100 anos do primeiro Castromil

Un dos primeiros autocares de Castromil, cubrindo a rota A Coruña-Santiago hai 100 anos © Monbus

O 2 de xullo de 1918 (este luns farán 100 anos) Evaristo Castromil deu de alta o seu primeiro autocar de 14 asentos, que de inmediato pasaría a dar servizo na primeira liña regular de autobuses de Galicia, Santiago-Pontevedra, como recolle este informe de Daniel Seijas para a Fundación Galicia Empresa. En 1919 botaría a andar a liña Santiago-A Coruña, con frecuencia diaria. O país entraba así (aínda que lentamente) na era das comunicacións terrestres motorizadas, substituíndo estes vehículos ás dilixencias e carrilanas que ata ese momento viñan unindo as cidades galegas. Aquela liña Santiago-Pontevedra facía o percorrido en dúas horas, cuns prezos que ían dende as 10 pesetas (primeira), 7.60 pesetas (segunda) e 5.60 pesetas (terceira).

Evaristo Castromil -que dende moi novo traballara no banco de Olimpio Pérez e Hijos- entrara en contacto coa automoción uns anos antes, cando en 1910 obtivo a representación exclusiva para toda Galicia dunha empresa norteamericana de automóbiles, Mitchel Automotive. Nese momento en toda a provincia da Coruña apenas había 36 coches rexistrados. En 1917 fundou a empresa Castromil, con sede en Santiago de Compostela, mercando seis autocares Saurer, fabricados en Alemaña.

O 4 de xullo de 1924 publicouse unha Real Orde que pasaba a regular os servizos de pasaxeiros e que prohibía a competencia entre empresas nunha mesma liña. Castromil fíxose coas concesións das liñas que xa operaba, ocupándose xa que logo das comunicacións entre A Coruña, Santiago, Caldas de Reis, Pontevedra e Vigo, ás que despois incorporou as conexións entre Santiago e Ourense, Betanzos e Noia. O traxecto entre Santiago e A Coruña tiña unha duración de 2 horas e media; o Santiago-Vigo unhas 3 horas e o Santiago-Ourense chegaba ás 5 horas. En certa medida esta e outras compañías de autobuses serviron para vertebrar o territorio galego ante a limitación que sempre presentou a infraestrutura ferroviaria (a liña Santiago-A Coruña non foi inaugurada ata 1943 e a Ourense-Santiago tivo que agardar ata 1958).

En 1929 a compañía converteuse en sociedade anónima, aínda que mantendo un carácter familiar, pois os Castromil seguían controlando o 70% do accionariado. Nese momento instalou a súa sede no coñecido a partir dese momento como Edificio Castromil, que ocupaba o centro da actual Praza de Galicia en Compostela, e que foi tristemente derrubado en 1975. En 1933 Ramón Castromil Casal, fillo do fundador, asumiu a presidenca da empresa, que nese momento contaba xa con 50 autobuses e 110 traballadores.

A empresa tardou varias décadas en recuperarse dos prexuízos causados pola Guerra Civil, pero nos anos 60 e 70 a compañía volveu crecer. Ramón Castromil dirixiu a compañía ata 1977, en que tomou o relevo o seu fillo Ramón Castromil Ventureira, substituído en 1994 polo seu irmán Javier Castromil Ventureira. A empresa fora absorbendo na súa historia varias pequenas compañías de transporte, como La Regional, Auto Industrial, Alborés, Aguila Sande, Avelino Garrido ou Villalón. Porén, en 2002 foi Castromil a absorbida, pasando a formar parte do grupo Monbús, que pagou 78 millóns de euros pola empresa fundada por Evaristo Castromil. 

 

Os Contos do Castromil

Entre as particularidades que tiñan os autobuses Castromil estaba o feito de que cada vehículo levaba o nome dun ou dunha ilustre da cultura galega, como Rosalía de Castro, Castelao ou Luís Seoane. Así mesmo, Castromil foi unha das primeiras compañías que formaron parte da Fundación Galicia Empresa, que promove a utilización da lingua galega na actividade económica. Ademais, nos autocares repartíanse os Contos do Castromil, unhas edicións de pequeno formato con relatos de autores galegos e galegas, que chegaron a roldar o medio millón de exemplares distribuídos. Foi unha iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, con edición de Ir Indo, patrocinada pola Xunta entre os anos 1992 e 1994.

"Contos do Castromil é unha colección que pretende achegar ó lector e viaxeiro unha selección de autores de relato galego que o leven tamén pola rota da imaxinación", podíase ler na contraportada. A dirección literaria estivo a cargo de Xosé González Martínez, Xoaquín Monteagudo, Paulino Novo e Xosé M. Rodriguez Abella e en total editáronse 30 títulos. Ningún dos seus autores e autoras cobraron polos seus textos, porén todos eles e elas recibiron un carné que lles permitía viaxar sen pagar en calquera das liñas do Castromil, igual que o que no seu día tivera Ramón Otero Pedrayo. 

Un 'Castromil' no ano 1935 © Monbus
Varios 'castromiles' aparcados na Coruña nos anos 30 © Monbus
Na Mariña da Coruña, no ano 1940 © Monbus
Un dos vehículos que cubría a liña Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña no ano 1950 © Monbus
Sede central de Castromil, no edificio homónimo na Praza de Galicia de Compostela, derrubado en 1975 © Monbus
Cartel do Castromil deseñado por Camilo Díaz Baliño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.