O traballo mostrarase nunha páxina web onde se recrearán os cambios xeolóxicos da península coruñesa a través do tempo, e tamén as súas edificacións, en 3D en diferentes épocas, desde o Paleolítico inferior ata o final do período romano
Como era a actual cidade da Coruña hai 350.000 anos? Como era hai preto de dous mil anos, cando se construíu o faro romano da Torre de Hércules? Como evolucionou a propia torre e como se vía dende elevacións como o Monte de San Pedro, o Parque de Visma ou Santa Cruz? O proxecto Estación Visual A Coruña busca levar a cabo unha reconstrución virtual da historia do territorio da cidade herculina empregando as máis modernas técnicas de visualización en 3D e de creación de infografías. A iniciativa presentou este mércores na Reitoría da Universidade da Coruña unha campaña de crowfunding para financiar o proxecto.
O traballo mostrarase nunha páxina web onde se recrearán os cambios xeolóxicos da península coruñesa a través do tempo, e tamén as súas edificacións, en 3D en diferentes épocas, desde o Paleolítico inferior ata o final do período romano. O traballo, realizado por un equipo veterano en proxectos creativos e culturais, está documentado e asesorado por fontes expertas destacadas das diferentes áreas que abrangue, principalmente Arqueoloxía, Xeoloxía e Historia.
“É unha canle de comunicación permanente coa representación visual de todo o pasado do que nos falan a ciencia e a historia"
“Poderase contemplar o territorio urbano uns centos de milenios antes, cando estaba dominado polo mar polas variacións climáticas ou a Torre de Hércules orixinal no seu contexto xeográfico”, explicou Enrique Cabarcos, un dos membros do equipo, na presentación. “É unha representación plausible e rigorosa pero co obxectivo de que sexa accesible para todo o público”, engadiu Cabarcos, que apuntou que o proxecto ten posibilidade de “desenvolvemento continuo”. “É unha canle de comunicación permanente coa representación visual de todo o pasado do que nos falan a ciencia e a historia”, subliñou.
A ferramenta ten múltiples aplicacións en sectores como o educativo, o cultural, o científico ou o turístico
Os responsables do proxecto lembran que o resultado deste traballo, desenvolvido hai máis dun lustro e cuxos precedentes foron incluídos na documentación da candidatura da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade diante da Unesco, ten múltiples aplicacións en sectores como o educativo, o cultural, o científico ou o turístico. Ademais, destacan que "tería efectos na imaxe de marca da cidade, que ten a Torre de Hércules e a súa historia como un dos símbolos principais". “A Torre marca un dos eixos narrativos máis importantes da iniciativa, como non podería ser doutro xeito, e fai que o proxecto teña aínda máis atractivo”, sinalan.
O equipo explica que "a nosa idea incluiría a publicación de libros, exposicións, itinerarios didácticos de realidade aumentada, colaboración con publicacións académicas, visualización de novos achados científico-históricos ou vídeos didácticos con animación". "Podería construírse tamén unha plataforma para actualizar o pasado ou itinerarios turísticos culturais que engaden unha dimensión máis á visita á cidade", engaden.
Se a campaña de financiamento ten éxito, o equipo calcula que a web podería estar accesible xa no mes de outubro deste ano 2022
A campaña de procura de financiamento lévase a cabo a través da plataforma Verkami e espera recoller 13.500 euros en achegas ata o vindeiro 30 de xullo. De momento, a iniciativa obtivo xa 3.680 euros nos seus primeiros días de actividade. A cidadanía ou empresas que invistan accederán a distintas recompensas, como camisetas ou láminas, así como a un libro con imaxes inéditas da cidade.
Se a campaña ten éxito, o equipo calcula que a web podería estar accesible xa no mes de outubro deste ano 2022.