Boísimo: a gastronomía como innovación e cultura e como "elemento vertebrador do territorio"

Boísimo é un portal de cultura gastronómica centrado en primeiro lugar na investigación sobre produtos © GCiencia

"A idea naceu vendo a importante investigación relacionada cos alimentos que se realiza en Galicia. Pero dende aí fomos ampliando o concepto: que representa a gastronomía para a cultura dun pobo"

Este martes chegou á rede Boísimo, o novo portal temático de GCiencia dedicado á gastronomía e á alimentación. Pero Boísimo está moi lonxe de ser unha web de receitas (aínda que tamén inclúe algunhas), senón que a páxina ten como cerne a ciencia e a investigación e, ademais, entende a cociña como un feito cultural de primeira orde. "A gastronomía é unha parte esencial da cultura dun país", comeza o texto no que se presenta o medio, que nace co apoio da Deputación da Coruña, a través do seu programa de proxectos singulares de especial interese cultural.

A páxina contará con reportaxes, entrevistas, artigos de opinión, receitas e con colaboracións destacadas, coma as do escritor Domingo Villar, os videoconsellos sobre nutrición de Amil López ou as achegas das cociñeiras Lucía Freitas, Bea Sotelo ou Iria Espinosa.

"Boísimo é unha idea que foi madurando moi pouco a pouco e que naceu vendo a importante investigación relacionada cos alimentos que se realiza en Galicia, en institucións públicas como a Misión Biolóxica de Galicia, o Centro de Investigacións Agroalimentarias ou Instituto de Investigacións Mariñas, pero tamén privadas", explica o xornalista Pablo López (GCiencia). "Pero dende aí fomos ampliando o concepto, centrándonos máis na cultura: que hai detrás do feito gastronómico, que representa a gastronomía para a cultura dun pobo..., e no seu aspecto social e económico", di.

Portada de Boísimo © GCiencia

"Queremos falar dos excelentes produtos gastronómicos galegos, pero hai unha gran vinculación entre o produto e a investigación"

Entre os primeiros contidos de Boísimo aparecen, por exemplo, os recentes avances na cría de polbos de acuicultura, a formación e investigación sobre o viño en Galicia, ou a recuperación das galletas mariñeiras a cargo de Daveiga. "Queremos falar dos excelentes produtos gastronómicos galegos, pero hai unha gran vinculación entre o produto e a investigación", destaca Pablo López, que pon o exemplo do chícharo bágoa, que nos últimos anos acadou tanta sona e valor. "É un xerme que estaba no banco de xermoplasma da Misión Biolóxica de Galicia. Un produtor foi por aí e comezou a plantalo, coidouno moito, porque hai que coidalo ben, e comezaron a vir cociñeiros do País Vasco a mercalo a prezos moi elevados. É un produto, pero vinculado tamén á investigación, algo que estaba aí, pero que podería terse perdido, e que agora ten un gran potencial económico", conta.

O portal quere ademais falar de gastronomía desde unha perspectiva de xénero que "lonxe dos clixés tradicionais, reflicta a enorme importancia da muller na alta cociña e do home na cociña doméstica"

Boísimo ten, polo tanto, tres grandes patas: a investigación, o produto e os cociñeiros e cociñeiras, "porque aquí hai grandísimos chefs, pero tamén unha clase media de moitísima categoría", destaca López. Estarán presentes na publicación a través de Lucía Freitas, Bea Sotelo ou Iria Espinosa, tres mulleres que acadaron cadansúa Estrela Michelín e que achegarán as súas receitas, que serán sempre sinxela e, sobre todo, saudables, enmarcadas precisamente na sección Estrelas Saudables. O portal quere ademais falar de gastronomía desde unha perspectiva de xénero que "lonxe dos clixés tradicionais, reflicta a enorme importancia da muller na alta cociña e do home na cociña doméstica".

"Hai fenómenos de abandono e despoboamento no rural, pero tamén hai exemplos -e nós ímolos contar- de xente que volve ao rural e que volve para traballar o campo"

O portal falará decote sobre os prezados produtos alimenticios galegos, destacando ademais o seu potencial como elemento de desenvolvemento territorial, para a recuperación demográfica das zonas despoboadas ou para a xeración de identidades comunitarias. "Agora que tanto se fala da España vacía e vaciada e da Galicia baleira e baleirada, é fundamental ter en conta estes produtos e o valor que se lles poden dar a estas comarcas", sinala Pablo López.

"Hai fenómenos de abandono e despoboamento no rural, pero tamén hai exemplos -e nós ímolos contar- de xente que volve ao rural e que volve para traballar o campo. Xente que ten formación, que vén das cidades, pero que quere facer do campo un medio de vida. E están conseguíndoo", salienta. "O campo non debe ser visto como un espazo atrasado, de xente maior e non vinculado coas novas tecnoloxías", engade. "A alimentación é un elemento integrador e vertebrador do territorio e pode ser entendido como tal", conclúe.

A páxina contará con reportaxes, entrevistas, artigos de opinión, receitas e con colaboracións destacadas, coma as do escritor Domingo Villar © GCiencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.