Chega o Revenidas! O festival arousán celebrarase en Vilaxoán entre este venres e o domingo, combinando concertos e moitas outras actividades, no entorno do Porto de Vilaxoán, no parque de Dona Concha, na praia do Preguntoiro e nas rúas da vila. Ademais dos concertos de pago, que se realizan nun recinto pechado, o festival conta cun amplo espazo de acceso libre no entorno do porto, arredor do edificio da Praza de Abastos, no parque de Dona Concha, onde teñen lugar as actividades de balde e para todos os públicos. Aí ten lugar a chamada “Feira Revenidas”, con artesanía, fook trucks, xogos e actividades para toda a familia. Na noite do sábado tamén terá lugar a tradicional Sardiñada Popular.
Na súa edición número 15, o Revenidas presenta unha dimensión moito maior da que tiña cando deu os primeiros pasos pero mantendo intacto o espírito co que naceu: música diversa de Galicia e doutros moitos países, unha vertente solidaria e, coma sempre, as tradicionais e populares sardiñas revenidas
No apartado estritamente musical, destacan os concertos de Soziedad Alkohólica, Ayax y Prok ou Ezetaerre (venres); de El Drogas -na xira de despedida do que fora cantante de Barricada-, NH3, Steven n Seagulls ou Tremenda Jauría (sábado); e de Dakidarría, Zoo, Russkaja ou a Banda Xangai. No concerto da Banda Xangai, liderada por Xurxo Souto, as persoas asistentes poderán ter ocasión de escoitar sobre o escenario á Coral de Vilaxoán, a primeira vez que actuarán dentro do Festival. O abono para os 3 días ten un prezo de 35 euros (anticipada) ou 40, na billeteira.
Cómpre salientar tamén os concertos a bordo, que teñen lugar nunha embarcación que navega pola ría e que inclúen un xantar; neles (con prazas limitadas e un prezo de 20 euros) actuarán Roberto Sobrado, Arremecaghona Mono Banda, Xurxo Souto ou Ugia Pedreira e Marina Oural. Haberá tamén Dub na praia, venres, sábado e domingo. E mais unha Gran Gala de Circo, o sábado pola tarde, organizada por Pallas@s en Rebeldía.
Así mesmo, ao igual que en todos os #RíasBaixasFests, a Deputación de Pontevedra desenvolve no Revenidas dúas campañas a prol da igualdade e contra as violencias machistas e o acoso a mulleres. A través dun stand informativo divúlganse as campañas “Lembra. Eu decido. Ti respectas” e “Conta comigo. Eu respéctote".