Descobren na Cova Eirós a mostra de de arte rupestre máis antiga do noroeste peninsular

Escavacións arqueolóxicas na Cova de Eirós © Asociación Cultural do Iribio

Os traballos arqueolóxicos que se están desenvolvendo na Cova de Eirós (Triacastela) acaba de dar novos froitos. Os investigadores do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN) da USC e do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES) veñen de atopar nas salas interiores da cova motivos gravados e pintados que poderían remontarse a hai arredor de 30.000 anos.

A presenza de evidencias de arte rupestre prehistórica supón a declaración de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC)

Cova Eirós convértese deste xeito na primeira manifestación de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular, o que enche un importante baleiro neste ámbito, pois os paralelos máis próximos están nas representacións ao aire libre dos vales fluviais de Foz Côa e Alto Sabor, no norte de Portugal, e nas cavidades de La Viña, Peña de Candamo ou Pena Oscura, na cunca do río Nalón (Asturias). A presenza de evidencias de arte rupestre prehistórica supón a declaración de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC), o que confirma a súa singularidade e garante a súa protección. Hai uns meses a Asociación de Veciños Monte Caldeirón denunciou os intentos de Cementos Cosmos de ampliar a explotación mineira anexa á cova, que podería poñer en perigo o xacemento.

Nos estudos preliminares foron identificados dous tipos de manifestacións: pinturas en negro e gravados

Ramón Fábregas, investigador principal do proxecto, asegurou que desde o comezo dos traballos neste xacemento "había a sospeita de que se podían atopar evidencias deste tipo", algo que finalmente se confirmou recentemente coa aparición das pinturas e gravados dados a coñecer. A maioría dos motivos aparecen concentrados na gran sala do interior da cavidade, especialmente na parede leste. Nos estudos preliminares foron identificados dous tipos de manifestacións: pinturas en negro e gravados. As pinturas en negro, usando carbón vexetal como pigmento, atópanse nun panel principal formando contornos de animais incompletos (curvas cérvico-dorsais, cabezas...), ringleiras de puntos e marcas na parte inferior das paredes. 

 

Catro anos de descubrimentos

O grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela comezou os traballos de excavación na cova en 2008. Conseguiron datar a presenza humana no Paleolítico Medio e Superior e posteriormente sondaxes xeofísicas revlearon a existencia dun recheo de tres metros, do que aínda non se escavou a súa totalidade. En calquera caso, na cova pódese estudar un período de máis de cen mil anos, pois os artefactos achados no nivel inferior teñen 118 mil anos de antigüidade, polo que se poden estudar no mesmo espazo os mods de vida de dúas especies de homínidos, o neandertal e o homo sapiens.

O pasado ano atopáronse unha agulla en óso e unha pequena lanza decorada con tres liñas gravadas en zig zag, un elemento do que só se atoparon exemplos comparables en Galicia nas covas de Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde). No 2009 atopouse mesmo un colgante elaborado hai 26.000 anos co incisivo dun pequeno carnívoro, seguramente un raposo. A importancia do achádego, moi singular en todo o noroeste peninsular, é moi grande, pois o colgante foi elaborado no periodo máis duro das glaciacións no que, como se demostra, a cova permaneceu habitada.

 

Presentación do achado

O pasado ano atopáronse unha agulla en óso e unha pequena lanza decorada con tres liñas gravadas en zig zag, un elemento do que só se atoparon exemplos comparables en Galicia nas covas de Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde)

O reitor da USC, Juan Casares, quen visitou o xacemento antes da presentación do achado, amosou a satisfacción da institución tras este descubrimento, "unha magnífica mostra dos resultados que ofrece a cooperación interuniversitaria en materia de investigación". Tamén asistiu á presentación do achado o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, quen salientou "o excelente nivel científico do equipo multidisciplinar que se ocupa das intervencións arqueolóxicas, e que de seguro permitirá contar en breve con máis información precisa e fiable". No acto de presentación tamén participou Federico Martínez, director da factoría que a empresa Cementos Cosmos (propietaria dos terreos nos que se asenta a cova) posúe no municipio de Sarria.

Unha das pinturas atopadas na cova © USC
Detalle, illado, das figuras gravadas nas paredes © USC
Vista xeral da cova © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.