A campaña tamén terá os estudantes na rúa. Varias organizacións estudantís e xuvenís do Estado, entre elas as galegas Liga Estudantil, Comités e Agir, convocan para o vindeiro 11 de outubro o Día Internacional de Loita Estudantil, unha xornada na que pretenden "protestar contra as reformas e recortes levados a cabo nos últimos meses na educación" e "reivindicar a soberanía dos pobos", e na que os tres colectivos convocan unha folga xeral no ensino universitario e medio do país.
As tres organizacións galegas convocaron este mércores unha rolda de prensa para presentar unha xornada de protesta motivada polos "recortes, reformas e diminución de dereitos sociais, políticos e culturais" aplicados aproveitando "a escusa dunha crise creada polos mesmos que están a xestionar o poder desde diferentes marcos". "Estannos levando a un sistema escravista, onde os ricos son máis ricos e os pobres son máis pobres", explican.
Varias organizacións do Estado convocan unha folga xeral no ensino "contra os ataques do Goberno central" á educación
O obxectivo é unha mobilización que se desenvolva en varios lugares do Estado para "denunciar os ataques do Goberno central ao ensino" e enmarcado no "internacionalismo e a solidariedade entre os pobos". De feito, a protesta está convocada por organizacións estudantís e xuvenís de Galicia, Asturias, Cataluña, Euskadi, Aragón e Cantabria.
No comunicado conxunto de todos estes colectivos, lembran que as comunidades autónomas "están a aplicar as decisións do Goberno central sen ningún tipo de reparo, demostrando unha vez máis que baixo o capitalismo e o autonomismo non é posíbel a soberanía e a independencia dos pobos que se atopan indefensos ante as reformas impostas desde a UE e o gran capital".
"Non lles abondaba coa mala situación na que se atopan xa as linguas e culturas dos pobos, senón que agora buscan destruílas ata a súa desaparición recortando os orzamentos en educación e cultura", insisten, tras denunciar que se "aproveita a crise institucional" para "tentar uniformar as nacións dentro do estado para que a súa estrutura poida seguir existindo".
"Xustifican todo isto dicindo que non hai diñeiro, as ganancias nos mercados de alta gama aumentan, e tamén o gasto militar ou os soldos dos políticos", aseguran todas as organizacións convocantes, que cren que "xa non hai quen crea esa gran mentira de que non hai cartos" e que se está a acentuar aínda máis o "proceso de privatización da universidade" que levan anos denunciando.
Chaman a unirse "á loita por unha educación pública e digna para todos, para poder construír a nova escola que nos eduque como persoas libres"
Por todo isto, din unirse "á loita por unha educación pública e digna para todas, para poder construír a nova escola que nos eduque como persoas libres". "A única alternativa posíbel é unha escola pública, laica, popular, antipatriarcal, digna, e que cumpra con todas as necesidades lingüísticas e culturais de cada nación", reivindican.
En Galicia hai previstas, cando menos, manifestacións en seis cidades
En Galicia, hai previstas polo momento manifestacións en seis das sete cidades ás 12 do mediodía dese 11 de outubro, á espera da confirmación de Ferrol. Os lugares de saída das marchas son os seguintes: na Coruña, o campus de Elviña; en Compostela, a praza do Toural; en Vigo, a praza dos Cabalos; en Lugo, en Intercentros, no Campus; e en Ourense fronte a delegación da Consellería de Educación. O inicio da protesta en Pontevedra está aínda por confirmar.