Divulgar para protexer: un xardín para asistir ao espectáculo da polinización cos insectos como protagonistas

Xardín para insectos polinizadores silvestres en Pena Da Nogueira (Negueira de Muñiz) © Asociación Corripa

O xardín de polinizadores silvestres da Asociación Corripa en Negueira de Muñiz serve para facer investigación e divulgación a través dun catálogo "que reflicta a biodiversidade arredor dos insectos" da zona

Unha ferramenta para promover a conciencia e a educación ambiental, fomentar a divulgación sobre os polinizadores silvestres e asegurar a conservación do espazo natural. O xardín de polinizadores silvestres Fernando Fueyo sitúase na aldea Pena da Nogueira, na comarca da Fonsagrada, moi preto de Asturias. "Serve para facer investigación, dentro do xardín temos unha parte dedicada a plantas hortícolas, árbores froiteiros e plantas herbáceas autóctonas. Ao longo de todo o ano estamos a comprobar que especies visitan cada unha delas e, a partir de aí, imos elaborar un inventario porque nesta zona da montaña de Lugo aínda non hai ningún tipo de catálogo que reflicta a biodiversidade arredor dos insectos", explica Alberto Uría, vicepresidente da Asociación Corripa.

O proxecto do xardín de polinizadores silvestres nace das inquedanzas de varios membros desta asociación, un colectivo con diversos perfís profesionais formado no concello de Negueira de Muñiz, que promove a preservación e divulgación da riqueza natural da contorna con accións sen ánimo de lucro como este xardín, premiado en 2022 pola fundación Conama, creada para fomentar o desenvolvemento sostible en España e Iberoamérica.

Unha mariposa sobre unhas flores no xardín de Pena da Nogueira © Asociación Corripa

O pacto verde asinado na Unión Europea pretende reverter o declive das poboacións de insectos polinizadores, fundamentais para a conservación dos ecosistemas mais tamén para un sector económico de enorme importancia como é o agrogandeiro. Este proxecto da Asociación Corripa conta co apoio do Grupo de desenvolvemento rural (GDR3) montes e vales orientais, que leva toda a montaña de Lugo, e co financiamento da Axencia galega de desenvolvemento rural, dependente da Xunta, a partir de axudas do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (FEADER).

 "A riqueza dos nosos territorios do rural é preciso coñecela para poder coidala"

"Hai moitas plantas que dependen dunha ou dúas clases de insectos e, loxicamente, se estes insectos desaparecen as plantas tamén. Todos os anos vemos como desaparecen especies no planeta e a maioría son insectos, pero ninguén se alarma por iso porque non se coñecen e a xente non ten sensibilidade por aquilo que descoñece", defende Alberto Uría.

Afortunadamente, o noso país segue sendo o garante para un montón de especies e continúa a mostrar a súa riqueza para quen estea aí para vela. "Estamos descubrindo especies que non se sabía que tiñan presenza no norte de España. A riqueza dos nosos territorios do rural é preciso coñecela para poder coidala", agrega.

Alberto Uría é apicultor, dedícase a producir mel e polen, e ten moi claro que tanto a agricultura como a gandería en extensivo son compatibles coa biodiversidade pero "con carácter intensivo, lonxe de beneficiar a natureza, chegan a prexudicala, incluída a apicultura e as colmeas". Co afán de construír da man da natureza e non destruír, Uría leva anos formándose e divulgando o modelo apícola tradicional da montaña. "Había poucas colmeas, moi repartidas polo territorio, que permitían que todos eses polinizadores silvestres puideran convivir coas abellas das colmeas", explica. Isto non sucede se aumenta a concentración de colmeas para incrementar tamén a produción de mel, pero tampouco axuda a desaparición do hábitat a causa do quecemento global ou do abuso de pesticidas.

Abellas polinizando unha flor do xardín © Asociación Corripa

"Non é un bo momento para os insectos e parecíanos moi importante divulgar o seu papel"

"Non é un bo momento para os insectos e parecíanos moi importante divulgar o seu papel", afirma o vicepresidente de Corripa. O xardín de polinizadores silvestres que teñen en Pena da Nogueira conta con 3.500 metros cadrados de superficie plantados e controlados, que se inserta nun espazo natural protexido como é a reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón que abarca concellos de Galicia e Asturias. O xardín é accesible en cadeira de rodas e está pensado para que haxa flores á altura da xente, para que poidan observar o traballo destes insectos, que voan libres pola zona.

