O 12 de agosto deste ano farán case 234 da que podemos considerar a primeira observación científica dese fenómeno en Galicia. Esa pioneira experiencia tivo lugar en Ferrol o 15 de setembro de 1792 no observatorio astronómico situado a carón do cuartel que albergaba aos gardas mariñas. Coidamos que o protagonista foi o ferrolán José Alonso López, profesor de Matemáticas na Academia deses cadetes
O 12 de agosto deste ano, cando contemplemos o singular e impresionante espectáculo dunha eclipse solar total, farán case 234 da que podemos considerar a primeira observación científica dese fenómeno en Galicia. Esa pioneira experiencia tivo lugar en Ferrol o 15 de setembro de 1792 no observatorio astronómico situado a carón do cuartel que albergaba aos gardas mariñas. Coidamos que o protagonista foi o ferrolán José Alonso López, profesor de Matemáticas na Academia deses cadetes, porque ese ano se fixo cargo do observatorio e porque foi el quen deixou rexistro escrito da eclipse na súa extensa obra de 1670 páxinas: Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca (1820).
Quen foi o mariño e matemático Alonso López?
José Alonso López e Nobal (1763-1824) naceu na cidade departamental duns pais orixinarios de Sta. Marta de Ortigueira. Tivo dous irmáns. Antonio, como José, seguiu a carreira militar na Armada e, a bordo da la fragata Magdalena, morreu na costa de Viveiro nun tráxico naufraxio en 1810. O outro, Juan, tivo como mestre de Matemáticas a José, quen lle pagou unha estadía de tres anos en París para que alí estudara Ciencias. Volveu á súa cidade natal, en 1806 arranxou e clasificou a numerosa colección de instrumentos físicos da Academia de Garda Mariñas ferrolá e, despois, acadaría un notable destino en Madrid, no Laboratorio Físico-Químico establecido no Palacio Real.
A actividade profesional dos irmáns Alonso estivo asociada aos transcendentes cambios que afectaron á súa cidade natal no século XVIII. Lembremos que este ano cumpriranse 300 da creación do Departamento Marítimo do Norte, primeiro localizado en A Graña e trasladado a Ferrol uns vinte anos despois. Ademais, en 1776 estableceuse nel unha Compañía e Academia de Gardas Mariñas, na que os futuros oficiais recibían unha formación completa e actualizada en diversas materias científico-técnicas. A cidade converteuse no principal núcleo de poboación de Galicia, constituíndo o Arsenal o complexo naval, científico-técnico e industrial máis relevante do país.
O noso protagonista formou parte dunha das xeracións de científicos de maior proxección que operaron en Galicia, todos eles comprometidos co liberalismo daquel tempo
En 1786 José Alonso ingresara na Armada como piloto e seis anos despois foi destinado ao Observatorio Astronómico como profesor de Matemáticas da Academia de Gardas Mariñas. O mariño ferrolán gozou da estima dos seus superiores, como se desprende dun informe de 1796 no que se di:
“Tiene talento claro, matemático, infatigable en el trabajo, que hace con particular afición por su inclinación al estudio y amor a las ciencias matemáticas, que posee, con especialidad la Astronomía; está bien impuesto en los idiomas francés, inglés y latín, tiene buena conducta y fina educación y desempeña con exactitud la clase de navegación que está a su cargo a pesar del trabajo del observatorio que tiene a su cuidado”.
O noso protagonista formou parte dunha das xeracións de científicos de maior proxección que operaron en Galicia, todos eles comprometidos co liberalismo daquel tempo. O matemático Xosé Rodríguez González xogou un papel fundamental nese grupo e tivo como principal interlocutor ao boticario Julián Suárez Freire, quen asumiría a dirección do Colexio de Farmacia de Santiago. Con eles coincidían no ámbito científico persoas como o químico Gabriel Fernández Taboada (Colexio Militar e de Cirurxía de Santiago), José Francisco Vendrell de Pedralbes e Eusebio Bueno (do Colexio de Cirurxía); Francisco Esteban Yebra e Francisco Cónsul Jove (no Consulado coruñés), e Domingo Fontán (na Universidade de Santiago e no Colexio Militar). Un colectivo que mantiña conexións con amigos e correlixionarios que marcharan cara outros lugares, como era o caso de Ramón de la Sagra, Casiano de Prado ou Jacobo María de Parga.
