En 1917 estaba documentada a existencia de medio cento de petróglifos en Galicia; en 1935 un estudo catalogou ao redor de 250 mostras de arte rupestre; en 1980 recollíase a localización dunhas 400 pedras gravadas; e no ano 2006 superábase xa o milleiro de referencias. Porén, eran moitos máis, e as investigacións máis recentes elevaron esta cifras, sumando o Preinventario do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta un total de 3.374 estacións rupestres. A partir dese catálogo, un equipo da USC vén de publicar na revista Trabajos de Prehistoria unha pioneira análise dos petróglifos coñecidos ata o momento, clasificándoos en función da súa distribución xeográfica ou dos símbolos empregados.
Carlos Rodríguez Rellán, Alia Vázquez Martínez e Ramón Fábregas subliñan que os datos recollidos amosan "a enorme riqueza da arte rupestre galega" e permiten “colocala xa á par doutros grandes centros rupestres do continente”. Destacan que o país carecía ata agora dunha análise cuantitativa do fenómeno rupestre e cren que é “moi probable que o número de petróglifos catalogados siga aumentando nas próximas décadas".
Os investigadores subliñan que os datos recollidos amosan "a enorme riqueza da arte rupestre galega" e permiten “colocala xa á par doutros grandes centros rupestres do continente”
As 3.374 estacións rupestres coñecidas na actualidade en Galicia distribúense por todo o territorio, aínda que a concentración é maior no suroeste. De feito, Pontevedra concentra máis da metade dos petróglifos de todo o país (1.998, o 59,22%). A Coruña suma 778 (o 23,06%), Ourense fica en 400 (o 11,85%) e Lugo conta apenas con 198 (o 5,87%). O equipo salienta igualmente que a análise permite constatar que unha maioría das estacións rupestres se concentran en "alturas intermedias", explicando por exemplo que no Condado o 63% se sitúa entre os 350 e os 500 metros de altitude ou que en Betanzos o 89% dos gravados se localizan entre os 200 e os 350 metros.
A análise conclúe "o dominio absoluto das figuras xeométricas fronte ás naturalistas"
Os investigadores ordenan estas mostras de arte rupestre en catro grandes categorías en función das formas e elementos que representan: Xeométricos, Naturalistas, Históricos e unha cuarta categoría (Varia Prehistóricos) que abrangue aqueles motivos cuxas características non se acomodan ás tres categorías principais. A análise conclúe "o dominio absoluto das figuras xeométricas fronte ás naturalistas"; de feito 2.747 rochas (o 81,42% do catálogo) correspóndese con esa categoría, dominada polos gravados máis sinxelos -as "cazoletas"-, presentes en 2.091 rochas (61,97% do total), seguidas polas representacións circulares.
O temas naturalistas aparecen tan só en 381 estacións (o 11,29% dos petróglifos coñecidos) e comprenden os motivos zoomorfos e de armas. O primeiro abrangue principalmente representacións de cérvidos, pero tamén de équidos, ovicápridos, bóvidos ou cánidos. Son menos frecuentes que os gravados históricos (cruciformes, alfabetiformes...), presentes en 943 rochas (o 27,95%), cunha grande importancia numérica que deixa claro "que o gravado das rochas presentes nos montes galegos transcendeu as barreiras temporais da Prehistoria para chegar practicamente ata os nosos días", explican os investigadores.
Pontevedra concentra o 59% dos petróglifos do país, pero pódense atopar en case todo o territorio
Os tres investigadores destacan que a visión tradicional sobre a arte rupestre galega sinalaba a existencia "dun núcleo claro, localizado no val medio do río Lérez, no concellos de Campo Lameiro e Cotobade. Porén, o progresivo aumento dos petróglifos catalogados nas últimas décadas fóra da provincia de Pontevedra ten convertido outras comarcas "en auténticos focos rupestres cunha personalidade propia, incrementando a riqueza e a complexidade deste fenómeno". Os resultados obtidos apuntan tamén a existencia dunha gran heteroxeneidade ou variabilidade interna do fenómeno rupestre galego, que "deixa patente que a arte rupestre galega é un fenómeno complexo no seo do cal probablemente se acolle unha importante variabilidade temporal e tamén espacial, con determinadas áreas do territorio galego actuando como núcleos de especial riqueza rupestre, cada un deles con idiosincrasia e características propias”.