Mapas coruñeses da eclipse: do día "xemelgo" para probar ata localizar as zonas de sombra

Indicacións para ver a eclipse no parque de Eirís, un dos puntos sinalados nos mapas deseñados polo Concello da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Concello da Coruña presenta dous visores interactivos para "permitir escoller con antelación os mellores puntos de observación" do histórico fenómeno e recomenda aproveitar que este 29 de abril o sol estará "exactamente na mesma posición" ca o 12 de agosto

A eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, un acontecemento histórico para Galicia polas boas condicións para vela -pola nosa posición xeográfica, por estar o sol a caer cara ao oeste no momento da eclipse, no serán dese día, e por ser no verán- e porque non volverá suceder en 400 anos, está a multiplicar as expectativas en todos os ámbitos. Dende os máis técnicos e científicos aos máis turísticos e especialmente en lugares onde, se as nubes o permiten, o fenómeno será máis visible, como A Coruña

Na cidade herculina a preparación está a desenvolverse en moitas vertentes ás que vén de sumarse a presentación de dous visores interactivos para "permitir á cidadanía orientarse e escoller con antelación os mellores puntos de observación". Foron presentados este 28 de abril e non por casualidade: este mércores, día 29, vanse dar as condicións ideais para probar onde poder ver a eclipse.

Puntos de observación da eclipse na cidade da Coruña, no visor interactivo publicado polo Concello CC-BY-NC-SA Concello da Coruña

Marcos Pérez Maldonado, responsable dos Museos Científicos Coruñeses, explica os porqués. No serán deste 29 de abril "o sol estará exactamente na mesma posición ca o 12 de agosto", polo que é o momento perfecto para que "cada persoa comprobe na contorna máis próxima ao seu domicilio o mellor punto para contemplar o fenómeno" e así "evitar desprazamentos a outras zonas da cidade" que, advirte o Concello, "seguramente ese día estarán moi saturadas".

Os mapas sinalan puntos para ver a eclipse por toda a cidade coa intención de "evitar desprazamentos" e evitar zonas que "seguramente ese día estarán moi saturadas" e detallan tamén os lugares dende onde non será posible ver o fenómeno

O técnico de Mobilidade José Ancosmede deseñou estes dous mapas, que xa están dispoñibles para a súa consulta. Un deles sitúa sobre o rueiro coruñés os "puntos con potencialidade para a observación" da eclipse o outro integra estes mesmos puntos e, ademais, resalta as "zonas de sombra" e ofrece outros datos como "zonas de estacionamento para turismos e autocaravanas" e mais aparcadoiros públicos. A ferramentas, avanza Pérez Maldonado, van estar "en constante actualización" para "adaptar a planificación a medida que se achegue a data do evento".

"En ningunha cidade de España se poderá gozar dun espectáculo único como a eclipse do 12 de agosto como na Coruña", resalta a alcaldesa, Inés Rey, razón pola que "estamos a preparar un operativo con centos de profesionais" para "dar resposta" ao que se prevé como unha "chegada masiva de visitantes". Neste sentido, sinala, "é importante utilizar o xemelgo solar desta semana" para "verificar dende cada punto a visibilidade" e facelo en puntos aos que "se poida chegar camiñando" con "comodidade e seguridade".

Marcos Pérez Maldonado, responsable dos Museos Científicos Coruñeses, presentando os visores interactivos para preparar a visión da eclipse © Concello da Coruña

Xornada da Deputación para o sector turístico

Na vertente turística da eclipse centrouse tamén este martes a Deputación da Coruña durante un encontro para o sector sobre a eclipse no Pazo de Mariñán. Xosé Regueira, vicepresidente e responsable da área de Turismo, sinala que neste caso "non se trata tanto de promocionar o destino, que xa está axeitadamente promocionado", senón de "organizar con con responsabilidade os fluxos de visitantes e poñer o foco na información, na concienciación e na prevención".

Xosé Regueira, responsable de Turismo da Deputación, explica ao sector e aos concellos de que neste caso "non se trata tanto de promocionar o destino" como de "organizar con responsabilidade os fluxos de visitantes" e a protección da saúde

Neste sentido, o responsable provincial sinalou na xornada, na que tamén participaron responsables políticos e técnicos de varios concellos, que "o principal reto pasa por anticiparse para ordenar a mobilidade" e tamén "ofrecer información precisa dende o punto de vista da saúde", para evitar danos nos ollos. Así, diversas guías e recomendacións oficiais advirten de que non se debe ollar o eclipse directamente, sen anteollos certificados (ISO 12312-2, marcado CE e marcas de confianza). 

Ambos factores, resalta, fan tamén importante "divulgar as condicións reais de observación". Porque "mesmo dentro da franxa de totalidade, non todos os lugares permitirán unha boa observación: os Sol estará moi baixo no horizonte e factores como o relevo ou os edificios poden impedir vela en condicións", explica Regueira.

Detalle do "mapa de sombras" para ver a eclipse no punto de observación da Torre de Hércules © Concello da Coruña

A información para o conxunto de Galicia está xa dispoñible, tamén, nun web específico creado pola Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.