MarumaSat: A ciencia escolar galega subiu ata os 36 quilómetros de altura

Galicia vista dende a estratosfera © Axencia NOSA

O pasado 28 de maio a Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) lanzou dende Ordes a súa cuarta sonda MarumaSat, que buscaba -entre outros experimentos- probar a teoría da relatividade especial enunciada por Einstein, estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos. Perseguía, ademais, acadar un novo récord de altitude, chegando aos 36000 metros na estratosfera. 

A sonda foi atopada catro días despois no concello ourensán de Maceda, a uns 150 quilómetros de Ordes, poñendo fin así a xornadas de moita incerteza. O achado da cápsula permitiu recuperar o vídeo gravado durante o seu ascenso, así coma os restantes aparellos mediante os cales se levaron a cabo os experimentos programados. 

A Axencia Espacial Escolar Galega fixo balance este xoves dos logros acadados polo MarumaSat IV, salientando principalmente que a sonda conseguiu o seu obxectivo de "ratificar experimentalmente a teoría da relatividade especial de Einstein 119 anos despois de ser formulada". Ao proxecto dos institutos IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Miraflores de Oleiros e IES Marco de Camballón de Vila de Cruces uníronse este ano o CPI O Cruce (Cerceda), IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago) e IES Ferrol Vello (Ferrol).

A análise do tempo de gravación das cámaras, tanto a lateral como a superior para as tomas de contrapicado, permitiu determinar, coa axuda do simulador de voo, a altura á que ascendeu a MarumaSat IV, moi próxima ao obxectivo fixado e que bateu o máximo histórico da NOSA: un total de 35.553 metros, case que 36 quilómetros.

Os vídeos gravados amosan "imaxes espectaculares", destacan os institutos participantes. "Por primeira vez conseguimos un primeiro plano do globo que cuadriplica sobradamente o seu tamaño e que estoupa ante os nosos ollos dun modo nunca visto. Conséguense asemade unhas tomas de carácter máis panorámico sobre a costa atlántica galega, así como unha visión clara do Cantábrico tamén asturiano, aínda que non moito máis ao Leste por mor das nubes fixadas na costa á altura dos Picos de Europa", destacan.

Unha complexa recuperación da sonda

Na fase de lanzamento e ascenso un inesperado refacho horizontal de vento fixo que se perdese parte da carga, a saber, a malla coas dúas subcápsulas presurizadas de habitabilidade –o que frustrou este experimento– e a radiosonda Vaisala, polo que o dispositivo de recepción de datos en terra a tempo real tivo que suspenderse; ademais complicaría o labor de recuperación da cápsula.

Así as cousas, foi necesario recalcular a simulación de voo tendo en conta o novo peso da cápsula. O punto de caída marcado situaba esta ao Sueste do santuario dos Milagres, próximo á localidade ourensá de Maceda. Os labores de peiteado da zona prolongáronse durante todo o día, inutilmente e, mesmo, ao longo da tarde do mércores 29 coa axuda dos drons de Protección Civil de Maceda e co dos radioafeccionados.

Ás 8 da mañá do sábado 1 de xuño o alumno de 4º da ESO de Ordes Rafa Regos partiu coa súa irmá, nai e seu pai cara aos puntos máis altos de Baños de Molgas para tratar de captar o sinal do emisor. Finalmente, despois de horas de procura, pisando metro a metro o terreo, o MarumaSat IV apareceu cen metros ao Sur do Miradoiro da Mámoa de Calvelos (42.278188, -7.666513), a 1.700 metros do lugar onde se estivera buscando nun comezo. Durante aqueles días non chovera, de modo que os elementos electrónicos da cápsula continuaban en perfecto estado e, ademais, non foran manipulados por ninguén.

Lanzamento da sonda, o pasado 28 de maio dende Ordes © Axencia NOSA
A cápsula foi localizada en Maceda © Axencia NOSA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.