Irmás Cartoné, unha década traendo historias ao galego para que resoen entre diferentes xeracións

Últimos libros publicados por Irmás Cartoné este ano © Irmás Cartoné

A editorial Irmás Cartoné fai unha década traducindo ao galego clásicos da literatura universal: historias de diferentes épocas e temáticas que teñen moi en conta a quen escribiu desde as marxes

O sempre componse de moitos agoras. Esta frase que escribiu Emily Dickinson preside a contracapa da axenda coa que Irmás Cartoné propón pasar o ano próximo. Di Celia Recarey Rendo que bateu con esta sentenza por casualidade, lendo. Un tempo antes ficara enredada no herbario da gran poeta da natureza, que Carlos Valdés García converteu en identidade visual da axenda. Da mesma maneira que atopan persoas coñecidas polas rúas de Compostela, baten nas súas lecturas con autoras que axiña formarán parte da súa rede.

Vivindo nos libros coñecéronse estas dúas tradutoras e editoras, que hai dez anos iniciaron un proxecto propio, a editorial Irmás Cartoné, coa que traen ao galego clásicos da literatura universal: “Se un libro sobrevive (ou non) no tempo vese a posteriori, nós realmente xogamos sobre seguro niso”, afirman, pois nos chamados clásicos están presentes as preocupacións universais do ser humano. Entoan un si ao unísono cando se lles pregunta se sempre están a ler algo. Iso si, confesan que con tanta lectura para editar e traducir, perden un pouco de ler só por pracer.

Carlos Valdés García e Celia Recarey Rendo, editoras e tradutoras © Irmás Cartoné

Alá por 2014, cando botou a andar Irmás Cartoné, Celia Recarey xa contaba con chegar ata hoxe –“Quizá eu son máis optimista irracionalmente” [ri]– pero Carlos Valdés non pensaba pasar dos catro anos: “Empezaba a abaratarse tanto a produción impresa que pensei que todo o mundo comezaría a montar editoriais. Imaxinábanos perdidos nunha marea de editoriais”, conta. Mais non foi así, de feito, poucos proxectos acadaron unha identidade tan definida coma o deles, no que se establece unha coherencia –como un fío invisible– entre as súas publicacións, a pesar de transitar temáticas e épocas distintas.

"Se un libro sobrevive (ou non) no tempo vese a posteriori, nós realmente xogamos sobre seguro niso", afirman as editoras e tradutoras detrás de Irmás Cartoné, Celia Recarey Rendo e Carlos Valdés García

“Creo que non nos pisamos entre as editoriais porque cada unha segue os seus gustos, podes coincidir nalgún momento e iso tampouco é necesariamente malo: que haxa varias editoriais publicando un determinado tipo de obras nun mercado no que aínda falta tanto por facer non é malo”, argumenta Recarey.

Nestes dez anos non cambiaron as políticas da Xunta a respecto da Cultura, non melloraron as axudas para o sector do libro nin as destinadas para a tradución. De feito, desde a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), á que pertencen as responsables de Irmás Cartoné, denuncian que a contía destinada á tradución (tanto doutras linguas ao galego como do galego cara a outras linguas) é a mesma hoxe que en 2009, no primeiro Goberno do PP de Feijóo e Rueda.

“O proxecto foi cambiando bastante desde a idea inicial, pero o que está aí desde o comezo sempre son os nosos gustos persoais, que non son iguais, e nesa diferenza xorden escollas interesantes. Desde o comezo están moitos dos temas que nos interesan aos dous, como é o tema da muller ou de diferentes aspectos relacionados co traballo. Agora imos seguir a liña que empezamos con Pasar, de Nella Larsen, que é a exploración desa visión en negativo do soño americano, que nos interesa moito, e a contemplación do mundo branco desde a perspectiva negra americana. Todo vai xurdindo a base de mesturar gustos”, explica Carlos Valdés.

Axenda para 2025 e diario de lectura con portadas deseñadas a partir do herbario de Emily Dickinson © Irmás Cartoné

"O que está aí desde o comezo sempre son os nosos gustos persoais, que non son iguais, e nesa diferenza xorden escollas interesantes", di Carlos Valdés

“Hai unha coherencia no catálogo, pero non tanto como unha cousa moi pensada senón que os nosos propios intereses e a comunicación continua vannos levando cara a determinados lugares. O que imos lendo vainos guiando”, apunta Celia Recarey. Saltan duns autores a outros, que descobren a partir de citas ou mencións; ademais, xa teñen un bo feixe de autoras predilectas. “Imos facendo como pequenas constelacións arredor das obras, indagando nos satélites que aparecen”, sinala Valdés. Investigan nos sitios web das bibliotecas universitarias, onde sempre atopan curiosidades, e len moita crítica ianqui e do Reino Unido.

