Os colexios concertados levarán máis de 900 millóns en catro anos

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Os centros privados concertados terán un financiamento de case 1.000 millóns de euros durante os vindeiros catro anos en Galicia. Despois de que esta normativa saltase aos titulares hai escasas semanas polo veto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aos concertos con colexios que segregan o alumnado en función do seu sexo a Consellería de Educación vén de publicar a orde que rexerá estas achegas ata o vindeiro ano 2017. Sen grandes novidades no seu articulado, a normativa rebaixa lixeiramente a súa dotación orzamentaria e deixa aberta a porta aos pagamentos aos colexios segregacionistas en canto culmine a reforma educativa que prepara o Goberno central, a coñecida como Lei Wert.

Nomeadamente, segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia os concertos educativos terán unha dotación orzamentaria total de 941 millóns de euros entre o curso 2013-2014 e o 2016-2017, unha caída do 7,5% a respecto da anterior, publicada en 2009. Por niveis educativos, Primaria e Secundaria seguen a levar o montante orzamentario principal, con 704,21 millóns de euros, 60 menos que hai catro anos. A continuación sitúase o ensino infantil, con 146 millóns que supoñen unha redución de 18 a respecto da anterior convocatoria. Para educación especial a Consellería reserva 42,4 millóns en concertos -en 2009 foron 46,8- e a única suba atópase en Formación Profesional, con 49,2 millóns, un 1,9% máis que en 2009.

Eliminación da mención á "non-discriminación"

A orde de 2009 baseábase nun decreto que vetaba a discriminación por razón de sexo na admisión do alumnado

Á marxe da cuestión económica, esta orde sinala que o marco xurídico no que se integra é a Lei Orgánica de Educación e o decreto galego 254/2012, tamén no que atinxe á "escolarización e admisión do alumnado". Mentres que a orde de 2009, redactada polo bipartito e corrixida polo gabinete de Feijóo, se refería a un decreto de 2007 que vetaba a "discriminación por razón de sexo", entre outras, a de 2013 apóiase noutra norma promulgada en 2012 no que tamén se sinala que " en ningún caso haberá discriminación" por razón de sexo, pero co matiz de que "os centros que desenvolvan o principio de coeducación [nenas con nenos] serán obxecto de atención preferente e prioritaria", pero non exclusiva.

Tendo en conta, por unha banda, que a Consellería de Educación non prevé recorrer a sentenza do TSXG contra os centros segregacionistas, pero tamén, por outra, que o Goberno central prevé darlle aval legal a que estes colexios sexan financiados con fondos públicos, todo semella indicar que a Xunta podería volvelos dotar de fondos públicos en canto o Goberno de Rajoy así o dispoña. Tendo en conta os cálculos das centrais sindicais educativas, estes colexios -na súa maioría vinculados ao Opus Dei- viñeron recibindo tres millóns de euros anuais.

 

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.