"O xardín é un foco cheo de flores que o que pretende é que se posen aí e un visitante poida velos. Recuperamos varios prados de sega tradicional que había e metemos plantas hortícolas, intentamos que sexan variedades tradicionais na medida do posible, e temos unha zona dedicada a plantas aromáticas", destaca. Á parte das visitas escolares e de investigadores na materia, organizan visitas para o público xeral ao xardín, para o que é preciso contactar coa asociación a través do seu correo electrónico. "Cobramos cinco euros por persoa que reinvestimos no mantemento do xardín. Está a contactarnos bastante xente e cando se poida, a partir de marzo ou abril, esperamos recibir visitas", celebra Uría.

No xardín para insectos polinizadores conviven moscas florícolas, bolboretas, avelaíñas, escaravellos, avésporas e abellas

Neste xardín conviven dípteras (moscas florícolas), lepidópteros (bolboretas), avelaíñas, coleópteros (escaravellos) e himenópteros (avésporas e abellas). "Imos facendo inventarios dos insectos que hai polas plantas para conseguir identificalos e deixar constancia da súa presenza. Colaboramos con varios investigadores que nos están a axudar a determinar que especies temos aquí, falamos de grupos de insectos moi descoñecidos. Detrás disto vemos un ben público, pois para nós xerar un catálogo para que despois o poida consultar calquera é a maneira de deixar un legado a toda a sociedade", argumenta Alberto Uría.

O xardín leva o nome do falecido artista plástico Fernando Fueyo, vinculado ao proxecto desde o comezo e que ilustrou unha primeira guía que editaron o pasado ano grazas a unha campaña de micromecenado. O reto que teñen agora é buscar xente que saiba valorar a riqueza da zona e fomentar un turismo sustentable. Estiveron preparando unha senda sinalizada, que contan con inaugurar para abril, pois Uría conta que non hai ningún sendeiro nesa zona e que pode axudar a que a xente que pense en achegarse ata a alí teña máis oferta. "É unha oportunidade, nós reivindicamos un ecoturismo científico: queremos recibir á xente e poder contarlle o que estamos a facer. Estamos intentando aportar ao territorio e crear un recurso novo, a pequena escala, pero de xente que vai valorar o que temos", asevera.

Plano do xardín de Pena da Nogueira © Asociación Corripa

Mel ao modo tradicional

Alberto Uría tamén dirixe un ecomuseo, El país del abeyeiro, dedicado á divulgación da apicultura tradicional. "Por unha parte fago visitas guiadas e por outra formo a xente aquí sobre como é a apicultura máis tradicional, e ademais traballo na recuperación de elementos patrimoniais da apicultura, como colmeas que teñen centos de anos. Aquí ensinamos desde como se produce un enxame de abellas a como se saca un fardo de mel", conta.

O xardín de polinizadores silvestres da Asociación Corripa, que está moi preto deste museo da apicultura, serve para manter esa liña de protección e defensa destes insectos que xa iniciara Uría como apicultor. "Para min é unha oportunidade incrible ser parte da asociación e que todos traballemos cos mesmos intereses", sinala.

"Aquí ensinamos desde como se produce un enxame de abellas a como se saca un fardo de mel", conta sobre o seu ecomuseo El país del abeyeiro

Este apicultor recibiu recentemente coa súa Miel Outurelos a distinción da mellor mel do Estado, segundo a cata de Mieladictos. Concretamente, a mel premiada é unha edición limitada de 300 tarros de ‘Miel del Cortín’, que se esgotaron en apenas unhas horas á venda. O produto provén dunha colmea tradicional centenaria que reconstruíron pedra a pedra para favorecer o hábitat do oso pardo e do urogaio en Villarmeirín (Ibias, Asturias).

Para Alberto Uría a sociedade actual “vive de costas á natureza”, aínda que conceda que haxa xente á que lle estea a cambiar a perspectiva. “Hai xente que volve ver o rural como un lugar máis próximo e necesario para ter que comer, pero como a maioría da xente compra todo o que come nun supermercado é como que perde a relación co rural, e non hai tanta sensibilidade a respecto dos que vivimos no rural e de como nos vai. Creo que falta máis sensibilidade”, defende.  

Un 'hotel' para abellas e outros insectos polinizadores © Asociación Corripa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.