Máis do 20% dos nenos e nenas sofren problemas de alerxia, unha porcentaxe que se espera que se duplique nos vindeiros anos, por mor do efecto da contaminación e mais do cambio climático
Máis do 20% dos nenos e nenas sofren problemas de alerxia, unha porcentaxe que se espera que se duplique nos vindeiros anos, por mor do efecto da contaminación e mais do cambio climático. A maior parte dos casos son provocados polo pole e, sobre todo, polos ácaros do po, cunha incidencia maior en zonas húmidas coma a nosa. Este xoves comezou en Compostela o 49º Congreso da Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alergoloxía e Asma Pediátrica (SEICAP), que chegará ata o domingo.
No marco deste encontro científico presentouse un estudo realizado en Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Santiago, que destaca que os ácaros son a principal causa de alerxia nos nenos e nenas galegas, debido ao clima oceánico, con temperaturas suaves, abundantes precipitacións e un aumento da humidade, que facilita a proliferación destes diminutos arácnidos.
Entre os nenos alérxicos analizados en Galicia, as probas cutáneas e serolóxicas revelan que a maioría presentaba alta sensibilidade aos principais alérxenos dos ácaros e unha sensibilidade menor ao pole, ao contrario do resto de nenos alérxicos analizados no resto de España, destaca o estudo, o que dá pé a que a doutora Ana Martínez-Cañavate, presidenta de SEICAP, recomende que en Galicia "os médicos deben dar prioridade á alerxia aos ácaros do po á hora de diagnosticar e tratar aos nenos alérxicos.

No congreso presentouse un estudo realizado en Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Santiago, que destaca que os ácaros son a principal causa de alerxia nos nenos e nenas galegas
O estudo tamén comprobou que os nenos máis pequenos (de 6 a 10 anos) mostraron taxas de sensibilización máis altas aos alérgenos dos ácaros, en comparación cos maiores (11 a 15 anos).
Para o doutor José Ángel Porto, presidente do comité organizador do Congreso e coautor do estudo, "é importante controlar os ácaros no domicilio de nenos alérxicos, cunha adecuada ventilación, limpeza e deshumidificación, especialmente nas zonas máis próximas á costa. E, por suposto, manter un control desde a pediatría alergolóxica".
"Demostrouse que a contaminación do aire, os hábitos de vida occidentalizados unido ao quecemento global, aumentan a prevalencia das alerxias respiratorias e a asma nos nenos", sinala o doutor José Ángel Porto
A SEICAP calcula que un de cada catro nenos no Estado sofre algún tipo de alerxia, unha proporción algo menor no caso de Galicia, pero esa porcentaxe duplicarase nos próximos anos. "Demostrouse que a contaminación do aire, os hábitos de vida occidentalizados unido ao quecemento global, aumentan a prevalencia das alerxias respiratorias e a asma nos nenos. Os estudos indican que a exposición a niveis altos de contaminantes ambientais se asocia cun aumento dos ingresos hospitalarios por asma e outras afeccións respiratorias", explica o doutor Porto.
Ademais, os niveis máis altos de CO2 "alongan as tempadas de polinización e incrementan as proteínas alerxénicas nos grans de pole, o que os converte en alérxenos máis potentes", engade.
Os expertos alertan contra os problemas derivados da "esterilización excesiva de ambientes" e o uso de antibióticos sobre todo en idades temperás, a chamada hipótese da hixiene, que inflúe no crecemento das alerxias infantís
Neste senso, unha investigación publicada o pasado ano na revista European Respiratory Review revelou que o cambio climático intensifica a presenza e alerxenicidade de aeroalérxenos como o pole, os ácaros do po e os fungos, "o que pode agravar as enfermidades respiratorias en nenos". Os investigadores aseguran que, debido á contaminación, espérase un incremento na concentración de contaminantes coma o ozono e as partículas finas, os cales están asociados con efectos adversos na saúde respiratoria infantil.
Os expertos que participan no encontro científico que comezou este xoves en Compostela alertan contra os problemas derivados da "esterilización excesiva de ambientes" e o uso de antibióticos sobre todo en idades temperás, a chamada hipótese da hixiene, que inflúen no crecemento das alerxias infantís. Estes "hábitos de vida occidentalizados", que inclúen unha menor proporción de tempo ao aire libre e un exceso de limpeza, "reducen a exposición aos microorganismos beneficiosos" e provocan unha alteración da microbiota, que son importantes para o desenvolvemento dun sistema inmunitario saudable.
O exceso de limpeza e a falta de actividade no exterior reduce a exposición a microorganismos beneficiosos e provoca unha alteración da microbiota, importante para ter un sistema inmunitario saudable
O programa científico das xornadas xirará ao redor de temas de gran actualidade como o impacto do cambio climático na saúde respiratoria, a inmunoterapia oral con alimentos e os avances terapéuticos en dermatite atópica e asma grave.
No evento dedicarase unha atención especial á formación continua do persoal médico e non médico, destacando a importancia da educación e a actualización profesional na mellora da calidade asistencial.
