Catro triunfadoras no sector tecnolóxico amosan o camiño para vencer a fenda de xénero nas TIC

Este xoves 25 de abril celébrase o Día Internacional das Nenas nas TIC © Cesga

Este xoves 25 de abril celébrase o Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha conmemoración que se acompaña en moitos países dun gran número de actividades que buscan rematar coa actual fenda de xénero nas carreiras e nas profesións tecnolóxicas. 

Un dos grandes obxectivos é visibilizar o traballo que xa están a realizar moitas mulleres neste sector, de xeito que as nenas e mozas poidan contar con referentes femininas

Na última década a porcentaxe de mulleres nas carreiras de ciencias en Galicia caeu 10 puntos. En concreto, nos estudos de Informática é onde a fenda de xénero é maior, con apenas un 13% de mulleres matriculadas neste momento en Galicia, fronte ao 38% que chegou a acadar no ano 2000. Nos últimos anos varias iniciativas traballan para fomentar as vocacións científicas nas mulleres (e sobre todo nas nenas), promovendo a súa incorporación ás áreas científico-técnicas. Unha delas é o proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países.

Un dos grandes obxectivos é visibilizar o traballo que xa están a realizar moitas mulleres neste sector, de xeito que as nenas e mozas poidan contar con referentes femininas que axuden a derrubar algúns estereotipos que aínda están instalados, como que determinados ámbitos tecnolóxicos ou técnicos son máis cousa de homes.

Este xoves o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), organiza unha actividade na que centros escolares de toda Galicia se conectarán por videoconferencia para conversar con catro galegas que, mesmo sendo moi novas, acadaron o éxito profesional no sector. Os rapaces e rapazas dos institutos participantes faranlles preguntas e achegarán os seus puntos de vista e dúbidas ao coloquio.

Centros escolares de toda Galicia conectaranse por videoconferencia para conversar con catro galegas que, mesmo sendo moi novas, acadaron o éxito profesional no sector

Trátase de Pilar Vila Avendaño: Enxeñeira informática, analista forense e perito xudicial informático. É CEO da empresa forensic-security.com, experta en ciberseguridade e forma parte da directiva do CPEIG. Sonia Valladares Rodríguez: Enxeñeira en telecomunicacións, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de Machine Learning, TICs e técnicas de ludificación na detección precoz do deterioro cognitivo. Mercedes García Rodríguez: Tradutora, desenvolvedora de software, co-organizadora de GalsTech. R&D Manager en 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots conversacionais. É unha das tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller. E Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no departamento de Desenvolvemento empresarial innovador en Tecalis (Ames). Brand Manager de “Signen KYC” (un kiosco dixital con firma dixital, con securización mediante Blockchain, etc.).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.