"Éxito rotundo". Así cualifica a Confapa, confederación que agrupa as asociacións de pais e nais galegas, o seguimento dunha folga estudantil en todos os niveis educativos que, por primeira vez, apoiaron as familias ao non enviar os rapaces ao colexio nunha xornada de protesta contra a reforma educativa e os recortes aplicados polas administracións no ensino.
O seguimento do paro en Galicia, segundo a Confapa, sería dun 74%
Así, a confederación cifra nun 74% o seguimento medio do paro en Galicia, un dato que segundo a Ceapa se eleva ao 80% no conxunto do Estado, aínda que o Ministerio de Educación rebaixa a cifra a menos do 20% tendo en conta "os datos recompilados polas comunidades autónomas".
O caso é que esta folga xeral, inédita polo apoio dos pais, conseguiu chamar a atención sobre o fastío das familias ante "os continuos recortes e a reforma educativa" do Goberno central. "Temos moi claro que ata aquí chegamos; xa estamos cansos e isto ten que dar marcha atrás", dicía o pasado mércores Helena Gómez, presidenta da Confapa, que neste xoves se amosaba "moi satisfeita" da resposta dos pais.
"A media de participación na folga en Galicia foi dun 74%, aínda que foi desigual porque houbo colexios totalmente baleiros e outros nos que o seguimento superou por pouco o 20%", aclara Gómez, que destacou o "éxito rotundo" da convocatoria na provincia de Ourense, "incluído nas zonas rurais máis remotas", o que incluso levou a nenos e familias a improvisar unha manifestación para a tarde que se celebrará espontaneamente logo das convocadas tamén en Vigo e na Coruña.
"A folga tivo moito impacto polo feito de que os pais tamén amosasen o seu enfado coas medidas do Goberno"
"A folga tivo moito impacto polo feito de que os pais amosasen o seu enfado coas medidas do Goberno e se comprometesen na loita contra os recortes que lles afectan a eles e aos seus fillos", resume a presidenta da Confapa, que destaca tamén que houbo pais que se viron na obriga de levar os seus fillos a clase, "malia estar de acordo coa protesta", por non poder deixalos con ninguén.
A Ceapa, organización estatal que agrupa ás confederacións de asociacións de pais e nais, cualifica tamén de "éxito rotundo e sen precedentes" a xornada de folga e amósase "moi satisfeita" pola masiva participación e polo desenvolvemento do paro sen incidentes, malia as numerosas manifestacións convocadas polo Sindicato de Estudantes e apoiadas polas anpas así como por diversos colectivos. A máis numerosa, celebrouse en Madrid durante a tarde. Segundo os convocantes, máis de 100.000 persoas percorreron a capital do Estado.