”Se registró el cielo con algún aprovechamiento”: o Observatorio da Academia
José Alonso incluíu na súa enciclopédica obra de 1820, en concreto desde a páxina 231 do tomo cuarto, as que denominou “Consideraciones generales sobre los cuerpos celestes y noticia de las observaciones astronómicas hechas en el Ferrol”
José Alonso incluíu na súa enciclopédica obra de 1820, en concreto desde a páxina 231 do tomo cuarto, as que denominou “Consideraciones generales sobre los cuerpos celestes y noticia de las observaciones astronómicas hechas en el Ferrol”.
O texto comeza cun percorrido histórico sobre os avances na Astronomía e ofrece datos dos coñecementos sobre esa materia naquel tempo. Entre outros comentarios, o mariño falou positivamente do gran físico Isaac Newton (1643-1727), a quen cualificou de “hombre de talento extraordinario”; unhas valoracións que cómpre subliñar, pois só pasaran tres anos desde que a obra do sabio inglés chegara ás aulas da Universidade de Santiago, da man de Francisco de Neira (máis de cen anos despois da publicación das propostas de Newton, en 1687).
Explicou as razóns de ser dos observatorios astronómicos e, sobre o labor do de Ferrol, indicou que: “esta clase de tareas se practicaron en un observatorio provisional que hacia parte del cuartel de guardias marinas, situado en el extremo más meridional y oriental del pueblo (..) con un corto número de instrumentos que solo podían servir para dar una limitada idea de la Astronomía práctica a los oficiales de marina que se dedicaron a este ramo de sus estudios”.
Un dos planos que acompañaba a esa obra (e que reproducimos) sitúa o lugar, que –loxicamente– coincide coa descrición antedita
Un dos planos que acompañaba a esa obra (e que reproducimos) sitúa o lugar, que –loxicamente– coincide coa descrición antedita. Nela Alonso alude ao carácter provisorio da instalación, unha interesante información pois posteriormente se construiría outro observatorio que, para evitar limitacións no seu traballo, obrigou a que a igrexa de San Francisco non puidese dispoñer de torres elevadas.
José Alonso sinalou os medios con que contaba no observatorio, que cualifica de “cortos recursos”: 3 cuartos de círculo de 2 pés e medio de radio fabricados por Bird, tres pequenos telescopios da casa Short, 3 anteollos acromáticos de Dollond e 2 péndulos (un de Ellicot e o outro de Thiout), “que no se usaba por defectuoso”. Con eses materiais, “se emprendieron las tareas prácticas astronómicas en abril de año 1788, las que cesaron a fines de diciembre de 1794”. A continuación, recolleu as principais observacións e sinalou como balance do traballo desenvolto que, aínda que houbo interrupcións na actividade, ”se registró el cielo con algún aprovechamiento”. Finalmente ofreceu diversos datos e rematou cun consello: cando se retomaran as observacións deberían ser publicadas.
A eclipse de 1792 no observatorio ferrolán
O de 1792, do que hoxe falamos, foi parcial, en concreto anular, que ten lugar cando o diámetro aparente da Lúa é menor que o do Sol, bloqueando a maior parte da súa luz e facendo que este pareza un anel
Unha eclipse é un evento que se produce cando a Lúa agacha ao Sol. Dicimos que é total na zona onde cubre totalmente, e polo tanto se produce a singular experiencia dunha escuridade en horas de luz, e parcial se a Lúa non se aliña perfectamente co Sol e só cubre unha parte do seu disco. O de 1792, do que hoxe falamos, foi parcial, en concreto anular, que ten lugar cando o diámetro aparente da Lúa é menor que o do Sol, bloqueando a maior parte da súa luz e facendo que este pareza un anel.