Proxectan os libros a un ano vista, ou máis. Din que non son moi estruturadas nese sentido, aínda que a experiencia ensinoulles que se en algo teñen que darse présa é en comprar os dereitos das obras que lles interesan. O mercado editorial vai moi rápido, os libros aguantan como novidade escasas semanas nos andeis das librarías e Irmás Cartoné non quere –nin se pode permitir– ese ritmo.

"Temos un público igual non moi grande pero moi fiel e cun contacto moi directo", celebran

“Agora a editora si que vai mellor, pero ao comezo hai un punto de aguantar porque queres, porque cres no proxecto e queres seguir facéndoo. Durante moito tempo con que os libros se cubrisen a si mesmos, ías tirando, pero agora parece que a cousa comeza a estar mellor”, detalla Recarey.

Neste tempo foron creando unha comunidade de lectoras e lectores ao seu arredor, coa que se comunican principalmente a través dos seus perfís en Instagram, X (antes Twitter) ou Facebook. “Temos un público igual non moi grande pero moi fiel e cun contacto moi directo”, celebran. Na súa newsletter, con periodicidade mensual, crearon a súa propia canle de interacción, sobre todo coas persoas subscritoras, que lles aportan certa seguridade á hora de seguir publicando.

Van polo segundo ano do club de lectura que organizan xunto á libraría Numax en Santiago, que este novembro vai ler O axolote e outros contos de bestas e auga, de Lara Dopazo, editado por Galaxia. “Sérvenos para coñecer mellor que leva a xente a escoller as súas lecturas. Por exemplo, unha cousa que me dá moita mágoa é que a xente xa non desfruta moito dos libros gordos. A partir de 400 ou 500 páxinas a xente quéixase, e iso dáche unha idea de cara a onde podes ir. De feito, os nosos libros menos vendidos sempre son os máis grosos. Para min como criterio non é válido, pero hai que asumir as realidades”, di Valdés.

'Winesburg, Ohio', de Sherwood Anderson, traducido por Carlos Valdés © Irmás Cartoné

Isto ten que ver co tempo libre, mais tamén coa capacidade de atención. “Cada vez temos menos capacidade de sentarnos, relaxarnos e poñernos a ler unha historia. Sempre hai o lector moi lector, pero cada vez é máis difícil en xeral”, apunta Recarey. Un pouco nesta liña encaixa a nova colección que van estrear antes de que remate o ano. Dunha sentada acollerá novela breve, algún ensaio ou relatos. O primeiro título será Carta ao pai, de Franz Kafka, en tradución de David Álvarez Martínez.

A longo prazo aspiran a aumentar as linguas das que traducen, onde atopan atrancos porque non queren deixar de traballar con tradutoras directas, que traduzan as obras da súa lingua orixinal directamente ao galego. “Gustaríanos que isto servise como apoio para que a xente se forme e haxa máis tradutoras, aínda que sabemos que é un sector moi precarizado tamén”, salientan.

Presentan unha nova colección, Dunha sentada, que acollerá novela breve, algún ensaio ou relatos. O primeiro título será 'Carta ao pai', de Franz Kafka, en tradución de David Álvarez Martínez

“Para nós é moi simple, ofrecemos o que a nós nos gusta e contamos con que non somos as únicas persoas ás que nos gustan esas cousas feitas desa maneira; vaste atopando con esa xente e esas persoas tamén che van atopando a ti”, asegura Celia Recarey, e aquí entran tamén os artigos de papelería que crean á par dos libros: cadernos, diarios de lectura e axendas anuais cunha estética que replica o seu selo.

“Queremos que o primeiro contacto co libro, coa axenda ou con calquera das cousas que facemos sexa de entrada atraente. Coas traducións asumimos que os libros son máis unha proposta que fas, unha pregunta que lanzas ao aire. Ás veces, na Culturgal ou na Selic en Compostela si vén xente que nos comenta se lles gustou un libro, ou se non; pero normalmente só sabemos se se vende máis ou menos”, debulla Valdés.

Na súa colección xeral veñen de publicar Winesburg, Ohio, de Sherwood Anderson, traducido por Carlos Valdés; e antes de fin de ano presentarán O cuarto de Giovanni, de James Baldwin, en tradución de Celia Recarey. “Á hora de escoller os títulos que publicamos facémolo coa ilusión de que resoen a persoas de diferentes xeracións, que os poidan ler a nai de Celia ou os nosos sobriños”, di Valdés.

'Os caravanistas', de Elizabeth von Arnim, traducido ao galego por Celia Recarey © Irmás Cartoné

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.