"A Consellería estableceu, entre as liñas xerais da política en materia de educación, profundar no logro da igualdade de oportunidades educativas, así como promover a mellora continua da calidade e da equidade do sistema". "Singular relevancia debe outorgarse ao programa denominado gratuidade solidaria (...) que implica unha acción política de goberno cara á instauración dun novo modelo que substituíu ao anterior sistema de préstamo". Son afirmacións incluídas na memoria dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2013, nas páxinas dedicadas ao departamento de Educación. O departamento que dirixe Jesús Vázquez xustifica así a total implantación do seu sistema de axudas parciais para a compra de manuais escolares co que substituíu o préstamo universal e que no ano acabado de comezar ten unha dotación orzamentaria de 12,8 millóns de euros, apenas 1,6 millóns menos que nas derradeiras contas do bipartito, nas que a mesma partida traía consigo libros de balde para todo o alumnado.
Segundo os documentos orzamentarios a Xunta prevé que se beneficien destas axudas uns 163.000 estudantes ou, o que é o mesmo, especifica, o 65% do "alumnado de ensino obrigatorio" -primaria e ESO- e educación especial. Así as cousas, o 35% do estudantado fica fóra, pero os que reciben axudas non teñen garantido que parte dos seus manuais non sexan pagados do peto das súas familias. Non en van, segundo a orde que regula as axudas, publicada o pasado xuño, estas irán dende 90 euros para familias monoparentais con renda per cápita de entre 6.000 e 9.000 euros e fillos ou fillas en primaria ata os 180 do alumnado da ESO cun máximo de 5.400 euros de renda. Na maior parte dos casos as achegas non abondan para pagar os libros.
A Xunta prevé que as axudas deixen fóra a un 35% do alumnado do ensino obrigatorio e de educación especial
Á insuficiencia da denominada "gratuidade solidaria" para facer fronte aos gastos do alumnado únese a máis que dubidosa rendibilidade deste sistema para o Goberno. Educación vén mantendo que estas axudas van "en consonancia coa política de austeridade do Goberno da Xunta de Galicia", aínda que as cifras din outra cousa. Se ben é certo que a partida dos orzamentos é inferior á do bipartito e tamén máis reducida que a das contas de 2012 -daquela foron 15,09 millóns- non o é menos que no presente curso escolar a Consellería prevé gastar máis. Atendendo á mesma orde do pasado xuño, as axudas do curso 2012-2013 fináncianse con 17,02 millóns para o pasado ano e 600.000 euros para o que acaba de comezar. "Se for o caso -especificaba a convocatoria- poderanse ampliar os importes citados".
Así as cousas, cabe concluír que a denominada gratuidade solidaria, é dicir, as axudas parciais, sáenlle máis caras á Xunta que o antigo sistema de préstamo e benefician a menos alumnado. Non obstante, a versión oficial é que o programa de axudas "posibilita que se dispoñan dos libros de texto e material curricular" como parte das "actuacións para a igualdade no exercicio do dereito á educación".