Investigadores da USC confirman a relación entre a actividade continuada de bricolaxe e o cancro de pulmón

Bricolaxe CC-BY-SA Svante Adermark

As persoas que levaron a cabo actividades habituais de bricolaxe durante dez anos ou máis teñen o dobre de risco de padecer un cancro de pulmón, sexan fumadores ou non. É a principal conclusión dun amplo estudo desenvolvido en catorce hospitais de Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid, e nun hospital de Portugal, no que a meirande parte dos participantes foron galegos.

As persoas que levaron a cabo actividades habituais de bricolaxe durante dez anos ou máis teñen o dobre de risco de padecer un cancro de pulmón, sexan fumadores ou non

No estudo, que vén de ser publicado na revista Environmental Research participan investigadores da Universidade de Santiago, como Alberto Ruano, así como médicos dos hospitais de Ourense, Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela.

A investigación, que analizou a 1.528 doentes que foron diagnosticados de cancro de pulmón, constata que aquelas persoas que realizan actividades de tipo bricolaxe, pintura, modelismo ou restauración de mobles no seu tempo libre, posúen un maior risco de desenvolver cancro de pulmón. 

Moitas das sustancias empregadas nestas actividades son análogas a outras empregadas en ocupacións con maior risco de cancro de pulmón, tales como carpinteiros, ebanistas, industria da goma ou do calzado, e implican a exposición a disolventes orgánicos, colas, pegamentos, vernices ou po de madeira.

A partir de sete horas semanais o risco de padecer cancro de pulmón é catro veces mais alto. E tamén multiplica o risco entre os fumadores

A maior incidencia da enfermidade prodúcese cando a actividade se realiza de maneira habitual e continuada, durante dez anos ou máis, duplicándose o risco de padecer un cancro. O risco aumenta entre as persoas que dedicaron máis tempo a facelas; de feito, a partir de sete horas semanais o risco de padecer cancro de pulmón é catro veces mais alto. 

Así mesmo, a perigosidade aumenta no caso dos fumadores. “O risco de cancro pulmonar tamén é elevado e estatisticamente significativo nos nunca fumadores, tendo estes últimos tres veces maior risco de cancro pulmonar se fan estas actividades dez anos ou máis en comparación cos que non realizan ditas actividades”, afirman os autores do estudo. 

O profesor Alberto Ruano, á dereita, xunto ao 'Mapa de Radon de Galicia' © USC

O equipo investigador destaca que a mellor maneira de evitar o cancro de pulmón é non fumar e no caso dos nunca fumadores, saber se teñen niveis elevados de radon no seu domicilio

Este estudo é o máis grande, en termos de participantes, dos realizados ata o de agora en relación coa influencia deste tipo de actividades de tempo libre e o desenvolvemento de cancro de pulmón. Todos os resultados tiveron en conta o sexo, a idade dos participantes, o nivel de estudos, o consumo de tabaco e a exposición a radon residencial. Os autores deste traballo xa publicaran indicios desta asociación, se ben os resultados obtidos neste estudo confirman os achados previos. 

O equipo investigador destaca que a mellor maneira de evitar o cancro de pulmón é non fumar e no caso dos nunca fumadores, saber se teñen niveis elevados de radon no seu domicilio ou se realizan actividades de bricolaxe, pintura, modelismo ou restauración de mobles ou mesmo outras nas que as exposicións sexan similares. Neste senso, recomendan facelas en lugares con boa ventilación empregando medidas de protección.

Recomendan realizar as actividades de bricolaxe en lugares con boa ventilación empregando medidas de protección

Este traballo, financiado por varios proxectos de investigación competitivos, forma parte da tese de doutoramento de María Lorenzo González, do programa de doutoramento de Epidemioloxía e Saúde Pública da USC. O investigador principal do mesmo é o profesor Alberto Ruano Raviña, coordinador do Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia en Epidemioloxía e Saúde Pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.