A pasada semana, o Parlamento galego aprobou a lei Ángeles Alvariño, unha iniciativa que busca introducir mecanismos correctores que garantan a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito científico e investigador. En concreto, a norma promovida polo BNG busca evitar que os permisos de maternidade ou lactación penalicen ás investigadoras nas convocatorias que avalían os méritos científicos.
Estas medidas correctoras para garantir a igualdade real entre mulleres e homes veñen sendo aplicadas dende hai varios anos na Universidade da Coruña
Neste senso, foi moi significativo o caso da investigadora María de la Fuente, que recentemente viu recoñecido por un tribunal que sufrira discriminación laboral de xénero nunha convocatoria estatal que non non introduciu mecanismos correctores para que persoas que se acolleran a baixas de maternidade, como ela, non visen prexudicadas as súas carreiras. "Non se trata de priorizar a carreira científica ou a maternidade. As dúas deben ser compatibles", dicía nesta entrevista con Praza.gal, hai uns meses.
No ano 2004 a Facultade de Ciencias da UDC solicitou á Universidade que non se tivesen en conta os meses de baixa de maternidade e lactación na duración total dos contratos de investigación postdoutorais
Estas medidas correctoras, que comezan a ser aplicadas agora en moitos centros de investigación, universidades e convocatorias e que dende onte están garantidas por unha lei galega, veñen sendo impulsadas dende hai varios anos na Universidade da Coruña, que foi pioneira neste tipo de iniciativas que buscan evitar a discriminación para as traballadoras.
No ano 2004 a Facultade de Ciencias da UDC solicitou á Universidade que non se tivesen en conta os meses de baixa de maternidade e lactación na duración total dos contratos de investigación postdoutorais, que tiñan unha duración de catro anos, de xeito que eses catro meses e medio de baixa se sumasen ao remate dos catro anos, ampliando o contrato e evitando así que estas investigadoras se visen prexudicadas, tanto a nivel económico como no que atinxe á acumulación de méritos.
"Lembro un caso dunha investigadora que nos comentara que non ía pedir a baixa de maternidade para non perder así tempo do seu contrato, polo que decidimos facer unha solicitude á Universidade para prorrogar eses contratos"
Moisés Canle López, Catedrático de Química Física da UDC, que o destacaba este mércores nas redes sociais, e que nese tempo era vicedecano da Facultade de Ciencias, explica que "nese momento tiñamos varias persoas contratadas con cargo a programas como o Isidro Parga Pondal e outros, como o Juan de la Cierva, o Ángeles Alvariño ou o Lucas Labrada, e entre elas había bastantes mulleres". "E lembro un caso dunha investigadora que nos comentara que non ía pedir a baixa de maternidade para non perder así tempo do seu contrato, polo que decidimos facer unha solicitude expresa á universidade para prorrogar eses contratos", di.
No ano 2004 José María Barja accedeu ao cargo de Reitor e contaba no seu equipo con Xosé Luís Armesto como vicerreitor de Persoal e con Concepción Herrero como vicerreitora de Investigación. "Sen esas persoas, esta medida pioneira non tería sido posible", subliña Moisés Canle
A solicitude foi aceptada en boa medida porque atopou un equipo de Goberno da Universidade con sensibilidade feminista. No ano 2004 José María Barja accedeu ao cargo de Reitor da UDC e, ademais, contaba no seu equipo con Xosé Luís Armesto como vicerreitor de Persoal e con Concepción Herrero como vicerreitora de Investigación. "Sen esas persoas, esta medida pioneira non tería sido posible", subliña Moisés Canle, que celebra que agora se "oficialice" esta medida a través da Lei Ángeles Alvariño, pero subliña o traballo previo desenvolvido pola Universidade da Coruña nesta cuestión. "Parece que é algo novísimo, pero na Universidade da Coruña levámolo facendo 17 anos", di.
"Foi unha medida moi importante para as persoas que se beneficiaron dela e para a Universidade supuxo un esforzo económico importante, de ao redor de 30.000 euros por persoa. Non foi unha iniciativa simbólica, dende logo", salienta. "Foi relevante, sobre todo para aqueles tempos, e houbo que pelexalo", conclúe.