Un equipo de investigación liderado polo paleontólogo Edgard Camarós achou marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos en dous cranios procedentes do antigo Exipto
Tentaban os exipcios tratar quirúrxicamente o cancro? Un equipo de investigación liderado polo paleontólogo Edgard Camarós, investigador Ramón y Cajal do Departamento de Historia da Universidade de Santiago, descubriu nun cranio exipcio de hai catro mil anos marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos, un achado que levou a concluír que esta civilización fixeron intentos de operar tumores ou de, cando menos, aprender máis sobre eles. Así o explicaron no artigo Boundaries of oncological and traumatological medical care in ancient Egypt: new palaeopathological insights from two human skulls, que vén de ser publicado na revista Frontiers in Medicine.
Para Camarós, "este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos", un descubrimento que achega "unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina".
Para Camarós, "este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos", un descubrimento que achega "unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina"
O equipo de investigación examinou dous cranios conservados na colección Duckworth da Universidade de Cambridge. O cranio e a mandíbula denominados 236, que databan entre os anos 2687 e 2345 a.C., pertencían a un home de 30 a 35 anos, mentres o cranio E270, que databa entre os anos 663 e 343 a.C., pertencía a unha muller de máis de 50 anos.
No cranio 236, a observación microscópica mostrou unha lesión de gran tamaño consistente cunha destrución excesiva do tecido, unha enfermidade coñecida como neoplasia. Ademais, hai unhas 30 lesións metastásicas pequenas e redondas espalladas polo cranio.
"Parece que realizaron algún tipo de intervención cirúrxica relacionada coa presenza de células cancerosas, demostrando que a medicina exipcia antiga tamén estaba a realizar tratamentos experimentais ou exploracións médicas en relación co cancro", din
"Queriamos coñecer o papel do cancro no pasado, a prevalencia desta enfermidade na antigüidade e como as sociedades antigas interactuaban con esta patoloxía", explica Tatiana Tondini, investigadora da Universidade de Tubinga e coautora do estudo. O equipo descubriu marcas de corte arredor destas lesións, que probablemente foron feitas cun obxecto afiado como un instrumento metálico.
Outro coautor do estudo, o profesor Albert Isidro, cirurxián oncolóxico do Hospital Universitario Sagrat Cor, que se especializa en exiptoloxía, explica sobre estas marcas de corte que "parece que os antigos exipcios realizaron algún tipo de intervención cirúrxica relacionada coa presenza de células cancerosas, demostrando que a medicina exipcia antiga tamén estaba a realizar tratamentos experimentais ou exploracións médicas en relación co cancro".
Os antigos exipcios eran "excepcionalmente hábiles na medicina", explican os autores
Tamén o cranio E270 mostra unha gran lesión consistente cun tumor canceroso que levou á destrución ósea, amosando que o cancro tamén era unha patoloxía común no pasado. O cranio presenta dúas feridas curadas de lesións traumáticas e unha delas parece orixinarse a partir dun suceso violento a corta distancia utilizando unha arma afiada. Estas lesións curadas poderían significar que o individuo potencialmente recibiu algún tipo de tratamento e, como resultado, sobreviviu.
"Este estudo contribúe a un cambio de perspectiva e establece unha base alentadora para futuras investigacións no campo da paleooncoloxía, pero serán necesarios máis estudos para desvelar como as sociedades antigas trataron o cancro", destacan
Os antigos exipcios eran "excepcionalmente hábiles na medicina", explican os autores e por exemplo, sinala Camarós, podían identificar, describir e tratar enfermidades e lesións traumáticas -mesmo complexas fracturas craniais-, construír próteses e colocar obturacións dentais. Polo tanto, non sorprende que puidesen facer intentos de tratar quirúrxicamente o cancro.
Camarós conclúe que "este estudo contribúe a un cambio de perspectiva e establece unha base alentadora para futuras investigacións no campo da paleooncoloxía, pero serán necesarios máis estudos para desvelar como as sociedades antigas trataron o cancro". O simple estudo dos restos óseos achega indicios, pero necesariamente limitados, ao carecer dunha historia clínica do doente ou de máis información sobre a súa vida.