Julio Abalde imponse por unha ampla marxe nas eleccións ao Reitorado da UDC

Julio Abalde © UDC

Julio Abalde seguirá sendo o reitor da Universidade da Coruña outros catro anos. Nas eleccións celebradas este mércores o candidato de Nova Luce derrotou a Fernando Martínez Abella por unha ampla marxe, duplicando o resultado do seu rival: 3197 votos ponderados fronte a 1429, un 70,15% fronte a 29,85%.

Abalde impúxose de forma clara en todos os sectores da comunidade universitaria

Abalde impúxose de forma clara en todos os sectores da comunidade universitaria. No profesorado doutor con vinculación permanente por 66,52% a 33,48%. No resto de persoal docente e investigador por 78,88% a 21,12%. No estudantado por 69,84% a 30,16%. E no Persoal de Administración e Servizos por 68,57% a 31,43%.

A votación realizouse exclusivamente de xeito electrónico a través da web da UDC entre as 10 e as 19 horas e os resultados coñecéronse case de inmediato. 

A participación, un 26,86%, foi claramente inferior á rexistrada nos comicios celebrados hai catro anos, pero con grandes diferenzas entre os distintos sectores. No profesorado con vinculación permanente chegou ao 86,6% (94% en 2015), no resto de PDI foi do 69,81% (fora do 76%), no PAS foi do 79,03% (cun gran descenso fronte ao 88% de hai catro anos) e no estudantado ficou no 18,32 (26,86% no 2015). A participación roldou as cifras que se rexistraran no ano 2011. 

A participación no estudantado adoita ficar en cifras moi baixas, que en moitas universidades non superan o 10%. Estaban chamadas a votar un total de 18.245 persoas, das que 836 eran do sector de Profesorado Doutor con vinculación permanente; 15.886 do Estudantado; 722, de restantes categorías de Persoal Docente Investigador; e 801 do Persoal de Administración e Servizos.

Intervención de Julio Abalde despois de coñecer os resultados CC-BY-SA Praza.gal

A participación, un 26,86%, foi claramente inferior á rexistrada nos comicios celebrados hai catro anos

Abalde, catedrático de Microbioloxía, presentábase aos comicios poñendo en valor a xestión realizada nos últimos catro anos, destacando o mantemento do cadro de persoal, a apertura da residencia universitaria coruñesa, o incremento nas bolsas e axudas ao estudantado ou os avances na transferencia de investigación e a internacionalización da UDC.

No seu programa Abalde situaba a posta en marcha da cidade das TIC na Coruña como o principal obxectivo para os vindeiros catro anos, un proxecto "que fará da UDC un referente potenciando a investigación, internacionalización e transferencia dos nosos investigadores" e que vai máis aló da propia universidade, cualificándoo como "un proxecto de cidade e de país". Apostaba igualmente por melloras no financiamento da universidade e por incrementar a relación coa empresa privada.

O reitor presentouse poñendo en valor a xestión realizada nos últimos catro anos e situando a posta en marcha da cidade das TIC como o principal reto para o novo mandato

Tamén prometía a expansión do Campus de Ferrol, coa construción do Centro de Investigación en Industria Intelixente e as novas dependencias universitarias coa Residencia de Batallóns. E a creación de tres campus de especialización: o Campus Industrial, o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova. Así mesmo, prevía a implantación do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía no curso 2020-2021.

Ademais, chamaba a continuar co 'Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior' nas comarcas de Costa da Morte, Betanzos e As Pontes e estudar a súa implantación en novas áreas territoriais, establecendo unha sede permanente no Concello das Pontes de García Rodríguez cun programa formativo para maiores de 50 anos

Abalde, co seu novo equipo CC-BY-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.