O puntogal aumenta os seus 'dominios'

Manuel González, presidente de PuntoGal, xunto a Alonso Montero © PuntoGal

Os dominios .gal espállanse. A identidade galega na Rede vén de lanzar unha nova fase de lanzamento que aumentará a lista de webs puntogal logo das 93 pioneiras que o pasado 24 de xullo abriron o camiño -e entre as que se atopa praza.gal- para este apelido para os espazos galegos na Internet. Desde este mesmo martes se poden solicitar xa os dominios nun novo período deseñado para grupos con dereitos preferentes, tales como as entidades que promoven o galego, administracións públicas ou propietarios de marcas. Así o adiantaron a asociación puntoGal nunha rolda de prensa xunto ao presidente da Real Academia Galega (RAG), cuxa sede acolleu a presentación das características e requirimentos para esta nova xeira de galeguización virtual.

Entidades que promoven o galego, administracións públicas ou propietarios de marcas poden solicitar desde xa o seu puntogal

Son dúas as fases que se abren desde este martes: a Abrente e a Carreira, que serán as previas á derradeira e definitiva, a fase aberta, aquela na que calquera poderá rexistrar un enderezo .gal de maneira inmediata e tras cumprirse así cos prazos e requisitos previstos pola ICANN.

Así, nesta fase Abrente pódense solicitar dominios dentro de cinco categorías, tal e como explicou Edita de Lorenzo, directora xeral de puntoGal. Deste xeito, inclúense marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH) -unha base de datos de marcas internacionais establecida por ICANN, o organismo que goberna as direccións da Internet-, así como marcas do TMCH que non cumpren cos requisitos para usar un .gal, pero queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non activen inicialmente a súa páxina baixo os requirimentos de dominio .gal.

Tamén se inclúen aquí administracións públicas de calquera ámbito con competencia en Galicia e entidades de promoción da cultura e da lingua galegas. Xa que logo, institucións e entidades (consorcios, axencias, comisións, fundacións, asociacións....) poderán solicitar, entre outros, nomes xeográficos con relevancia, os propios nomes das entidades, o dos seus servizos en liña e as súas marcas rexistradas.

Esta fase Abrente tamén abrangue marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia e as denominacións de orixe rexistradas, ademais de calquera que tivese ata agora unha web que veña promovendo a cultura galega e utilizando a lingua galega nas súas comunicacións en liña baixo outro dominio, que pode solicitar o seu propio nome ou o nome dos dominios rexistrados e usados.

O prazo para esta fase Abrente remata entre o 18 e o 25 de novembro, dependendo do tipo de entidade que solicite o dominio

O prazo para estas categorías do Abrente remata o vindeiro 18 de novembro, agás para o caso das administracións públicas e entidades que promoven a cultura e a lingua galega, para as que remata o 25 de novembro. "No caso de se presentaren varias peticións para o mesmo dominio, terá preferencia o solicitante pertencente a unha categoría superior, tal e como obrigan as normas da ICANN", aclara a asociación.

Por outra banda, puntoGal advirte que os prezos base dos dominios variarán segundo a categoría e asegura que fixo "un esforzo" para que aqueles que promocionan a cultura galega ou empregan o idioma propio na Rede "gocen dun prezo menor". Deste xeito, as webs que estean nesta situación  partirán dun prezo base aproximado de 50 euros por dominio e ano. No caso da categoría 2, a de aqueles que non cumpren cos requisitos para usar un .gal pero queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, o importe base será de 170 euros, mentres que no resto dos casos o prezo intermedio será de 65.

O prezo do dominio será menor para as webs que promocionan a cultura galega ou empregan o idioma propio, sobre uns 50 euros

"Con todo, o prezo final para o consumidor non o fixa puntoGal, senón os rexistradores acreditados por ICANN, as empresas comercializadoras finais. Os prezos citados aquí son polo tanto prezos base e aproximados, cada rexistrador pode realizar libremente ofertas diferentes", advirte a asociación, que publicará unha lista de rexistradores acreditados na súa web para que os interesados poidan escoller o rexistrador que máis lles conveña.

Os interesados deberán indicar na súa solicitude a cal das categorias optan e motivar a súa clasificación, tendo en conta que as de maior rango terán prioridade sobre as de menos rango. Todas as peticións entrarán nun proceso de estudo  previo antes de poder activarse, polo que as solicitudes recibidas e aprobadas non será posible activalas normalmente antes do día 2 de decembro.

 

Carreira aberta para os que non teñen dereitos preferentes

E que pasa con aqueles que queren rexistrar un .gal xa pero o dominio que lles interesa non cae en ningunha das categorías do Abrente? A asociación responde que tamén poden solicitar o dominio dende este martes, aínda que o farán a través dun programa cun nome diferente, Carreira, e cun prezo base superior, 170 euros.

A partir do 2 de decembro, calquera interesado poderá solicitar o seu dominio puntogal

"Os que decidan participar na Carreira teñen as vantaxes de aspirar a facerse con calquera enderezo .gal (non é necesario que proben ter algún dereito preferente sobre esa dirección como os de Abrente) sen ter que agaradar ao 2 de decembro", explica puntoGal, que será daquela cando se abrirá o último prazo, a Fase Aberta, un período sen restricións, e cando se adxudicarán os dominios por orde de chegada da solicitude.

Durante o acto de presentación, o presidente de puntoGal animou a todas as persoas e entidades que teñen algún dereito sobre o seu enderezo de Internet a aproveitar a oportunidade de rexistralo baixo o dominio .gal de xeito preferente. "Estamos convencidos de que nestes próximos meses se sumarán todos os dominios da administración autonómica, da administración periférica do Estado, de todos os sindicatos, de todos os centros de Ensino, de todas as academias, de todos os colexios e asociacións profesionais, dunha parte importante das nosas empresas e comercios, das asociacións culturais de base e de todos os concellos de Galicia", asegurou.

PuntoGal lanza agora estes novos períodos de solicitude tras completar con éxito o programa Pioneiros. A maioría dos 93 enderezos pioneiros adxudicados na véspera do 25 de xullo xa está activo, destacou a asociación, que anima aos pioneiros que aínda non o activaron que o fagan axiña.  Ademais, o colectivo, formado por 114 organizacións, agradeceu "o masivo e ininterrompido apoio recibido nestes sete anos" para que a ICANN aprobase a candidatura en 2013 e fose delegado o dominio esta primavera. "O dominio é voso", finalizaron.

Manuel González, presidente de PuntoGal, xunto a Alonso Montero © PuntoGal
Stand da iniciativa no Culturgal © Asociación Puntogal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.