Wert bombardea o programa Erasmus

Wert, na conferencia sectorial de educación © Ministerio de Educación

O pasado 24 de outubro milleiros de persoas saían ás rúas para rexeitar a lei de mellora da calidade educativa (LOMCE), a coñecida como Lei Wert. Esta foi, precisamente, a xornada elixida polo Ministerio de Educación para publicar no Boletín Oficial do Estado (BOE) a orde que regula a convocatoria das bolsas Erasmus para o presente curso 2013-2014. As axudas, que afectan ao alumnado que xa está desprazado noutros países europeos para desenvolver parte dos seus estudos neste mesmo curso, chegan cun notable recorte orzamentario pero, sobre todo, cun novo requisito que elimina, a efectos, prácticos, o programa de achegas tal e como era coñecido ata o momento.

Ata o momento, o estudantado que quixese acceder a estas bolsas tiña que cumprir as esixencias do programa europeo de Aprendizaxe Permanente e, ademais, superar as probas específicas de cada universidade, caso por exemplo dun exame de idioma. Pero o departamento que dirixe José Ignacio Wert fai a peneira aínda máis estreita e dispón que só serán "beneficiarios" os estudantes que reúnan as devanditas características e, ademais, "fosen beneficiarios dunha bolsa das denominadas de carácter xeral" do propio Ministerio, isto é, os subsidios que o propio Goberno central vén de recortar notablemente pola vía do endurecemento dos requisitos académicos e económicos, impoñendo nalgúns casos a esixencia de aprobar ata o 100% dos créditos ou superar.

O Ministerio estreita a peneira e só axudará ao estudantado Erasmus que teña tamén unha das bolsas xerais acabadas de recortar

Así as cousas, o alumnado que fique fóra das coñecidas como 'bolsas do MEC' xa non pode nin optar a unha axuda para o Erasmus, programa que as principais organizacións estudantís galegas dan practicamente por desaparecido. Dende a Liga Estudantil Galega advirten de que este notable cambio chega cos estudantes xa "no estranxeiro, que contaban cunha bulsa duns 210 euros ao mes que xa non van ter". "Se algunha estudante quere volver ao ver este anuncio xa non pode, porque xa pasou o prazo e ten que cursar as materias que leva no seu programa de estudos", explican. No caso de que regresase, "non se podería presentar a ningunha materia" na súa universidade de orixe.

Liga Estudantil e Comités advirten dos problemas económicos e académicos aos que se enfrenta o alumnado que está xa no estranxeiro

Para os Comités o novo requisito, combinado co recorte das bolsas xerais, "deixa as prazas de Erasmus unicamente para aquelas persoas de rendas máis altas que poidan pagar a súa estadía nun país estranxeiro" e crea un "un problema tanto económico como académicao" para quen xa está fóra. "Máis unha vez atopámonos ante unha do Ministerio de Educación que exclúe os fillos e fillas da clase traballadora do ensino público universitario", censuran, ao tempo que esixen que "a contía" e requisitos das achegas "se axusten ás necesidades económicas das persoas solicitantes".

Wert, na conferencia sectorial de educación © Ministerio de Educación

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.