Unha lupa para operar un cabalo... de mar

Aquarium Finisterrae da Coruña onde foi operado o cabaliño de mar © Concello da Coruña

O Aquarium Finisterrae da Coruña realiza dúas microcirurxías para salvar a vida dun ‘Hippocampus abdominalis’

O Aquarium Finisterrae da Coruña divulgou este luns un vídeo sobre as dúas microcirurxías que lle realizou o pasado xuño a un cabaliño de mar para salvarlle a vida. O animal, un ‘Hippocampus abdominalis’ de apenas oito centímetros que naceu na Casa dos Peixes, tivo que ser operado coa axuda dunha lupa para poder reparar unha malformación que presentaba e que puña en risco a súa vida.

O animaliño naceu cun orificio no abdome polo que se lle saían os órganos internos

O animaliño naceu cun orificio no abdome polo que se lle saían os órganos internos. “Nunha primeira intervención introducíronselle as vísceras no seu interior e pechouse o buraco. Uns días despois, tras cicatrizar a ferida, someteuse a unha segunda operación na que se lle retiraron os puntos”, sinalan desde o acuario. Unha vez que se comprobou que o cabaliño se movía con normalidade e que estaba recuperado, devolveuse ao tanque co resto dos exemplares da súa especie.

Desde o Aquarium Finisterrae e os Museos Científicos da Coruña saliéntase a “atención veterinaria diaria” que se lle dá “a todos os animais, desde os de maior tamaño, como as focas, ata os máis pequenos, como os peixes pallaso”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.