Fundación FAES
Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.