Unha investigadora da USC mellora o uso das algas para loitar contra a contaminación do mar

Traballo de campo desenvolvido pola bióloga Rita García Seoane © USC

A contaminación das augas mariñas é un problema que vén preocupando á comunidade científica e á sociedade dende hai décadas, tanto a presenza de plásticos e outros residuos como o aumento de metais e outros elementos que provocar a degradación dos ecosistemas. Hai xa tempo que se sabe que as algas poden ser un bo indicador da saúde das augas e da vida existente nelas. Porén, ata agora a carencia de protocolos estandarizados que describan como deberían aplicarse estas técnicas limitaba a súa efectividade.

No seu traballo García Seoane estuda a potencialidade das macroalgas para o seguimento e control da contaminación

Hai unhas semanas a a bióloga Rita García Seoane, investigadora do Instituto Cretus da USC, defendeu a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago: Algas pardas como biomonitoras de metales pesados y nitrógeno en las áreas costeras. Una revisión de protocolos. No seu traballo García Seoane estuda a potencialidade das macroalgas para o seguimento e control da contaminación, alén de afondar na mellora e definición de novos métodos para a súa aplicabilidade. “Diferentes autores levan empregando unha ampla variedade de métodos, a inmensa maioría pouco consensuados e sen criterio científico”, explica García Seoane.

De feito, o obxectivo primordial do estudo consistiu na realización dunha avaliación exhaustiva dos aspectos básicos da metodoloxía empregada nos estudos de monitoraxe de contaminantes utilizando macroalgas, a fin de fomentar o uso destes organismos en estudos extensivos regulados pola lexislación medioambiental vixente.

Rita García Seoane durante a defensa da súa tese de doutoramento © USC

Ata agora a carencia de protocolos estandarizados que describan como deberían aplicarse estas técnicas limitaba a súa efectividade

“A análise das algas proporciona unha estima realista do impacto deses contaminantes no medio acuático, pois moitos deles son persistentes e poden ser tóxicos e susceptibles de biomagnificarse nas cadeas tróficas”, apunta a investigadora, que explica que “dado que a contaminación por metais e metaloides provoca unha degradación constante dos ecosistemas costeiros e mariños, a vixilancia e a avaliación da calidade do medio están a converterse nunha prioridade a nivel mundial, con medidas e estratexias lexislativas para mitigar o impacto da contaminación, así como protexer e conservar os ecosistemas”.

Aqueles aspectos metodolóxicos fundamentais para o bo desenvolvemento desta práctica foron tratados realizando estudos experimentais a través do emprego da alga parda Fucus vesiculosus, considerada unha especie modelo en biomonitoraxe amplamente estendida nas costas do Atlántico Norte. Así, a partir dos resultados obtidos, achégase un protocolo estandarizado e ofrécense orientacións para garantir a calidade dos resultados logrados neste tipo de estudos.

“A análise das algas proporciona unha estima realista do impacto deses contaminantes no medio acuático, pois moitos deles son persistentes e poden ser tóxicos e susceptibles de biomagnificarse nas cadeas tróficas”, sinala

Os resultados desta investigación publicáronse en diversas revistas científicas de alto impacto como Science of the Total Environment, Environmental Pollution ou Ecological Indicators. No marco da investigación, Rita García Seoane tamén levou a cabo colaboracións con outros centros de investigación internacionais como a University of South Florida nos Estados Unidos e o Okinawa Institute of Science and Technology Graduate University de Xapón, onde realizou cadansúa estancia de investigación en 2017 e 2018, respectivamente. 

Este traballo desenvolveuse no Grupo de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal e foi dirixido polo profesor da USC Jesús Aboal Viñas e a investigadora da Estación Biolóxica de Doñana, pertencente ao CSIC, Teresa Boquete Seoane.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.