"Os pais xa estamos cansos dos recortes; ata aquí chegamos"

Concentración de nenos e pais en contra dos recortes © ANPA O Carballo

Os pais e nais únense á loita contra os recortes na educación. Ás mobilizacións e xornadas de folga convocadas polos estudantes uniranse este vindeiro xoves as anpas que, nun feito histórico, piden ás familias que non leven os fillos á escola nese día 18 para protestar "contra os continuos recortes e a reforma educativa" do Goberno central. "Temos moi claro que ata aquí chegamos; xa estamos cansos e isto ten que dar marcha atrás", explica Helena Gómez, presidenta da Confapa, a confederación que agrupa as anpas galegas e que secunda a convocatoria da Ceapa estatal.

"Xa estamos cansos, ata aquí chegamos; isto ten que dar marcha atrás", di a presidenta da Confapa

Malia os continuos insultos e provocacións recibidas desde o Executivo central, as anpas non dubidan do seu apoio á folga. Cualificados de "extrema esquerda radical antisistema" por parte do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e comparados "cos de Batasuna" por parte do voceiro do PP no Congreso, Alfonso Alonso, os pais prefiren morder a lingua. Así, Helena Gómez aclara que as palabras son "tan, pero tan graves" que prefire non contestar directamente. "O que eu non vou facer é insultar coma eles; seremos extremistas ou o que el queira, pero coido que o que pretende é desviar a atención, incluso cando fala de españolizar nenos cataláns", explica a presidenta da Confapa, que advirte de que a súa postura, e a da maioría da comunidade educativa é clara: "Estamos pedindo a dimisión inmediata de Wert e de todo o seu equipo porque non están capacitados para levar o Ministerio de Educación".

"As palabras de Wert son moi graves, pero eu non penso insultalo como fai el; só pido a súa dimisión"

Ademais, e ante as críticas de quen acusa as anpas de querer "intrumentalizar e politizar os cativos", Gómez é clara. Como nai e como responsable da confederación. "O que facemos é un exercicio de civismo, de educación en liberdade; pedimos aos pais que non leven os rapaces ao colexio porque a maioría social deste país está sufrindo os continuos recortes e para que os nenos aprendan que o seu futuro depende destes axustes e da reforma educativa", explica, logo de aclarar que a convocatoria vai destinada unicamente "a aquelas familias que poidan conciliar". "Evidentemente, os nenos teñen que estar nos centros se ningún dos pais pode quedar con eles", matiza.

"Non instrumentalizamos nenos; o que facemos é un exercicio de civismo e de educación en liberdade"

Helena Gómez respira un ambiente "de fastío" e conta con que o apoio á folga, pero sobre todo ás mobilizacións, sexa masivo por parte dunha maioría de pais "que están fartos" e especialmente nun mundo rural "onde a xente está cansa de aturar recortes e axustes que lles afectan aos pais e aos cativos". "Ata aquí chegamos; é hora de facer un pacto educativo contando con toda a comunidade educativa e non de tomar decisións que afectan a escola pública e a toda a sociedade", insiste a presidenta da Confapa, que advirte de que "se o Goberno non dá marcha atrás", os pais "seguirán mobilizándose ata que escoiten".

En canto ás esperanzas de que algo cambie no rumbo educativo marcado polo Executivo de Rajoy, Gómez ten claro que o PP "está esperando ao resultado das eleccións galegas". Sabe que o resultado electoral marcará, e moito, a política a seguir polas administracións na escola nos vindeiros anos, pero aclara que nas anpas son "apartidarios" e que a reflexión sobre o devir político de Galicia "pode ser individual, pero non como asociación".

"Non aceptamos que cada vez que haxa un goberno novo toquen a educación; ademais, estase incumprindo constantemente a Constitución, que garante o dereito a acceder en igualdade de condicións ao ensino púbñico gratuíto", explica Gómez, que explica que a instauración das reválidas e só "un exemplo" da "elitización da escola" que pretende o ministro Wert. "A reforma educativa é ademais sexista, porque impón o concerto a centros que segregan por sexo, favorece o ensino privado, desprestixia e despide profesores, deixa  na rúa os interinos... Todos para mermar a calidade da pública e favorecer a concertada e a privada", resume a presidenta da Confapa, que advirte tamén do "recorte nas bolsas do estudo, a eliminación do sistema de préstamo de libros ou as irrisorias axudas para a compra de material escolar".

As anpas denuncian "a elitización do ensino" e o "favorecemento dos centros concertos e privados fronte á merma de calidade dos públicos"

"É un ataque directo ao cidadán medio, aos obreiros e á maioría social; o Goberno do PP avoga por unha educación elitista e por que á universidade só vaian os ricos", engade Gómez, que ve nos pais un enfado moito maior que o doutros anos. "Cando antes protestaban os profesores sempre había quen dicía que o facían polo seu salario ou por egoísmo, pero agora as familias decátanse de que están loitando contra os recortes que afectan os seus fillos, contra a falta de profesores de apoio, contra a imposibilidade de dar titorías, contra a eliminación de rutas escolares... Están fartos", remata.

 

Helena Gómez, presidenta da Confapa Galicia © Concello da Coruña
Protesta de pais e nenos en Carballeda de Avia CC-BY ANPA O Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.