En Galicia 618.000 persoas non teñen a posibilidade material de acceder a unha conexión de velocidade elevada, un dato só empeorado por Castela-León
Galicia segue a ser un dos territorios do Estado con peor calidade de conexión a internet, especialmente nas zonas rurais. O informe de cobertura correspondente ao ano 2021 feito público polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital detalla que Galicia é, en concreto, a segunda comunidade autónoma onde unha maior porcentaxe de poboación non ten a posibilidade de conectarse a unha velocidade superior aos 100 Mbps, o 23% do total.
O dato de Galicia, que significa que 618.000 persoas non teñen a posibilidade material de acceder a unha conexión desta velocidade, só é empeorado por Castela-León (30,46%). O dato galego está a máis de doce puntos da media española (11,69%) e empeora lixeiramente os indicadores de Aragón e Asturias.
No ano 2020 dúas de cada tres entidades de poboación galegas carecían deste acceso a Internet de calidade
O gran problema procede das conexións nas zonas rurais. Un informe anterior da Secretaría de Estado para o Avance Dixital revelaba que no ano 2020 dúas de cada tres entidades de poboación galegas carecían deste acceso a Internet de calidade, sendo consideradas Zonas brancas NGA, lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, cunha velocidade de baixada de 30 megas por segundo ou superior, nin previsións para a súa dotación por algún operador no prazo de 3 anos en base a plans de investimento cribles".
En concreto, eran 21.966 entidades de poboación as que se atopaban nesta situación e nelas vivía algo máis de medio millón de persoas (519.358), o 19,2% da poboación total do país.
O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital prevé que no ano 2023 Galicia sexa o territorio con máis poboación sen acceso a conexións a velocidades de cando menos 100 Mbps
O último informe de cobertura do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital destaca, iso si, que de cara ao ano 2023 se espera un maior desenvolvemento da banda larga nas zonas rurais, como resultado da finalización dunha serie de proxectos de despregamento en marcha na actualidade. No documento inclúese unha previsión da cobertura que se espera acada no remate do vindeiro ano 2023, que no conxunto do Estado reduciría do 11,69% ao 5,81% a proporción de poboación sen acceso a velocidades de cando menos 100 Mbps.
Porén, a mellora será máis importante noutros territorios e non tanto en Galicia, que segundo as previsións do Goberno central se converterá o ano que vén na comunidade autónoma con máis poboación sen Internet de calidade. Galicia melloraría os seus indicadores, pero a poboación sen cobertura pasaría do 23% ao 14,2%, sendo superada por Castela-León.
Un recente informe do sindicato UGT destacaba a "grave fenda territorial que vive España" e subliñaba as enormes diferenzas que se producen entre unhas e outras comunidades autónomas, sobre todo nas conexións de mellor calidade
Un recente informe do sindicato UGT destacaba a "grave fenda territorial que vive España" e subliñaba as enormes diferenzas que se producen entre unhas e outras comunidades autónomas, sobre todo nas conexións de mellor calidade, aquelas que chegan a través de cable ou fibra (FTTH). O informe sinalaba que as diferenzas en cuestión de velocidade entre as zonas rurais e urbana son "abismais" e concluía: "se se vive nunha contorna rural, hai que conformarse cunha velocidade ao redor dos 10 Mbps se hai sorte, e se isto non é posible, con 2 Mbps, un tipo de conexión absolutamente ineficiente para acceder funcionalmente aos servizos de Internet".
A estratexia do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital busca minimizar esta fenda, destacando que a fenda dixital entre as zonas rurais e urbanas se reduciu "máis de 5 puntos porcentuais no último ano" e coa previsión "da súa desaparición completa en 2025".