A Asociación PuntoGal presentou esta mañá na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (Universidade de Vigo) a Fase Aberta do dominio .gal. A partir do 2 de decembro calquera persoa, empresa ou entidade poderá rexistrar o seu .gal, con prezos equivalentes aos doutros dominios, a través das empresas rexistradoras. As fases abrente e carreira permitiron crear case un milleiro de rexistros, que se activarán nos vindeiros días, e que se unen ás 93 webs pioneiras que veñen empregando o .gal dende xullo.
O vindeiro 2 de decembro estarán activos os novos dominios. A partir dese mesmo día poderanse rexistrar os dominios de xeito aberto, sen restrición ningunha
Entre os dominios solicitados na fase Abrente pódense atopar grandes coñecidos na internet coma facebook.gal, google.gal e wordpress.gal, grandes empresas como gasnaturalfenosa.gal, televes.gal e lacaixa.gal e nomes tan nosos como xabarin.gal ou illascies.gal, ademais dun número importante de marcas locais. Tamén poderemos ver, moi pronto, as páxinas web de moitos concellos e nomes vinculados ás administracións públicas así como unha gran variedade de entidades sociais e culturais de todo tipo da sociedade galega.
O vindeiro 2 de decembro estarán activos os novos dominios. A partir dese mesmo día poderanse rexistrar os dominios de xeito aberto, sen restrición ningunha, concedéndose por orde de chegada, tal e como funcionan todos os dominios de Internet existentes na actualidade. As solicitudes de dominios para a fase de lanzamento levaranse a cabo a través das 30 empresas rexistradoras acreditadas ante a Asociación PuntoGal.
Dinahosting xa habilitou na súa páxina un apartado para realizar os rexistros de dominios .gal
Estas 30 empresas rexistradoras poden consultarse na web Dominio.gal. Son, entre outras, 1&1 Internet AG, 101domain, Ascio Technologies, BB Online ou Blacknight. Unha delas, Dinahosting, é galega e xa habilitou na súa páxina un apartado para realizar os rexistros de dominios .gal. Nestes momentos ofrecen a posibilidade de reservalo xa, cun prezo de 50,95 euros por ano, con tres meses de servizo de hosting de balde.
"É a hora de ser consecuentes coa nosa identidade"
O acto de presentación da Fase Aberta estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e contou coa intervención do presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González e a directora xeral da asociación, Edita de Lorenzo. Manuel González destacou que neste momento “chegou a hora da verdade, é a hora de ser consecuentes coa nosa identidade, coa nosa historia, coa nosa realidade social, coa nosa vontade de seguir vivindo e permanecer no futuro”. González engadiu que "é unha oportunidade para os nosos emigrantes", que poderán "facer explícita" a súa condición de galegos independentemente de onde se atopen.
“Chegou a hora da verdade, é a hora de ser consecuentes coa nosa identidade, coa nosa historia, coa nosa realidade social, coa nosa vontade de seguir vivindo e permanecer no futuro”
A Asociación PuntoGal porá en marcha unha campaña onde se publicitará o dominio .gal como elemento de promoción da lingua e cultura galegas. Baixo o lema “Os galegos temos un Punto”, buscará dar a coñecer o dominio .gal "como lugar común na rede, un punto de encontro, con imaxes que transmiten cun sorriso o xeito especial de facer as cousas".