Alonso recolleu no seu libro os traballos realizados no observatorio astronómico ferrolán nas eclipses parciais de Sol do 15 de setembro de 1792, do 4 de setembro de 1793 e do 30 de xaneiro de 1794. Da primeira desas eclipses, a protagonista deste episodio, sinalou a hora da conxunción, momento exacto no que o Sol e a Lúa acadan a mesma lonxitude eclíptica (cando ambos astros están mellor aliñados no ceo), o comezo (18 h 25 min. 59 s (por método Lalande ou 18 h 25 min 1 s, polo de Sejour) e final (19 h 47 min 15 s ou 19 h 45 min 14,5 s), maior fase e a distancia mínima entre centros do Sol e da Lúa. Engadiu tamén os datos do comezo e final desa eclipse en Cádiz e cos datos procedentes de alí deduciu a diferencia entre os observatorios de Ferrol e Cádiz.
Alonso foi pioneiro en múltiples temas
O primeiro rexistro científico dunha eclipse en Galicia non obedeceu a unha casualidade. A Ciencia precisa recursos e esa observación foi posible porque existía unha institución que realizou unha importante contribución á formación matemática naquel tempo, a Academia de Gardas Mariñas
O primeiro rexistro científico dunha eclipse en Galicia non obedeceu a unha casualidade. A Ciencia precisa recursos e esa observación foi posible porque existía unha institución que realizou unha importante contribución á formación matemática naquel tempo, a Academia de Gardas Mariñas. Ademais, na Ciencia, como en toda actividade, tamén incide o factor humano, a competencia e o esforzo persoal. Neste caso, José Alono, quen sería pioneiro en diferentes ámbitos do coñecemento no país. Un excelente labor que segue a ser pouco recoñecido. O ferrolán permanece esquecido, nin dispoñemos dun retrato orixinal del e mesmo o seu nome adoita aparecer mal escrito, como José López Alonso ou figurar Alonso como nome.
Xa no resumo biográfico que publicamos hai anos Alfonso Mato e máis eu sobre José Alonso dicíamos que foi o político liberal galego máis destacado das dúas primeiras décadas do século XIX. E engadíamos que “non obstante, e por diversas causas -a escasa calidade da erudición histórica que se practica desde hai décadas en Galicia é unha delas-, a súa traxectoria biográfica e o seu pensamento político, económico e científico permanecen, na actualidade, en boa parte inéditos”.
O mariño ferrolán defendía o fomento das ciencias e das institucións científicas, criticaba aos escritores que no XIX citaban aos antigos e non consultaban aos naturalistas e observadores modernos, combatía as supersticións e os erros do vulgo “sostidos por sacristáns”, e salientaba continuamente a diferenza entre a razón natural e a ciencia, entre o práctico rutineiro e o xeómetra, entre o ver e o ver con coñecemento.
O mariño ferrolán defendía o fomento das ciencias e das institucións científicas, criticaba aos escritores que no XIX citaban aos antigos e non consultaban aos naturalistas e observadores modernos, combatía as supersticións e os erros do vulgo “sostidos por sacristáns”
Nas Consideraciones generales abondan as cifras, exemplos numéricos e táboas estatísticas, xunto a confección da primeira táboa de vida realizada en España. Ademais, salienta por recoller o rexistro dos primeiros datos meteorolóxicos de que se ten noticia en Galicia e pola utilización do cálculo infinitesimal na análise fiscal, na busca da solución óptima do cálculo da cota do contribuínte.
En medio do esquecemento que xa daquela rodeaba a Alonso, o naturalista Vítor López Seoane reivindicou no século XIX a importancia do seu paisano. Consideraba o seu libro, con razón, como referencia bibliográfica necesaria para o estudo da Historia Natural galega. Grazas a Seoane varios botánicos prestaron atención á contribución de Alonso nese eido, quen presentou un listado de 324 especies consideradas espontáneas, clasificadas segundo o sistema de Linneo. Ademais, incorporou comentarios sobre algunhas delas, indicando as súas condicións ambientais en determinados lugares, como no lago de Doniños e nas praias de Doniños e San Xurxo.
Se cadra, o 12 de agosto, cando gocemos do espectáculo da eclipse non estaría de máis lembrarnos do esforzo pioneiro de Alonso aquel 15 de setembro de 1793.