Os usos das tecnoloxías libres no sector primario e industrial centrarán o LibreCon 2017

Asistentes a unha das edicións anteriores do evento © LibreCon

O vindeiro 19 e 20 de outubro Compostela acollerá o LibreCon 2017, o maior evento de tecnoloxías abertas e negocio, organizado por Agasol e Asolif. O encontro, que se celebrará na Cidade da Cultura, dará continuidade ao que xa se realizou no mesmo lugar en 2015. Este ano o evento céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores Industrial e Primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías en campos como o cloud computing, a análise de Big Data e Internet das Cousas (IoT), ademais de na economía colaborativa. 

Para o sector empresarial en xeral as tecnoloxías libres son unha alternativa rendible que proporciona unha oportunidade de negocio aberta. Estase a crear o concepto de Industria 4.0, como concepto da fábrica intelixente con todos os procesos interconectados pola Internet das Cousas (IoT) onde as solucións Open Source supoñen algo esencial. De igual xeito, o sector primario está a vivir unha revolución utilizando os estándares abertos como o Big Data, liderados por solucións Open Source, que melloran a eficiencia dos procesos produtivos.

LibreCon 2017 contará con relatores de nivel internacional que exporán a súa visión de como as tecnoloxías libres lles achegan competitividade no seu día a día. A xeración de coñecemento terá o seu espazo dentro do evento en forma de casos de éxito e demostracións tecnolóxicas que achegarán as novidades do sector a todos os e as asistentes. A asistencia ao evento é libre e gratuíta, previo rexistro a través do formulario de inscrición. Os relatores principais serán Yaiza Rubio Viñuela, analista en Telefónica Digital e profesora da Universidade Autónoma de Madrid, e Juan González Gómez -Obijuan-, impulsor da comunidade Clone Wars, a comunidade de referencia dos makers españois. 

Ademais, o día 20 celebrarase un Hackathon, titulado LibreHack, que de forma paralela ao LibreCon busca desenvolver proxectos libres nos campos da Industria 4.0 e o sector primario. Así mesmo, haberá unha zona de exposición aberta na que as empresas do sector darán a coñecer as últimas novidades nos seus produtos e servizos.

 

Asistentes a unha das edicións anteriores do evento © LibreCon
A Cidade da Cultura acollerá a LibreCon 2017 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.