O curso comeza en Galicia con recortes masivos e 1.000 profesores menos no ensino público

Protesta contra os recortes no ensino público CC-BY Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Uns últimos anos "demoledores" para o ensino público e unha "volta atrás duns 40 anos". Así de duras se mostran os sindicatos educativos de cara ao inicio dun novo curso que, resumindo e segundo os datos facilitados por CIG e CCOO, comezará en Galicia cuns 1.000 profesores menos, aulas máis masificadas, carencia de especialistas, desatención á diversidade, agrupamentos de alumnado de diferentes idades nunha mesma aula e, en definitiva, cunha "precarización" da ensinanza pública. Todo, e tal e como lembran desde as centrais, unido á suba do IVE no material escolar e ás maiores dificultades económicas que fan prever "un outono quente" de mobilizacións entre pais e docentes.

CIG e COO denuncian que os recortes agochan "unha clara intención ideolóxica" de prexudicar o ensino público en favor do privado

Tanto CIG como CCOO cren que os continuos recortes van máis aló dunha motivación económica, xa que agochan tamén unha "clara intención ideolóxica" que pretende "prexudicar o ensino público mentres se favorece o privado". Así, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, non dubidou en cualificar a lexislatura de Núñez Feijóo de "trienio negro". “Asistimos ao desmantelamento permanente da educación como servizo público universal e á destrución de emprego e padecemos unha política educativa orientada á mercantilización e posta ao servizo da patronal da privada concertada”, asegurou.

Para José Fuertes, responsable de Acción Sindical de Ensino Público de CCOO-Galicia, os continuos recortes que vén sufrindo o ensino público co PP na Xunta pintan "un panorama moi negro" que pode continuar ennegrecéndose no futuro inmediato. "Queren volver ao pasado e non uns cantos anos, senón situarnos como nos anos 60 ou 70", denuncia.

“Estamos ante o inimigo número un do profesorado, perseguidor do galego e destrutor do ensino público”, di a CIG de Jesús Vázquez

Para CIG-Ensino, "o engano, a mentira, a fraude, a demagoxia, o autoritarismo e o desprezo ao profesorado convertéronse nos sinais de identidade e de actuación" do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao que Anxo Louzao se referiu como "o peor de todos". “Estamos ante o inimigo número un do profesorado, perseguidor do galego e destrutor do ensino público”, dixo. Mentres, engadiu, non hai inconvinte en despilfarrar diñeiro de toda a cidadanía para “botar ao lixo” os libros de texto por estar en galego, liquidar as galescolas, ou subvencionar centros que segregan o alumnado por razóns de xénero, contravindo  incluso as sentenzas do Tribunal Supremo. “Actúa ao servizo dunha ideoloxía reaccionaria e non do interese xeral”, engadiu.

Desde CCOO, asemade, ven "evidente" que os continuos recortes na escola pública débense "a un plan premeditado, a un cambio de sistema para favorecer a educación privada fronte a unha que forma cidadáns críticos, xusto o que o PP non quere nesta sociedade". "Están a provocar unha fractura social cada vez máis grande, pero iso é o que lle interesa a unha dereita tan rancia como a que nos goberna", insiste José Fuerte.

Durante a lexislatura do PP destruíronse 2.500 postos de profesorado nos colexios públicos galegos

Os datos, para un e outro sindicato, reafirman as súas críticas e son case coincidentes. Segundo a CIG, analizando as cifras procedentes das adxudicacións provisionais, as amortizacións por xubilacións no curso pasado e a ausencia de oferta de emprego público, o ensino público contará con preto de 1.000 profesores menos que o curso pasado. Para CCOO, e á espera de datos máis detallados, o número de profesores reducirase en "polo menos" uns 800, unhas cifras que poden aumentar no momento no que a Xunta confirme as xubilacións, algo que "non dá facilitado malia que llo pedimos".

Ademais, unha e outra fonte destacan que durante a lexislatura do PP en Galicia perdéronse 2.500 postos de profesorado, á vez que se aumentou o número de alumnos, uns datos que "van en prexuízo da calidade do servizo público".  A CIG, ademais, aclara que, por exemplo, en Infantil e Primaria o curso comezará con 12 centros e 132 unidades menos; 113 unidades que agrupan alumnado de diferentes idades, niveis e cursos; e 199 postos de traballo fixo suprimidos.

No conxunto do ensino público, o sindicato nacionalista enumera tamén os recortes que provocan 778 profesores terán que impartir materias das que non son especialistas, que se incremente nun 25% o profesorado desprazado; ou que se reduza nun 20 % o salario dos empregados e empregadas do sector público, coa eliminación da paga extra de  decembro.

Así mesmo, destaca que se suprimiron xa dous centros de Educación Infantil da Galiña Azul e 49 postos de traballo e destacan tamén a liquidación do programa de Preescolar na Casa, que atendía a 400 familias, e que provocou o despedimento de 32 traballadores.

A a todo isto, destacan ambos os dous sindicatos, haberá que engadirlle o número máis elevado de alumnado por aula, a redución de profesorado de pedagoxía terapéutica, de audición e linguaxe e de atención á diversidade ou a masificación dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), xunto a eliminación do dereito do alumnado á educación ao non cubrirse as baixas durante os primeiros 10 días lectivos ou a falta de praza asignada para unha morea de docentes.

Ante este panorama e xunto co "apoio" que os sindicatos denuncian da Xunta ao ensino concertado (destínanse 250 millóns de euros e subvenciónanse servizos que xa non se ofertan na pública), CIG e CCOO advirten xa dun "outono quente" nos colexios galegos e advirten de futuras mobilizacións para denunciar os recortes sufridos pola ensinanza pública.

"Será un curso no que as mobilizacións serán permanentes co obxectivo de restituír os nosos dereitos, galeguizar o ensino e conseguir un ensino público da mellor calidade posible”, asegura Anxo Louzao, que fai un chamamento a participar nos peches diante dos centros de traballo convocados para todos os xoves de setembro e en todas as mobilizacións seguintes.

Un aula de ensino infantil Dominio Público Praza Pública
Protesta contra os recortes no ensino público CC-BY Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.