Mapa do suicidio forestal galego

Deforestación en Galicia entre 2000 e 2013 CC-BY-SA Praza Pública

Entre 1976 e 2012 ardeu, literalmente, máis de medio país. Nese período o lume levou por diante 1,6 millóns de hectáreas en Galicia, o que equivale ao 53% do territorio. Isto acontece, segundo datos oficiais do Goberno central e da Xunta, en máis de 235.000 incendios que impactaron de cheo na superficie forestal galega. En máis dunha ocasión a marea de datos numéricos que chega tras cada vaga de lumes impide que as persoas que non son expertas neste ámbito sexan conscientes das repercusións reais das lapas, isto é, da parte da superficie forestal que fica amputada tras cada incendio. Amosar isto con máis claridade é unha das principiais apostas de Global Forest Watch, un proxecto do americano World Resources Institute que vén de ver a luz en forma de web.

Sobre os mapas de Google, con datos de organizacións gobernamentais e medioambientais e a tecnoloxía da empresa Vizzuality, Global Forest é unha enorme capa de datos que permite observar, nun golpe de vista, as masas forestais que desapareceron entre 2000 e 2013, se estas foron compensadas ou non e de que xeito se realizou o repoboamento. Dende o primeiro achegamento o mapa amosa xa unha gran mancha no cadrante noroeste da Península Ibérica, que en territorio galego equivale a unhas 205.000 hectáreas perdidas en apenas unha década. Neste tempo o país "ganou", segundo a ferramenta, unhas 160.000 hectáreas verdes, polo que o saldo negativo é dunhas 45.000 hectáreas.

Nun contexto no que en apenas unha década case 500 incendios superaron as 100 hectáreas en Galicia, con case 180.000 hectáreas arrasadas e unhas perdas económicas estimadas en máis de 300 millóns de euros -datos de España en llamas-, o proxecto Global Forest Watch permite descender ao detalle e observar as consecuencias dalgúns dos incendios máis rechamantes dos últimos anos, así como o estado dalgunhas das zonas do país que máis frecuentemente están afectadas por estes sucesos. É o caso, por exemplo, das Fragas do Eume, do monte Pindo ou do Macizo Central ourensán.

Masa forestal perdida nas Fragas do Eume entre 2000 e 2013

No Macizo Central perdéronse máis de 4.000 hectáreas dende o ano 2000

No caso do parque natural das Fragas do Eume, que sufriu un importante incendio a finais de marzo de 2012, esta ferramenta informática amosa que a súa masa forestal descendeu nunhas 600 hectáreas. Tamén é perfectamente visible a diferenza no mapa do Pindo e a súa contorna antes e despois do incendio de setembro de 2013, cuxas consecuencias aínda ecoan neste inverno tras perder arredor de 200 hectáreas de árbores. No Macizo central ourensán, escenario reiterado de durísimos incendios, o monte perdido supera as 4.000 hectáreas, segundo os datos contidos nestes mapas.

Masa forestal perdida no Macizo Central entre 2000 e 2013

Estes elocuentes mapas, explica Carlos Matallín, un dos desenvolvedores que pintou as capas de datos, responden á intención de "contar historias, e os mapas son un medio para isto", informa Analía Plaza para El Diario. "Temos datos moi ricos, importantes e validados, pero que non podes tirar en cru porque non se tira nada en claro. Podes dicir 'si, hai deforestación". Para Matallín "a parte bonita, interesante e complexa é como lle amoso estes datos a calquera persoas de forma amigable e intuitiva" e chegar a poder "contar, por exemplo, a deforestación dunha área protexida e como a través das alertas se pode parar".

Masas forestais de Galicia (verde) e espazos protexidos (azul) CC-BY-SA Praza Pública
Incendios entre 2001 e 2011 CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.